Que tendencia de produción e prezos seguirá a gandería na UE ata 2035?

A Comisión Europea elaborou un informe sobre as perspectivas a medio prazo, no marco de desafíos como o cambio climático, políticas ambientais máis estritas ou a demanda social por un maior benestar animal

Que tendencia de produción e prezos seguirá a gandería na UE ata 2035?

Menos vacas e menos produción de leite, pero con máis valor engadido, da man de lácteos funcionais e sostibles. Tamén un menor consumo de carne de vacún e porcino, compensado por un aumento da demanda da carne de ave. Son algunhas das tendencias que se marcan nun informe que acaba de elaborar a Comisión Europea sobre as perspectivas agrarias para 2035.

Como é habitual, é un informe suxeito a numerosas incertezas, como se pode comprobar con anteriores informes, que envelleceron peor que o leite por factores económicos, ambientais ou xeopolíticos.

Gandería de leite: produción e prezos
A produción de leite crecerá a nivel mundial un 1,6% anual na próxima década, pero por contra, na UE espérase unha redución de entregas cada ano dun 0,2%. O sector verase limitado na UE por estritas políticas ambientais e de benestar animal, se ben un elemento positivo é que é esperable a produción de leite con maior valor engadido para as granxas, procedente de sistemas extensivos, liñas ecolóxicas ou con menores insumos externos.

A cabana de vacas de leite espérase que se reduza un 13% no período 2023-2035, aínda que a produción apenas se resentirá porque se espera un aumento medio de rendementos dun 0,9% anual por vaca.

En canto a prezos, tras os picos de prezos de 2022 e 2023, a previsión é que o valor do leite no campo siga a liña da inflación na próxima década coa inflación, polo que en realidade o valor real do leite espérase que se manteña plano.

Produción e consumo de lácteos
O consumo interno absorberá na próxima década ao redor dun 88% da produción e espérase que se manteña estable, cunha baixada de só un 0,1% anual. A peor parte, segundo a previsión, lévana os produtos lácteos frescos (-0,7% anual) e o leite líquido, así como o leite enteiro en po. Na parte positiva, espérase un aumento da produción de queixo e soros, en boa medida polo tirón das exportacións de ambos os segmentos.

A manteiga tamén ten boas perspectivas, igual que o leite en po desnatado. Para o ioghurt, entre tanto, prognostícase estabilidade, quizais con lixeiros incrementos, da man de produtos funcionais (por exemplo os proteícos) ou de consumo cómodo (bebibles).

A tendencia a produtos funcionais e segmentados tamén se deixará notar no leite líquido, onde se espera que o envellecemento da poboación fortaleza as liñas de leites con vitaminas e minerais engadidos. É previsible tamén que os consumidores máis novos se decanten por produtos con menos graxas e azucres, así como adaptados a intolerancias, como as gamas sen lactosa.

Exportacións lácteas
A UE consolidou nos últimos anos a súa posición como líder mundial en exportacións lácteas, en empate técnico con Nova Zelandia, sumando a UE e Nova Zelandia case a metade das exportacións mundiais.

Na próxima década, as exportacións continuarán sendo importantes na UE e representarán ao redor dun 12% da súa produción. Con todo, é de destacar que o mercado mundial do leite se desacelerará pola esperada redución da demanda chinesa. En parte, compensarase con maior demanda doutros países, como os do Sueste asiático ou norte de África, aínda que estas rexións tamén é previsible que aumenten a súa produción interna na próxima década.

O consumo de carne seguirá á baixa

O consumo de carne de vacún na UE experimentou unha diminución en 2023 debido aos elevados prezos, a escasa oferta e unha crecente preocupación pola sustentabilidade. Proxéctase que esta tendencia á baixa manterase, levando a unha redución no consumo per cápita de carne de vacún, que dos actuais 10 Kg./ano pasará a 9,5 kg, representando unha diminución do 6,9%.

Estas cifras, aínda que diferentes, levan o mesmo ton en termos produtivos: estímase que a produción de carne de vacún na Unión Europea diminuirá un 9,2% en comparación coa media dos anos 2021-2023.

En canto á carne de porcino, o informe da Comisión Europea manifesta que cuestións como as preocupacións ambientais e sociais, ou a composición relativamente máis graxa da carne de porco afectarán o seu consumo. É por iso que se proxecta un menor consumo per cápita de carne de porco na UE, coa previsión de que diminuirá anualmente a razón dun 0,7%, alcanzando oa 29,7 kg en 2035. Esta cifra representa unha caída significativa do 7% en comparación cos xa baixos niveis rexistrados no período 2021-2023.

Por último, aínda que se prevé que o ritmo de crecemento do consumo de aves de curral na UE se desacelere, a tendencia á alza seguirá a razón do 0,3% anual de aquí a 2035, situando o cociente anual per cápita en 24,9 kg, en comparación cos 23,7 kg actuais. A Comisión Europea explica o repunte co prezo relativamente alcanzable, a imaxe máis saudable da carne de ave en comparación con outras carnes (especialmente a de porco), a facilidade de preparación e a ausencia de restricións relixiosas asociadas ao consumo de aves de curral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información