A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou esta semana unha baixada dos prezos de referencia tanto nos becerros de cebo como no vacún maior, despois de que na feira anterior houbera subas en ambas categorías. Nos becerros de recría tamén houbo baixadas das cotizacións, aínda que non en todas as seccións.
Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado continúa estable. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, incrementaron en 29 euros o seu valor e sitúanse nos 97 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 138 euros (+ 24 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días foron a excepción nesta raza cunha baixada de 19 euros, o que deixa un prezo de referencia de 141 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais, os tenreiros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 343 euros, logo dunha suba de 31 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 408 euros, logo dunha baixada de 21 euros con respecto da feira anterior. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos descontaron 38 euros e pasan a cotizarse de media a 488 euros.
No caso dos tenreiros de cebo case tódalas categorías rexistraron unha caída dos prezos. Nos machos de cruces industriais rexistrouse unha baixada de 104 euros con respecto do prezo medio da semana pasada e o valor de referencia foi de 1.033 euros. Nas femias produciuse unha baixada de 31 euros e quedan cun valor medio de 966 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.169 euros, ó rexistrar unha baixada de 35 euros. As femias desta raza están nos 1.068 euros. Foron das únicas seccións nas que se rexistrou unha suba (+ 92 euros). Os becerros frisóns rexistraron esta semana unha forte caída do prezo prezo medio, pasando dos 1.039 euros que se pagaron a semana pasada ós 272 euros desta. Tamén as femias pintas experimentaron unha baixada do prezo, aínda que non tan destacada. O valor de referencia é de 541 euros (- 92 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.227 euros (+ 66 euros).
No vacún maior a tendencia foi de novo á baixa, agás nos animais da categoría extra, que tiveron unha suba de 52 euros e quedan cun valor de referencia de 2.175 euros. Pola súa banda, as vacas de primeira experimentaron unha baixada de 18 euros e quedan nos 1.129 euros. Os exemplares de segunda tiveron unha redución de 16 euros e teñen un valor de referencia de 726 euros. Os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 472 euros, o que supuxo unha baixada de 57 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.474 euros, 4 euros máis que na feira anterior.
Subas nos leitóns
Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.
Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 89 euros (cun prezo de 4,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 84 euros e cun prezo por quilo de 4,2 euros.
O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, nos da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).