Acordo para actualizar o Catastro en áreas intervidas pola Lei de Recuperación de Terras

A Xunta e o Goberno central acordan colaborar por medio de grupos de traballo que abordarán tanto as zonas de reestruturacións parcelarias como áreas de aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións forestais de xestión conxunta

Acordo para actualizar o Catastro en áreas intervidas pola Lei de Recuperación de Terras

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral do Catastro do Ministerio de Facenda e Función Pública, Fernando de Aragón Amunárriz, veñen de asinar un convenio de colaboración para o establecemento de procedementos de intercambio de información e actualización de datos catastrais. O acordo asinouse nunha reunión telemática entre ambas partes e consonte ao establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. En representación da Xunta, tamén participaron no acto de sinatura o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Joaquín Macho, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Así, a Lei de recuperación permitirá iniciar a actualización do Catastro, unha cuestión que é competencia exclusiva do Estado, a través do devandito Ministerio, pero na cal Galicia quere colaborar. Así, grazas a esta norma levaranse a cabo procedementos administrativos de revisión de titularidade, xeométrica e topográfica, daquelas parcelas en que exista un interese por recuperalas e poñelas en valor.

Por esta razón, a lei establece que, tras ese proceso de revisión, a Xunta notificará os resultados da investigación ao citado ministerio para que proceda á actualización do Catastro, unha vella demanda da cidadanía e, nomeadamente, dos propietarios de parcelas do rural. Este proceso realizarase a través da formalización deste convenio entre a Xunta e o Estado, de cara a facilitar a información recompilada e actualizar con ela o Catastro.

Investigación da titularidade

Xa que logo, o principal obxecto desta cooperación é propiciar o intercambio de información derivada, entre outros, dos procesos de investigación da titularidade dos bens inmobles existentes en solo rústico ou de núcleo rural, da revisión xeométrica e topográfica de predios e dos procedementos e instrumentos de mobilización e recuperación de terras levados a cabo pola Xunta.

Ambas as partes asinantes consideran especialmente útil que a Consellería do Medio Rural poida tramitar ante a Dirección Xeral do Catastro as emendas de discrepancias e as audiencias a lindantes, con base nos levantamentos efectuados polo devandito departamento da Xunta nos procedementos administrativos de investigación da titularidade e revisión xeométrica e topográfica.

A cooperación institucional no marco deste convenio levarase a cabo coa creación de varios grupos de traballo, que terán a misión de analizar os posibles procedementos que conduzan á actualización do catastro. Os grupos funcionarán nos seguintes ámbitos: investigación da titularidade; aproveitamentos forestais (cortas); montes veciñais en man común, montes de utilidade pública, montes de varas e montes patrimoniais da Xunta; explotacións agrarias e política agraria común (PAC); reestruturación parcelaria e instrumentos de mobilización e recuperación de terra previstos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e coordinación de actuacións en materia de segregacións.

No que atinxe ao grupo de traballo sobre a investigación da titularidade, este esforzarase en establecer mecanismos de colaboración entre a Xunta e o Catastro que faciliten a remisión da información e documentación obtida a partir dos traballos feitos no marco dos instrumentos de recuperación da terra. En consecuencia, este grupo traballará para coordinar ambas as administracións neste eido, co fin de que a remisión dos datos sexa o máis áxil posible.

Aproveitamentos de madeira

O segundo grupo de traballo terá como obxectivo analizar, nun primeiro paso, o grao de coincidencia entre aqueles que se declaran titulares nos aproveitamentos de madeira e os titulares catastrais para, nun segundo paso, establecer un procedemento harmonizado de notificación/comunicación automática de non coincidencias entre as administracións asinantes do convenio.

O grupo de traballo sobre montes veciñais en man común, montes de utilidade pública, montes de varas e montes patrimoniais da Xunta centrarase en analizar a situación, desde o punto de vista catastral, das superficies ocupadas por estes terreos forestais, así como en sinalar a importancia de dispoñer de información e documentación sobre montes deslindados e catalogados.

Dentro do grupo sobre explotacións agrarias e política agraria común (PAC) promoverase o establecemento de protocolos que permitan axustar a información gráfica e alfanumérica das bases de datos dependentes da Xunta e do Estado á realidade existente sobre o terreo.

O obxectivo do grupo de traballo de parcelarias e de instrumentos da Lei de recuperación será, en primeiro lugar, facilitar a integración das zonas de reestruturación parcelaria en proceso en Catastro e que ambas as cartografías estean coordinadas desde o inicio do procedemento de reestruturación. Procúrase así que se poidan entregar os títulos das parcelas de reestruturación parcelaria xa incorporadas ao catastro e que, ao mesmo tempo, as parcelas queden coordinadas no Rexistro da Propiedade na súa totalidade. En canto ás ferramentas da lei, no caso dos polígonos agroforestais que comporten procesos de reestruturación das parcelas, o protocolo empregado será o mesmo que o aplicado para as concentracións parcelarias.

Polígonos e aldeas modelo

No caso dos polígonos agroforestais que non impliquen reestruturación, así como nas aldeas modelo e nas agrupacións de xestión conxunta, a Lei de recuperación regula que deben realizarse actuacións de revisión xeométrica e topográfica das parcelas incluídas no seu perímetro, así como de determinación dos seus titulares. Consonte ao convenio, establécese agora que os resultados destas actuacións se trasladarán á Dirección Xeral do Catastro para que se poidan iniciar os procedementos de actualización da información cartográfica e da titularidade das parcelas.

Por último, o obxectivo do grupo de traballo sobre segregacións é establecer mecanismos de cooperación entre as partes do convenio, co fin de garantir que os actos de segregación que se incorporen ao Catastro se axusten á legalidade no ámbito rústico. Cómpre ter en conta, neste sentido, que a Lei do solo de Galicia é moi restritiva en materia de segregacións de terreos rústicos. Porén, para os supostos ou excepcións para segregar recollidos na normativa agraria ou forestal, faise necesario coordinar as actuacións para mellorar a eficacia de ambas as administracións que redunde en beneficio do interesado. Neste caso, cómpre explicar que a segregación de predios é un acto que permite que unha leira poida ser subdividida noutras con áreas máis pequenas, para deste xeito poder dispoñer delas separadamente de maneira independente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información