O Banco de Explotacións Agrarias, impulsado no marco da nova Lei de recuperación de terras abandonadas, estará operativo antes de finais de ano, segundo informou esta mañá a voceira do grupo Popular, María Elena Candia López, na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes. De feito, o propio grupo presentou na comisión unha proposición, que foi apoiada polo resto de grupos, sobre as actuacións para promover a difusión desta nova ferramenta entre os posibles beneficiarios.
A voceira popular informou que nestes momentos están a desenvolver unha aplicación informática coa que xestionar o Banco de Explotacións, cun funcionamento que recorda ó do Banco de Terras, como lembraron dende o grupo socialista. Esta ferramenta pública de mediación pretende poñer en contacto ós gandeiros que se xubilen ou que cesen a actividade con aquelas persoas que teñan interese en incorporarse a este sector. “O obxectivo é buscar a continuidade das explotacións e loitar contra o abandono da actividade e das terras”, sinalou Candia.
Ofrecerá asesoramento para redimensionar as instalacións e facer a actividade viable e sostible
O Banco de Explotacións contará cunha listaxe actualizada das ganderías que estean nesta situación e que sexan susceptibles de participar neste programa e servirá como interlocutor entre as dúas partes interesadas. Ademais, esta ferramenta tamén incluirá un asesoramento para o redimensionamento das instalacións e de precisarse ofrecerá colaboración para o deseño dos plans de negocio, para que as ganderías sexan viables a nivel económico e sostibles no ámbito ambiental.
Calquera persoa poderá solicitar incorporarse ó Banco de Explotacións, pero ademais, incluiránse todas aquelas explotacións que non acrediten a súa continuidade e que recibisen axudas públicas para a súa mellora no período inmediatamente anterior ó cese da actividade, é dicir, que teñan unha subvención activa no momento do peche ou que a recibiran recentemente.
Fixar o prezo
Con todo, inscribirse no Banco de Explotacións tampouco obriga ó propietario a ter que arrendar ou vender as instalacións aínda que teña ofertas sobre elas. “A explotación inclúese para facilitar a transmisión de actividade, pero o dereito do propietario sempre está salvagardado”, indicou a voceira popular.
Tampouco será o Banco de Explotacións o que fixe o prezo das instalacións e terras para o seu aluguer o venda, senón que o prezo será negociable polas partes e terán a mediación da Axencia Galega de Desenvolvemento do Rural. “A finalidade fundamental é aportar información e transparencia neste proceso”, valora.