“A partir de agora en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar”

As novas normas sobre uso de medicamentos obrigan a xustificar a necesidade do tratamento e a identificar ao animal a tratar na receita. Gerardo Rivero, xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta, asegura que tanto os gandeiros como os veterinarios “deben cambiar o xeito de traballar”

Gerardo Riveiro, en primeiro termo, durante as recentes xornadas organizadas por Agromuralla

Gerardo Rivero, en primeiro termo, durante as recentes xornadas organizadas por Agromuralla

O Real Decreto 666/2023 sobre Medicamento Veterinario e o Real Decreto 992/2022 de Uso Sostible de Antibióticos son dúas das novidades lexislativas que afectarán a partir deste ano ás granxas e aos veterinarios que as levan, co punto de mira posto na diminución do uso de antibióticos nas ganderías.

“Nesta última negociación da PAC houbo presións en Europa para condicionar as axudas da PAC a España ao compromiso e esforzo do Goberno español na redución de antibióticos”, explica Gerardo Riveiro, xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta.

Entre as funcións neste ámbito do veterinario de explotación, que a maioría de ganderías deberán designar antes do vindeiro 18 de maio, está a identificación dos antimicrobianos de que deberán aplicarse de maneira prioritaria na granxa, o rexistro dos tratamentos, a valoración do consumo habitual de antibióticos da explotación e a elaboración de informes trimestrais, a identificación das causas que puideran ter orixinado un incremento puntual no consumo, a supervisión das medidas para a almacenaxe e conservación dos medicamentos dos tratamentos en curso e dos sobrantes dos tratamentos anteriores, así como o plan de xestión dos residuos de medicamentos.

O veterinario de explotación deberá elaborar un informe trimestral de consumo de antibióticos e establecer medidas correctoras para as granxas que superen a media nacional

“O Real Decreto 992/2022, que empeza a aplicarse xa este ano, vai crear complicacións en determinadas explotacións, porque inicia as comparacións entre ganderías”, recoñece Gerardo. “Aquelas que estean por enriba da media van ter que poñer en marcha medidas concretas de control e hixiene”, indica.

Secado selectivo  

No ano 1998 aprobouse un primeiro Real Decreto 1749/1998 que abriu o camiño ao control e redución de medicamentos. Desde entón, a vixiancia sobre o uso de antibióticos nas granxas e o seu control nos produtos de consumo foise incrementando.

“Fai moitos anos que en Galicia se miran as quinolonas en vacún de leite. Esas análises nas mostras do Ligal levou a que hoxe os residuos de quinolonas no leite practicamente teñan desaparecido”, afirma Gerardo, que destaca o camiño andado polo sector neste eido.  

“Nos anos 90 a normativa europea falaba de 400.000 células somáticas e a media das granxas de leite en Galicia era de 700.000 células, pero hoxe os tempos cambiaron. Iso permite que non sexan necesarios antibióticos en todos os casos á hora de secar as vacas. Hoxe non se pode facer un secado en sábana a todas as vacas; hai que ir cambiando totalmente a maneira de traballar”, asegura o responsable da Xunta.

Asociación estratéxica entre gandeiro e veterinario

A restrición ao uso xeralizado de antibióticos obriga ao tratamento individualizado dos animais e unha maior presenza do veterinario na explotación. Aínda que “a prescrición non sempre implica ter que ir ver a vaca”, indica Gerardo.

“Hai unha serie de casos nos que se pode emitir unha receita sen exame clínico se o facultativo ten un coñecemento exhaustivo da explotación, pero independentemente de que se vaia á granxa ou non temos que cambiar o xeito de traballar e xustificar por que facemos as cousas”, di.

É imprescindible tal como se puxeron as cousas que o veterinario e a gandería teñan unha relación continua

“Hoxe xa non se pode traballar se non hai unha asociación entre o veterinario e o gandeiro. A nova regulamentación invertiu a carga da proba e fai que o veterinario teña que poder demostrar en todos os casos a necesidade e xustificación do tratamento. Restrinxiuse moito o criterio facultativo; se o veterinario non pode demostrar unha relación estable coa explotación practicamente non pode traballar”, recoñece.

Restricións a medicamentos habituais como o calcio

A partir de agora, en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar, algo que até este ano non era necesario. Iso, engadido a que o gandeiro non poderá ter no seu poder un medicamento se non ten a correspondente receita, fai que non poida haber no botiquín das explotacións produtos que até agora eran habituais, como por exemplo calcio.

“O Regulamento europeo establece que os medicamentos poderán utilizarse exclusivamente nas condicións que estableza a súa ficha técnica, e o calcio pon na súa ficha técnica que é de uso exclusivo de veterinarios, por iso se prohibe a dispensación ao público”, xustifica Gerardo.

A partir de agora, en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar, algo que até este ano non era necesario

“Somos todos unha cadea, desde os veterinarios de campo ás Autoridades de supervisión e control oficial e todos temos que facer o noso traballo. No noso caso somos unha especie de policía sanitaria que trata de verificar que se cumpren as normas. Grazas a iso non hai fronteiras aos produtos dentro do territorio comunitario. Estamos ao servizo do mercado interior e no noso caso somos unha especie de auditoría ao sistema de produción de alimentos de orixe animal de Galicia”, di.

O xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Consellería pon o énfase na necesidade de que os prospectos e fichas técnicas dos medicamentos estean actualizados e pon como exemplo as reaccións detectadas provocadas pola vacina da lingua azul. “A povidona, que é o que se cre que provoca a reacción cruzada, non estaba declarada na lista de ingredientes. A min paréceme iso gravísimo. En canto tivemos constancia desa circunstancia polas queixas dos veterinarios que estaban detectando eses problemas puxemos unha queixa inmediatamente á Axencia Europea do Medicamento”, indica.

“Chámame a atención o atrasados que estamos aínda hoxe na xestión dos residuos veterinarios”

O Plan de Uso Racional de Medicamentos Veterinarios, derivado do Real Decreto 634/2023, o mesmo que regula a designación do veterinario de explotación e a elaboración do Plan Sanitario Integral, obriga a que todas as explotacións gandeiras conten cun plan de xestión de residuos de medicamentos.

“Chámame a atención o atrasados que estamos a día de hoxe en Galicia na eliminación e destrución de medicamentos. Isto é algo que me preocupa e que vai traer problemas, porque estes residuos son fonte de resistencias e vannos atacar por aí no asunto da redución de antibióticos”, indica Gerardo Rivero.

A miña proposta é que as cooperativas se convirtan en xestores de residuos e unha vez ao ano fagan recollida polas granxas

“A miña proposta para solucionar isto é que as cooperativas se convirtan en xestores de residuos e unha vez ao ano fagan recollida polas granxas”, propón para avanzar nesta materia, tendo en conta o número de granxas existentes na comunidade e a súa dispersión polo territorio.

Normas alonxadas da realidade do sector

“Cambian as normas porque cambiou a sociedade e a sensibilidade do lexislador, que está cada vez máis lonxe do campo”, asegura. “Os produtores e os veterinarios estamos en minoría e ás veces o lexislador, tanto europeo como español, vénse arriba á hora de ditar normas”, considera.

Fai 50 ou 60 anos había nenos con raquitismo por non ter un vaso de leite que levar á boca, pero iso os veganos de hoxe de 30 ou 40 anos non o saben

“Fai 150 anos que o lobo non come a unha persoa pero vai acabar pasando. Porque nunha poboación excesiva de lobos esas son as consecuencias. Sábeo calquera persoa con coñecementos de bioloxía, pero non o sabe o lexislador”, quéixase.

Como exemplo dese distanciamento evidente entre as normas que emanan de Bruxelas e o sector produtor, Gerardo pon o Regulamento 2019/6 da UE sobre Medicamentos Veterinarios, que inclúe tamén outras cuestións que teñen que ver con aspectos de benestar animal. “Neste Regulamento a UE é draconiana con gandeiros e veterinarios”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información