O sacrificio de cordeiros en matadoiro representa en Galicia un custo medio de 8 – 15 euros por animal, segundo as estimacións de Ovica, a asociación que agrupa ós criadores de ovino e cabrún da comunidade. A ese custo hai que sumarlle os gastos de desprazamento e a realidade de que a gran maioría das 19.600 ganderías galegas de ovino e cabrún son pequenas explotacións, con poucos sacrificios simultáneos. “Os desprazamentos e as tarifas dos matadoiros repercuten moito no prezo da carne”, explican os técnicos de Ovica.
Ese panorama leva a que arredor dun 70% dos sacrificios de ovino e cabrún se efectúen en Galicia fóra dos matadoiros. Tampouco é mellor o escenario para as granxas artesanais de aves e coellos, que ó problema dos custos, suman a dificultade da escasez de centros de sacrificio.
A cuestión de fondo é a falta de control sanitario sobre os sacrificios irregulares, que ata agora se viñan practicando cunha certa permisividade. Como recoñecen no sector ovino, “nunca pasa nada ata que pasa”. Para encarar a regularización, dúas son as vías que hai sobre a mesa, os matadoiros móbiles e a normativa europea que permitiría sacrificios en instalacións habilitadas nas granxas.
A alternativa máis próxima na que traballan as Administracións é a dos matadoiros móbiles. Nos próximos meses, espérase que a Xunta promova a nivel de toda Galicia un matadoiro móbil para ovino, cabrún e aves; en tanto o Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña, traballa tamén para impulsar un servizo móbil de sacrificio de aves e coellos, similar a un proxecto xa en marcha en Italia, do que se pode ver o vídeo a continuación.
O proxecto da Xunta, anunciado hai un par de anos no Parlamento, consistiría nun camión equipado de sala de sacrificio, sala de despece e zona frigorífica, todo elo controlado por un veterinario oficial. Con esta iniciativa, Medio Rural, que confirma que segue cos trámites do proxecto, busca prestarlle un servizo tanto ás ganderías de ovino e cabrún como a asociacións de produtores de aves, caso das de Vilalba ou Vila de Cruces.
Matadoiro móbil na Coruña para aves e coellos
Na Coruña, o Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña, ten previsto impulsar nos próximos meses un matadoiro móbil para aves e coellos, que estaría orientado principalmente a granxas artesanais e tamén a pequenas explotacións de autoconsumo. A iniciativa é unha segunda fase do centro de transformación de produtos agroalimentarios que impulsaron ambas institucións en Brión o pasado ano. A posta en marcha do matadoiro móbil, que probablemente prestará servizo en boa parte da provincia, estaba previsto para o 2020, pero o coronavirus retrasou o proceso, que se espera agora para o 2021.
A axente de desenvolvemento local de Brión, Dora Vieiro, explica que o matadoiro móbil contará cun rexistro sanitario e que a idea inicial é acompañar o servizo dun transporte frigorífico. “O obxectivo é enviar os animais sacrificados e preparados ás cámaras frigoríficas dos clientes finais, sexa restauración, colexios ou tendas”, sinala. Tamén existiría a posibilidade de que a propia granxa habilite cámaras propias en caso de querer quedarse cos animais.
A iniciativa oriéntase a granxas artesanais que traballen con protocolos de cría ecolóxica. “Estableceremos uns requisitos de crianza e transporte, un protocolo e un asesoramento, como xa fixemos co centro de transformación de produtos agroalimentarios”, detalla Dora Vieiro.
Os sacrificios en granxa, a ‘terra prometida’ que permite Europa pero que sepultou a burocracia
A posta en marcha dos matadoiros móbiles é unha solución que no sector consideran que pode ser eficaz para as granxas artesanais de aves e coellos, pero hai máis dúbidas co ovino e cabrún, un sector que abrangue a 19.600 explotacións en toda Galicia. “As ganderías consideran que o máis práctico sería permitir os sacrificios en granxa, para o que habería que habilitar instalacións axeitadas e cámaras frigoríficas”, explican os técnicos de Ovica.
Ovica trasladoulle unha proposta en tal sentido á Xunta, especificando os requisitos que deberían cumprir os matadoiros nas explotacións, así como a xestión de residuos e materiais específicos de risco. “É a alternativa que facilitaría unha venda directa na gandería e a profesionalización do sector”, valoran en Ovica, que sinalan a posibilidade de recurrir a plans de mellora para crear instalacións axeitadas nas granxas.
“Estamos falando de investimentos que poden ser importantes, pero se pensamos que unha gandería que leve 200 cordeiros ó ano ó matadoiro ten que pagar por eles uns 2.000 euros, sen contar os desprazamentos, vemos que é un investimento que se podería amortizar en poucos anos”, destacan.
Normativa
A posibilidade de autorizar sacrificios nas granxas é permitida por Bruxelas desde hai unha década, sendo aproveitada por estados membros como Dinamarca. En España, só hai constancia dunha experiencia piloto nunha granxa de ovino en Cataluña, apoiada pola Generalitat no 2016, pero ningunha Administración máis deu o paso de implicarse na regularización dos sacrificios en granxa.
En Galicia, o decreto de artesanía alimentaria da Xunta obviou a cuestión dos sacrificios, en tanto que da Administración estatal, espérase desde hai anos un decreto regulatorio que non chega.
Entre os produtores, hai consenso en que a autorización do sacrificio na granxa sería a vía máis axeitada para regularizar as matanzas. “É a solución para dinamizar o sector. Tense desenvolvido noutros Estados membros e poderíase facer aquí, pero falta actitude. Moito me temo que a Administración non quere lidiar coa carga administrativa de que os seus veterinarios teñan que atender ós matadoiros que se creasen nas granxas”, reflexiona Joan Alibés, produtor de ovino e cabrún e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
Sobre as posibilidades do matadoiro móbil, Alibés considera que non será operativo por cuestións loxísticas, “xa que non poderá ofrecer servizo en cada comarca coa frecuencia que precisan as explotacións”, valora.
Entre tanto, estes días trascendeu unha operación pola que a Guardia Civil interviu animais sacrificados nunha granxa en Nadela (Lugo) e pechou un centro de sacrificio clandestino en Esperante (Lugo). A operación, que levaba por nome Matachín, plantea unha vez máis a necesidade de buscar solucións tanto para as ganderías que comercializan os seus animais como para os sacrificios de autoconsumo.