Estas últimas semanas, sucedéronse as queixas de organizacións agrarias e granxas polo que consideran atrasos nos pagos das axudas da PAC, pois trátase de axudas que cada ano son agardadas como auga de maio para gañar liquidez e cadrar contas. A Xunta vén de anunciar agora que a partir de mañá afrontará o pago ordinario dos apoios europeos, coa previsión de ter abonados 96 millóns de euros ó longo deste mes. Esa cantidade súmase ós 44 millóns de euros xa anticipados en outubro e novembro.
O foco da polémica está nos anticipos outonais da PAC, pois a normativa comunitaria permitía este ano anticipar o 70% dos pagos antes do 1 de decembro. Traducido a Galicia, iso suporía o pago de arredor de 130 millóns de euros ás granxas, segundo os cálculos do PSdeG, que esta semana protagonizou un acto en Lugo cun cento de gandeiros. O acto contou coa participación do candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro, xunto a representantes de Unións Agrarias, que acusaron á Xunta de “mala xestión” por non facer eses pagos en tempo.
As críticas chegaron tamén desde o Sindicato Labrego, que emitiu sucesivos comunicados criticando a xestión da Consellería por non pagar maiores anticipos (en outubro e novembro) e por retrasar o pago ordinario da PAC, que se pode facer a partir do 1 de decembro.
Desde Medio Rural, en declaracións a Europa Press, tacharon as acusacións do Sindicato Labrego de “irrespetuosas” e de “faltar á verdade”. Medio Rural asegura que pagará 96 millóns de euros a partir de mañá xoves. Desa cantidade, a maior parte (78 millóns de euros) corresponde a axudas directas, en concreto a axuda básica á renda, pago redistributivo, axudas a mozos agricultores, vacún extensivo de carne e vacún de leite, segundo detalla a Consellería.
Os outros 18 millóns de euros que se pagarán este mes corresponden a axudas de desenvolvemento rural, en particular ós apoios a zonas con limitacións naturais.
Deste xeito, o Fondo Galego de Garantía Agraria destaca que completarase o ano co pago de arredor de 140 millóns de euros de axudas da PAC. As restantes cantidades pendentes de abono, arredor do 25-30% dos pagos da PAC, efectuaranse previsiblemente nos primeiros meses do 2024.