A recuperación de terras do abandono centra o debate dos presupostos de Medio Rural para 2023

A Consellería anuncia a próxima publicación dun modelo de estatutos das agrupacións forestais de xestión conxunta. Entre as novidades orzamentarias, figura unha partida de 200.000 euros en axudas para as ganderías afectadas pola praga da rata toupa

A recuperación de terras do abandono centra o debate dos presupostos de Medio Rural para 2023

Aldea modelo no Incio. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural vén de presentar no Parlamento o seu proxecto de orzamentos para o 2022. En cifras xerais, aumenta o seu presuposto un 5%, ata os 679 millóns de euros. O conselleiro, José González, apuntou como liñas estratéxicas para o 2023 a mesma folla de ruta que xa debuxara o pasado ano. Un dos eixos sobre os que insiste é a recuperación de terra agraria por medio dos instrumentos que figuran na Lei de Recuperación: aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta. Prevese ademais a posta en marcha no 2023 do xa anunciado Banco de Explotacións.

Desde a publicación da Lei, Medio Rural iniciou os trámites para a creación de 10 polígonos agroforestais (7 en Ourense, 2 en Pontevedra e 1 na Coruña) e anuncia outros 11 con trámites previos. Igualmente, a Xunta sitúa entre os logros da Lei de Recuperación a consolidación de 21 aldeas modelo, con 7 máis en trámite.

O instrumento pendente de implementar, que se prevé abordar no 2023, é o das agrupacións forestais de xestión conxunta, orientadas a combatir o minifundio forestal. O conselleiro anunciou no Parlamento que en breve se publicará un modelo de estatutos de agrupación forestal. A idea da Consellería é iniciar experiencias con estas agrupacións nos soutos de castiñeiros do Oriente galego, unha acción para a que prevé 1 millón de euros en apoios.

En canto ós traballos dos polígonos agroforestais e aldeas modelo, Medio Rural prevé destinar máis de 9 millóns de euros. O conselleiro subliñou ademais que o seu departamento continúa co programa de concentracións parcelarias: “Este 2022 entregáronse os títulos de 28 concentracións e estamos a cumprir o compromiso de decretar unha nova reestruturación parcelaria por cada entrega de títulos, co cal remataremos o ano con 28 novas reestruturacións decretadas”, asegurou González.

Para este 2023, a Consellería proxecta tamén iniciar a posta en marcha de polígonos cortalumes de iniciativa pública en áreas de recurrencia de grandes incendios. Son polígonos que terían por obxectivo crear discontinuidades nas masas forestais por medio de cultivos, pastos ou masas de frondosas caducifolias.

“A nosa superficie agraria útil está alugada na Ucraína e ó outro lado do Atlántico” (Xosé Luis Rivas, ‘Mini’)

Valoracións da oposición
Desde os grupos de oposición, pola súa banda, calificaron de “propaganda” os polígonos agroforestais en marcha que anuncia a Xunta. “Falan de 9.000 hectáreas recuperadas, pero na práctica poden ser algo máis de 200 hectáreas, o resto son proxectos”, sostén o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’, que criticou que “non hai unha previsión orzamentaria suficiente para levar á práctica a Lei de Recuperación de Terras”.

“A nosa superficie agraria útil está en Ucraína e ó outro lado do Atlántico, en tanto temos abandonadas áreas cerealistas de regadío como o Val de Lemos”, cuestionou ‘Mini’. O deputado demandou un Banco de Terras que sexa operativo na práctica á hora de mobilizar a terra abandonada e lembrou os datos que manexa a propia Xunta: “Temos máis de 700 concentracións parcelarias con 23.000 hectáreas abandonadas” (nas que máis do 50% da superficie está a mato).

‘Mini’ fixo tamén un repaso polo que considera un “caos” na ordenación do territorio, “con 50.000 hectáreas de terras agrarias forestadas ilegalmente” -cifrou- e “monte devastado por grandes incendios que non se está a restaurar. Nas Neves (Pontevedra) pódense ver aínda moitas zonas afectadas polos lumes do 2017 que seguen sen recuperar. Este ano temos 50.000 novas hectáreas queimadas que precisan de accións”, demandou.

No ámbito forestal, si hai coincidencia do Bloque co conselleiro na necesidade de impulsar as agrupacións forestais de xestión conxunta (Uxfor na terminoloxía de ‘Mini’), así como os cortalumes verdes, “en marcos de 20×20 metros, de xeito que poidan ser pastoreadas por gando extensivo”, propón o grupo nacionalista, que suxire crear en Galicia un ciclo formativo de pastor nos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da Xunta.

O debate incluíu tamén un intercambio entre a portavoz popular, Elena Candia, e o deputado socialista Martín Seco. Candia aproveitou a súa quenda de palabra para cuestionar situacións das que culpou ó Goberno central, como a alza do gasóleo e da electricidade para as granxas, ou a Estratexia do Lobo; en tanto Seco sacou peito das axudas concedidas este ano polo Goberno central a máis de 18.000 ganderías en Galicia para afrontar o aumento de custos derivado da Guerra de Ucraína.

Subvencións 2023

A presentación do proxecto de presupostos no 2023 serviu igualmente para que o conselleiro debullase as liñas de subvencións e investimentos previstas para o próximo ano. En canto ás subvencións, son en boa medida continuistas das liñas dos últimos anos. Así, prevense 54,8 millóns de euros para plans de mellora de explotacións e incorporación de persoas mozas no agro, 30 millóns de euros para a industria agroalimentaria e 5 millóns para maquinaria agrícola en común.

Entre as novidades do 2023, figura a convocatoria dunha liña de axudas para as ganderías afectadas pola rata toupa no interior de Lugo. Son apoios destinados á compra de forraxe e prevese para iso unha partida de 200.000 euros. Convocarase tamén no primeiro semestre a axuda xa anunciada en setembro para compensar ás ganderías de carne polos baixos prezos da carne e o aumento de custos.

En materia forestal, entre outras partidas, programaranse arredor de 9 millóns de euros para instalación e mantemento de masas forestais, así como outros 3,8 millóns para o castiñeiro, incluíndo plantacións e restauración de soutos tradicionais. Continuarán tamén as liñas da Axencia Galega da Industria Forestal para apoiar a compra de maquinaria, así como a liña de subvención ás construcións en madeira.

Investimentos 2023

En materia de investimentos, estes son algúns dos principais proxectos anunciados polo conselleiro, a maioría xa coñecidos e algúns incluso presupostados no anterior exercicio, como o chamado ‘Espello do rural’, en Sergude, o apoio ó Banco de xermoplasma de Mabegondo ou a lonxa dixital de gando.

– Primeira fase do ‘Espello do rural’, cun investimento de 4,7 millóns de euros no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

– Banco de xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: 3,4 millóns de euros.

– Oficinas Agrarias Comarcais, 6 millóns de euros no periodo 2023-2024. Para Lalín anúnciase unha nova oficina, cun presuposto de 3,7 millóns de euros, e para a de Lugo un investimento futuro de 2,8 millóns de euros; no 2023 redactarase o seu proxecto.

– Novas motobombas e equipos para os servizos de extinción de incendios: 10 millóns de euros.

– Novas bases das unidades de extinción de incendios en Muiños (Ourense), Rianxo (A Coruña), Mondoñedo (Lugo) e Lalín (Pontevedra), esta última cunha base de helicópteros. Mellorarase tamén a base de helicópteros de San Xoán de Río: 5,5 millóns de euros. Outros 1,9 millóns irán a unha nave de almacenamento e taller en Botos (Lalín) e a melloras na base de Verín.

– Regadío da Limia, 2,3 millóns de euros.

– Lonxa agropecuaria dixital, 400.000 euros.

– Mercado dixital (Market place) para os produtos de explotacións agrarias: 500.000 euros.

Matadoiro móbil para reses menores (ovino, caprino, aves): 750.000 euros.

– No ámbito da cooperación, Medio Rural prevé destinar máis de 10 millóns de euros ó plan Leader, xestionado polos 23 Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, así como 6,6 millóns de euros para grupos operativos e de innovación en materia agroforestal.

– Para a promoción de produtos agrarios de calidad, programaranse 5,4 millóns de euros. González recordou a campaña en marcha, por importe superior ó millón de euros, destinada a promocionar a Ternera Gallega Suprema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información