“A redución de antibióticos en vacún no 2022 foi moi positiva”

O consumo de tetraciclinas, fluoroquinolonas e cefalosporinas caeu á metade no último ano. O 78% das explotacións lácteas e o 86% das ganderías de carne atópanse dentro dos rangos permitidos no novo Real Decreto de uso sostible destes medicamentos

Raquel Gómez, durante las jornadas organizadas por la Cooperativa Central de Frades

Raquel Gómez, durante as xornadas organizadas pola Cooperativa Central de Frades

O Real Decreto de Uso Sostible de Antibióticos prevé actuacións en función do consumo de antibióticos en cada granxa. Raquel Gómez Gómez, da subdirección xeral de Sanidade e Hixiene Animal do Ministerio de Agricultura, explicou recentemente nunha xornada técnica organizada pola Cooperativa Central de Frades as implicacións que estes controis terán para as ganderías.

Ata o de agora, a adhesión ao PRAN (Plan Nacional de Redución de Antibióticos) foi voluntario para as explotacións, pero a partir de agora todas as granxas deberán cumprir o Real Decreto 992/2022, polo que se establece o marco de actuación para un uso sostible de antibióticos en especies de interese gandeiro, o que converte a redución deste tipo de medicamentos en algo obrigatorio para todas as ganderías.

A base desta nova normativa atópase no establecemento de niveis medios de consumo de antibióticos por especies de gando e na vixilancia e control daquelas explotacións que máis se afasten desta media.

Indicador de referencia

O termo “consumo habitual” fai referencia ao valor medio de uso de antibióticos nunha explotación, calculado a través da cantidade de antibiótico utilizada ao longo do ano (trimestre en curso e os dous anteriores). “O cálculo faise desta forma para que se temos unha enfermidade un mes non se dispare a estatística xeral da explotación”, explica Raquel.

A partir do sumatorio dos consumos habituais de todas as explotacións nun ano, dividido entre o número total de explotacións, calcúlase o indicador de referencia nacional, é dicir o consumo medio anual de antibiótico por especie.

O índice nacional de referencia publicarase o 1 de xuño de cada ano

Despois, establécense uns rangos para situar ás explotacións en función da súa situación con respecto ao indicador de referencia nacional, é dicir, catalóganse todas as ganderías en función de se consomen anualmente máis ou menos antibióticos que a media das granxas desa especie.

5 categorías de explotacións

Real Decreto antibioticos2

As explotacións que se sitúen por enriba da media en consumo de antibióticos, clasificaranse en 5 estratos en función da súa porcentaxe de desviación: inferior ao 5%, entre o 5 e o 26%, entre o 26 e o 51%, entre o 51 e o 100%, e máis do 100%.

Se a desviación non supera o 5% non será necesario establecer ningunha medida correctora

As ganderías que consuman ata un 5% máis de antibióticos que a media de granxas da súa mesma especie non terán que realizar ningunha actuación adicional. As que se desvíen da media entre o 5 e o 26% deberán adoptar medidas para a diminución do uso de antibióticos en función das recomendacións que realice o veterinario de explotación dentro do Plan Sanitario Integral da granxa.

Real Decreto antibioticos1

Cando o consumo de antibióticos supere en máis do 26% á media de granxas, a explotación quedará baixo supervisión das autoridades sanitarias das comunidades autónomas, que avaliarán as medidas correctoras establecidas. Esas ganderías disporán dun prazo de 6 meses para reducir o seu uso de antibióticos.

A partir dun 26% por enriba da media nacional de uso de antibióticos haberá que enviar ás autoridades sanitarias unha avaliación da situación e as medidas correctoras a aplicar

En caso de persistir o problema, a explotación arríscase a sufrir restricións ao movemento de animais cando o seu consumo duplique a media establecida no indicador nacional de referencia.

Pero neste momento o 77,8% das ganderías de leite e o 86% das de carne atoparíanse dentro do rango do 5% de consumo de antibióticos superior á media, polo que non terían que adoptar ningunha medida correctora.

Redución do 50% para 2030

Real Decreto antibioticos consumo vacuno

O consumo total de antibióticos en gando bovino en España sitúase en 85 toneladas anuais. “Foi moi positiva a redución de antibióticos en 2022, sobre todo en pensos e en auga”, destaca Raquel.

A UE fixouse como obxectivo lograr reducir á metade o consumo de antibióticos no ano 2030 para o que o Real Decreto español establece medidas reforzadas para aquelas granxas que no prazo de dous anos non consigan unha diminución no uso de antibióticos.

O consumo total de antibióticos en gando bovino en España sitúase en 85 toneladas anuais

Poñerase especial énfase en baixar o uso de antibióticos do grupo B, que inclúe ás cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración, ás fluoroquinolonas e ás polimixinas, cuxo consumo non poderá ser superior nun 25% á media das explotacións desa especie.

Real Decreto antibioticos consumo vacuno por tipos

O uso desta categoría de antibióticos, considerados perigosos polas implicacións en canto a resistencias de bacterias en humanos, reduciuse considerablemente no último ano (un 58% no caso das fluoroquinolonas e un 56% no caso das cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración).

En canto ao modo de aplicación, no conxunto do gando bovino destaca sobre todo a redución producida en pensos medicamentosos (-84,5%) e tratamentos en auga de bebida (-36%). O descenso acentuouse sobre todo en 2022.

A final de ano estará aprobada a nova clasificación de antibióticos a prescribir

Por tipos de explotacións, nas ganderías lácteas está a aumentar a utilización de inxectables, mentres nos cebadeiros cárnicos redúcese considerablemente o uso de pensos medicamentosos.

Nas ganderías de vacún de leite diminuíu á metade o uso de antibióticos do grupo B nos últimos dous anos, aínda que como contrapartida incrementáronse os de categoría C (macrólidos nun 74% e aminoglicósidos nun 5,5%) e D (penicilinas naturais nun 61% e trimetoprimas nun 15%).

Valoración trimestral do consumo de antimicrobianos

Plan Sanitario Integral veterinario de explotacion3

A normativa en materia de antibióticos obriga a introducir as prescricións en PRESVET, no módulo de Xestión de Gandeiros. Hai un prazo de dous meses para subir os datos e corrixir os erros que puidesen producirse nas prescricións.

A través de PRESVET poderán obterse distintos informes trimestrais en relación ao consumo de antimicrobianos na explotación e o veterinario deberá facer unha valoración trimestral sobre as causas que puidesen orixinar un incremento no consumo (enfermidade emerxente ou calquera outra patoloxía que poida estar a causar un aumento de tratamentos con antibióticos).

É obrigatorio meter as prescricións en PRESVET no prazo de dous meses

Estes informes resultantes deberán conservarse durante un mínimo de tres anos ao dispor das autoridades sanitarias. En caso de consumo de antibióticos na granxa superior ao indicador de referencia nacional (media de consumos de todas as granxas da mesma tipoloxía a nivel nacional), o veterinario da explotación deberá identificar as causas e establecer medidas para emendar as deficiencias que observe ou para reducir o consumo global de determinados grupos de antibióticos na explotación.

A través de PRESVET tanto o gandeiro como o veterinario poderán obter datos e estatísticas da explotación, que será sometida a un maior control.  “O Informe T4, que estará dispoñible o 1 de marzo do ano seguinte, será o que nos dea o consumo anual da explotación e será o que use a autoridade competente para meter ás distintas ganderías nos programas de control oficial de riscos”, explica Raquel.

Nomeamento e funcións do Veterinario de Explotación

O Real Decreto de Uso Sostible de Antibióticos está intimamente relacionado co Real Decreto 364/2003 sobre o Veterinario de Explotación, xa que aínda que a normativa de antibióticos entrou en vigor o pasado 2 de xaneiro, non será realmente do todo aplicable ata que o faga a nova normativa que regula as visitas zoosanitarias e o Plan Sanitario Integral das ganderías. Esta nova norma, xa publicada no BOE, conta cun prazo dun ano de adaptación nos seus diferentes aspectos: nomeamento dun veterinario de referencia da explotación e elaboración dun Plan Sanitario Integral da granxa.

“O Regulamento Comunitario R(UE)2016/429, que é de obrigado cumprimento en todos os Estados membros, asigna determinadas responsabilidades ao gandeiro en materia de vixilancia e sanidade animal, que deberá cumprir a través do veterinario de explotación, que é unha figura diferente ao veterinario habilitado pola Administración para campañas de saneamento ou programas de erradicación de enfermidades”, explica Raquel.

Non é o mesmo un veterinario de explotación que un veterinario habilitado pola Administración para campañas de saneamento ou erradicación de enfermidades

Entre as obrigas do titular da explotación atópanse as de manter unha saúde adecuada da cabana gandeira, facer un uso prudente de medicamentos e adoptar as oportunas medidas de bioseguridade na granxa.

O gandeiro e todos os empregados que traballen cos animais da explotación deberán ter coñecementos básicos en materia de sanidade animal en relación ás principais enfermidades, boas prácticas e resistencias antimicrobianas.

O titular da explotación ten a obriga de notificar casos de sospeita de enfermidades graves na súa granxa e adoptar medidas para evitar a súa propagación

En caso de detectar situacións anómalas na granxa, como casos de mortalidade anormal ou indicios de enfermidade grave, o seu titular ten a obriga de comunicalo á autoridade competente en materia sanitaria; así como adoptar as medidas necesarias para facilitar o seu control e evitar a súa transmisión e propagación.

Exentas as ganderías con menos de 5 UGM

Plan Sanitario Integral veterinario de explotacion1

Os gandeiros deberán designar un veterinario de explotación, que terá entre as súas responsabilidades a redacción do Plan Sanitario Integral da granxa, a formación e concienciación do titular e os empregados da explotación en materia de sanidade, benestar animal, saúde pública e resistencias antimicrobianas, así como a implantación e seguimento de medidas a adoptar en materia de prevención e detección temperá de enfermidades, mellora da bioseguridade para evitar a súa entrada e propagación, así como outras relativas ao seu control e erradicación.

A norma afecta a todas as ganderías de vacún con máis de 5 UGM, que dispoñen dun ano de prazo para designar un veterinario de explotación e contar cun Plan Sanitario Integral

Cando nunha explotación traballan varios veterinarios (clínica, reprodución, calidade de leite, etc), a gandería deberá designar a un deles como veterinario de explotación aos efectos da redacción do Plan Sanitario Integral da granxa, a súa aplicación e supervisión e demais obrigas.

Se a explotación pertence a unha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) poden ser varios veterinarios os que figuren como veterinarios da explotación. O cesamento deberá ser comunicado por vía dobre á Administración, tanto por parte do gandeiro como por parte do propio veterinario, no prazo de 7 días.

Plan Sanitario Integral

Plan Sanitario Integral veterinario de explotacion2

O veterinario de explotación debe deseñar e supervisar a execución do Plan Sanitario Integral da granxa, que debe incluír como mínimo un plan de hixiene e bioseguridade, un programa de vacinación dos animais e de vixiancia e control de parasitos, así como medidas de redución de antibióticos e uso racional de medicamentos.

Deberán dispoñer de programa sanitario todas as explotacións, salvo as de autoconsumo, e deberá actualizarse cada 5 anos

Deberán dispoñer de programa sanitario todas as explotacións, independentemente da especie, salvo as de autoconsumo. Este Plan Sanitario Integral deberá actualizarse sempre que se produzan cambios significativos na granxa (instalacións, manexo, censo, orientación produtiva, etc) e como mínimo cada 5 anos.

Visitas Zoosanitarias

Plan Sanitario Integral veterinario de explotacion visitas zoosanitarias

Outra das patas principais do Real Decreto son as visitas zoosanitarias por parte do veterinario de explotación, que deberá realizar controis na granxa, cunha periodicidade que variará en función da clasificación da explotación: unha vez cada seis meses para ganderías con risco alto; 1 vez ao ano para ganderías de risco medio e 1 vez cada 18 meses en caso de risco baixo.

Cada dous anos as autoridades sanitarias analizarán o risco de enfermidades de todas as ganderías

Esta análise de risco das ganderías realizarase cada dous anos por parte das autoridades sanitarias en función do tipo de establecemento, a situación epidemiolóxica da especie de gando en cada momento e aspectos individuais da granxa como resultados en controis anteriores ou datos declarados de consumo de antibióticos.

As visitas zoosanitarias do veterinario de explotación están enfocadas á prevención de enfermidades e detección precoz de sintomatoloxía e signos clínicos de enfermidades, así como a prestar asesoramento en materia de bioprotección.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información