Medio Rural proxecta crear un sistema online de compra – venda de gando

A ferramenta permitirá as transaccións sen que nin vendedores nin animais se despracen a unha feira física. Ofrecerá a opción de poxa e a de venda a un prezo fixo

Medio Rural proxecta crear un sistema online de compra – venda de gando

A Consellería do Medio Rural proxecta implementar un sistema online de compra – venda de gando, para o que destinou 500.000 euros nos seus presupostos do 2022. A posta en marcha da aplicación busca facilitar as transaccións, sen necesidade de que compradores, vendedores e animais se teñan que desprazar a unha feira física, segundo explica a Consellería.

A ferramenta pode funcionar ben por sistema de poxa online, ben por compra-venda. Os pagos xestionaranse pola propia plataforma e tamén se ofrecerá a posibilidade de contratar a través do sistema os transportistas para a recollida e entrega do gando.

A aplicación concíbese como un sistema complementario e alternativo ás feiras e mercados de gando.

Potencialidade das vendas online

A posibilidade de promover vendas online tamén está a ser explorada a nivel europeo polos propios mercados gandeiros. En Kilkenny (Irlanda), un 39% das poxas son xa online, segundo constatou nunha recente visita o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, que vén de participar en Irlanda nunha reunión da Asociación Europea de Mercados de Gando.

Kilkenny ten un sistema particular de poxa, pois presenta cada animal de xeito individual nun ring, o que facilita que poida ser valorado a distancia. Desde a implantación da aplicación online de poxa, aumentaron os animais asistentes ó mercado e melloráronse prezos.

Ring de poxa do mercado gandeiro de Kilkenny, en Irlanda.

Ring de poxa do mercado gandeiro de Kilkenny, en Irlanda.

En Silleda, mentres tanto, o obxectivo da Lonxa Agropecuaria de Galicia é seguir mellorando a aplicación creada este ano para facilitar as poxas e avanzar en ofrecer novas funcionalidades.

Xornadas de difusión da aplicación Conta Láctea

Xornada sobre a aplicación Conta Láctea na cooperativa Clun.

Xornada sobre a aplicación Conta Láctea na cooperativa Clun.

No ámbito do vacún de leite, a Xunta lanzou este ano outra aplicación informática, Conta Láctea, neste caso para medir os custos de produción das granxas. Nas últimas semanas, Medio Rural está a desenvolver unha serie de charlas polas distintas comarcas produtoras de Galicia para explicar o funcionamento da ferramenta.

A principal finalidade da aplicación, segundo explica a Consellería, é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. A ferramenta permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.

O acceso á aplicación pode facerse vía web, é gratuíta e entre as súas funcionalidades, figura a posibilidade de imprimir un informe de resultados. Desde a Xunta estímase que este informe pode ser útil na negociación do prezo do leite, de xeito que o prezo de venda, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ó custo de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información