Subas nos prezos da recría e baixada no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria recupera a actividade trala Semana Verde con baixadas no vacún maior. Cotiza á alza a recría. Estabilidade nas mesas do porcino e seguen á baixa os ovos

Subas nos prezos da recría e baixada no vacún maior en Silleda

Vacún maior nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia recuperou por completo a afluencia de gando tralo parón por mor da Semana Verde. Na semana pasada xa se contara con recría, pero non acudiran nin becerros carniceiros, nin vacún maior.

Os becerros para a cría experimentaron nesta sesión unha suba xeral dos prezos, con algunhas excepcións. Ademais, a Central Agropecuaria de Galicia rexistrou hoxe o seu maior prezo medio nesta categoría. Ata o momento o máximo foran os 339,45 euros acadados o pasado 18 de abril, e este martes situouse nos 340,98 euros.

Mentres, no vacún maior a tendencia foi á baixa, agás os animais de segunda que conseguiron un incremento con respecto da última feira. Nos becerros carniceiros, houbo subas nos animais frisóns e nos de Rubia Galega.

O mercado porcino mantívose esta semana sen cambios, mentres que no ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que compre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. No caso da recría, a comparación realízase cos prezos manexados a semana pasada, mentres que nos becerros carniceiros e no vacún maior a comparación remóntase á última sesión na que se contabilizou este tipo de gando, é dicir, a do pasado 30 de maio.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 146 euros, é dicir 25 euros máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 167 euros, co que queda 6 euros por debaixo. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 251 euros, cun incremento de 20 euros con respecto da semana pasada.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais a tendencia foi semellante. Os becerros máis novos cotizáronse a 345 euros, é dicir 1 euro por debaixo. Nas femias houbo un incremento de 8 euros, ata os 296 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 409 euros, é dicir 3 menos. As femias incrementaron en 38 euros o seu valor, xa que tiveron un prezo medio de 340 euros. Nos machos de máis de 50 días o prezo medio foi de 601 euros, o que supón unha suba de 49 euros. As femias tiveron un incremento de 46 euros, de xeito que acadan os 483 euros.

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 1.020 euros, é dicir 125 euros máis que a última feira celebrada con este gando, a finais de maio. Os animais de Rubia Galega tamén incrementaron o seu valor, os machos tiveron unha suba de 66 euros ata os 1.346 euros e nas femias foi de 126 euros ata situarse nos 1.175 euros. Mentres, nos animais de cruces industriais a tendencia foi á baixa. Os machos descontaron 57 euros ata quedar nos 1.142 euros e nas femias houbo unha baixada de 13 euros e teñen un valor de referencia de 1.028 euros. Tamén os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha baixada no prezo de referencia. En concreto descontaron 55 euros e quedaron cun valor de 1.106 euros.

No vacún maior a tendencia foi á baixa en case tódalas seccións. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.061 euros, é dicir, 59 euros menos. As vacas de primeira cotizáronse a 1.167 euros, o que amosa unha baixada de 16 euros. Nos animais de desfeito o valor de referencia foi de 477 euros, polo que descontaron 21 euros con respecto da última feira. Tamén nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia houbo unha baixada de 94 euros, que deixa un valor medio de 2.593 euros. Só as vacas de segunda experimentaron unha suba de 29 euros e acada un prezo de referencia de 767 euros.

20_06_2023 Central Vacuno

Continúan á baixa os ovos

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado e no leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, os da L tiveron unha baixada de 0,02 euros e quedaron en 2,64 euros a ducia. Nos ovos da M e da S a baixada foi de 0,03 euros e páganse a 2,26 e 2,01 euros respectivamente. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen variacións e cotízanse entre os 0,32 e os 0,40 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

20_06_2023 Central porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información