Axudas para as granxas de leite e de carne pola seca e o aumento de custos

O Goberno aproba ademais unha serie de beneficios fiscais para as explotacións agrarias. Acorda tamén retrasar a entrada en vigor do caderno de explotación, que implantarase en catro fases a partir do 1 de xaneiro do 2024

Axudas para as granxas de leite e de carne pola seca e o aumento de custos

Prado afectado pola seca. / Arquivo.

O Consello de Ministros aprobou hoxe destinar 355 millóns de euros ós gandeiros de vacún de leite, vacún de carne, ovino e caprino para compensalos pola seca e o aumento de custos de produción. Agricultura lembra que a escasez de choivas mermou os pastos e obrigou a un aumento da compra de forraxes e pensos, que están máis caros a consecuencia da guerra de Ucraína.

O decreto do Goberno establece unha contías de axudas de 100 euros por vaca de carne, e 15 por ovella e cabra de carne. En vacún de leite, pagaranse 40 euros por vaca e en ovino e caprino de leite 10 euros por animal. As axudas abonaranse directamente a través do Fondo Español de Garantía Agraria a tódalas explotacións que sexan beneficiarias das axudas da Política Agraria Común (PAC).

No sector gandeiro, o Ministerio de Agricultura apunta ademais que, como xa se anunciara, hai 5 millóns de euros para o sector apícola.

En total, a gandería contará con 355 millóns de euros en apoios.

Agricultura
Os sectores agrícolas disporán dun volume de axudas de 276,7 millóns de euros. O Ministerio de Agricutlura determinará os cultivos, zonas e contías das axudas, en función dos distintos graos de afección da seca nos cultivos. Para elo, teranse en conta os datos gubernamentais de evolución hidrolóxica e climática.

Medidas fiscais
O decreto do Goberno, que conta coa participación de multitude de Ministerios (Agricultura, Facenda e Traballo, entre outros), adoptou tamén unha serie de medidas fiscais:

– Quedan eximidas do pago do Imposto de Bens Inmobles as propiedades de titulares de explotacións agrarias que sufriran no 2023 unha reducción do rendemento neto das actividades agrarias de polo menos un 20% en zonas con limitacións naturais ou dun 30% no resto de territorios.

– Exímense do imposto de sociedades e do IRPF as axudas dos ecorrexímenes da PAC.

– O decreto aprobado hoxe inclúe tamén numerosas minoracións nos coeficientes, de entre o 30 e o 50% para os sectores gandeiros, así como outros para parte dos sectores agrarios.

– Cómpre lembrar ademais que Facenda anunciou o 25 de abril unha rebaixa para o sector agrario, ó reducir un 25% liñal o rendemento neto para o Imposto da Renda para tódolos gandeiros e agricultores que tributen no sistema de módulos.

– Aprobado un aprazamento no pago das cotas á Seguridade Social. No caso dos traballadores por conta propia, aprázanse as cotas de xuño a setembro. No réxime especial agrario por conta allea, as cotas de maio a setembro.

– Rebaixas no canon dos agricultores con dereito de rego que viran reducidos os aportes que poden empregar.

Flexibilización da PAC

O real decreto que se aprobou hoxe contempla que o Ministerio de Agricultura estableza os criterios para que as comunidades autónomas poidan flexibilizar determinados requisitos das axudas da PAC, ó obxecto de que a seca non represente un impedimento para cumprir coa normativa de condicionalidade reforzada, ecorrexímenes e axudas asociadas.

Acórdase ampliar ademais ata o 30 de xuño o prazo para a presentación de solicitudes.

Doutra banda, decidiuse igualmente atrasar a implantación do caderno dixital de explotación, que estaba previsto que comezase o 1 de setembro do 2023. Agricultura decidiu que a posta en marcha do caderno se faga en 4 fases, en función do tipo de explotación, arrancando o 1 de xaneiro do 2024.

Apoios á financiación
A maiores das axudas directas e dos beneficios fiscais, o decreto contempla apoios á bonificación, en concreto 20 millóns de euros para bonificar créditos na liña ICO- MAPA – SAECA. Igualmente amplíase a liña de financiación de avais que son precisos para solicitar estes créditos.

Seguros agrarios
O Ministerio de Agricultura aumenta en 40 millóns de euros a partida destinada a subvencionar os seguros agrarios. Esta dotación permitirá cubrir ata o 70% do custo das pólizas que teñan cobertura do risco de seca e que estean xa contratadas. Este 70% é a porcentaxe máxima que permite a normativa europea.

As gandarías galegas apenas se beneficiarán das axudas do Goberno central pola seca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información