O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai mobilizar máis de 17 millóns de euros en axudas directas para apoiar ao sector cárnico ante a actual crise de prezos, agravada pola guerra de Ucraína. Estes apoios son complementarios dos 11,8 millóns de euros xa comprometidos polo Ministerio para as explotacións galegas de vacún de carne, ovino, cabrún, avicultura e coellos.
As explotacións galegas poderán solicitar ata o 15 de setembro o anticipo da axuda autonómica na súa entidade financieira, en virtude dunha orde publicada o 29 de xullo pola que a Consellería se facía cargo dos gastos financieiros derivados dos anticipos de axudas da PAC e de desenvolvemento rural. Unha vez recibida a petición, o banco consultará co Fondo Galego de Garantía Agraria a contía que lle corresponde á explotación e fará o correspondente ingreso.
A convocatoria das axudas en sí chegará previsiblemente no 2023, segundo informa a Consellería, pero aquelas explotacións que soliciten un anticipo antes do 15 de setembro xa as percibirán previsiblemente este mesmo mes.
Os datos anunciados pola Consellería apuntan a que unha explotación de vacas nodrizas percibirá ata 135 euros por vaca coa axuda autonómica. A esta cantidade haberá que sumar os arredor de 60 euros correspondentes á axuda do Ministerio de Agricultura.
Do total de 17 millóns de euros das axudas autonómicas para o sector da carne, 14,6 millóns de euros corresponden ó vacún de carne e os restantes 2,4 millóns ó ovino, cabrún, avicultura e granxas de coellos.
Rueda anunciou estes datos nunha visita que realizou esta mañá a unha explotación de vacún de carne de Trazo.