“Estamos ante unha campaña da PAC de transición que ten moitas complicacións e dificultades”

O novo período entra en vigor con retrasos na presentación e moitas dúbidas aínda por aclarar. O FOGGA admite os problemas e recomenda non rexistrar ningunha solicitude de momento. Ata dentro de 15 días non estará aprobada a Orde da Xunta que dá inicio á tramitación nin operativa a aplicación para facela

Algúns dos gandeiros asistenes ás xornadas Africor-Vaca Pinta celebradas esta semana en Lugo

Algúns dos gandeiros asistenes ás xornadas Africor-Vaca Pinta celebradas esta semana en Lugo

Tanto ao Ministerio como á Xunta colleunos o touro coa actual campaña da PAC. Este mércores, día 1 de marzo, abriuse oficialmente o prazo para a presentación das solicitudes de axudas, pero polo momento isto non é posible aínda en Galicia nin está previsto que o sexa polo menos até dentro de 15 días.

Celso Sevillano, do servizo de axudas gandeiras da PAC no FOGGA, admitiu estes retrasos nas xornadas Africor Lugo-Vaca Pinta, celebradas esta semana na Facultade de Veterinaria, e preveu unha campaña “complicada” na que a Xunta tratará de “abrir a man”.

“Estamos nunha campaña de transición que require certa flexibilidade”, recoñeceu o representante do FOGGA, que recomendou aos produtores que revisen ben os datos recollidos, tanto relativos á explotación como ás hectáreas declaradas en base á información do SIGPAC.

A presentación este ano deberá facerse de maneira exclusivamente electrónica, por medio dun certificado dixital, e a Xunta habilitará un equipo informático en cada oficina agraria para que poida ser usado por aquelas persoas que non dispoñan de ordenador na casa.

Non está previsto ampliar o prazo máis aló do 31 de maio

De momento non está previsto estender o prazo de solicitude máis aló do 31 de maio, por mor de poder cumprir cos tempos posteriores. “Canto máis se retrase o período de solicitude máis se van retrasar os pagos, porque é materialmente imposible poder facer despois entre outubro e novembro os primeiros pagos dos anticipos”, xustificou.

Canto máis se retrase o período de solicitude máis se van retrasar os pagos, polo que non é posible dar máis prazo

Até o 15 de xuño será o prazo de modificacións para solucionar duplicidades ou outro tipo de problemas sen que haxa penalización. “Despois desa data aínda se poderían facer cambios, pero xa con algún tipo de penalización”, dixo.

Normativa aínda pendente de aprobación

Co prazo xa oficialmente aberto, non está nin sequera pechada a normativa de aplicación da nova Política Agraria Común 2023-2027. De momento hai publicada unha Lei (Lei 30/2022) e 18 Reais Decretos, os máis importantes o Real Decreto 1048/2022 sobre pagos directos e o Real Decreto 1049/2022 sobre os requisitos da nova condicionalidade reforzada, publicados todos a finais de decembro, “pero queda aínda normativa por publicar e estamos á espera de que esa nova normativa aclare cuestións que están pendentes”, admitiu Celso.

Do mesmo xeito, prevense aínda cambios e modificacións, como as solicitadas pola Xunta esta mesma semana, así como corrección de erros por parte do Ministerio da Lei e os Reais Decretos xa aprobados.

Haberá cambios legais durante este mes de marzo nos reais decretos xa aprobados

Tamén a nivel autonómico existen retrasos, tanto na aprobación da normativa galega como na posta a punto da aplicación necesaria para a presentación das solicitudes. “Temos pendente de publicación a Orde que pon en marcha a campaña en Galicia. Nas axudas de desenvolvemento rural quedan aínda flecos pendentes de aclararse. Esperamos que en 15 días se aprobe a Orde da Xunta, que será onde se recollan todos os detalles”, avanzou Celso.

Están sen cargar os dereitos na aplicación

Esta semana estaba previsto que o FEGA fixese públicos a través da súa páxina os novos datos de dereitos por beneficiario e a nova conversión de dereitos. Existirá tamén unha calculadora para o cálculo do importe a cobrar de axuda asociada e ecorrexime introducindo o número de animais e hectáreas.

A Xunta recomenda non presentar ningunha solicitude polo momento

“Como vai todo con bastante retraso a nosa aplicación non ten aínda a carga dos dereitos incorporada. Contamos que tardemos 6 ou 8 días en ter a aplicación plenamente operativa, cos datos necesarios cargados. Polo tanto, non deixedes ningunha solicitude pechada e rexistrada”, recomendou aos gandeiros presentes nas xornadas, celebradas no auditorio da Facultade de Veterinaria.

Cadernos dixitais

A partir do vindeiro ano, coa entrada en vigor do SIEX, xerarase automaticamente un borrador que será revisado polo beneficiario para a presentación das solicitudes de axuda da PAC, sen necesidade de ter que meter os datos. “É un pouco como o borrador da Declaración da Renda”, comparou. 

A partir desta campaña vai ser moi engorroso levar os libros da explotación, pero haberá que cumprir con iso se queremos cobrar as axudas da PAC

Outra das novidades que afectarán á PAC no 2024 será a relativa aos Cadernos de Explotación dixitais. “A partir desta campaña vai ser moi engorroso todo o tema de levar os libros da explotación, estamos todos de acordo, pero non vai haber máis remedio que cumprir con todo isto se queremos cobrar as axudas da PAC”, insistiu.

Cambios que entran en vigor na campaña 2024

A pandemia, o Brexit e a guerra de Ucraína tamén condicionaron a PAC actual, tanto na súa entrada en vigor como nas súa cuantía económica. “O Reino Unido era un dos países que máis fondos aportaba ao orzamento da PAC, polo que o Brexit motivou un recorte importante de fondos. A saída do Reino Unido da UE condicionou moito a PAC porque houbo que aquilatar moito o orzamento”, indicou.

Determinados cambios previstos no actual período 2023-2027, sobre todo en determinados aspectos da condicionalidade reforzada, como o mantemento dun 4% da superficie sen traballar ou o Real Decreto de Nutrición Sostible de solos agrícolas, non se aplicarán tampouco este ano a raíz das excepcionalidades establecidas a consecuencia da guerra en Ucraína.

Aspectos como a condicionalidade social, o decreto de xurros e o 4% da superficie para espazos de biodiversidade non serán tidos en conta até o vindeiro ano

“Esta campaña libramos das prohibicións do uso do prato e abano para repartir o xurro, pero a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano tamén isto será tido en conta para o cobro da PAC, ao igual que os plans de abonado”, explicou.

Nesta campaña da PAC 2023 o Real Decreto de Nutrición Sostible só lles vai afectar ás explotacións máis grandes, de máis de 180 UGM, que a partir de setembro terán que anotar as aplicacións de xurro no Caderno Dixital de Explotación.

Ecorreximes a favor do clima, o medio ambiente e o benestar animal

Os obxectivos da Política Agraria Común foron cambiando ao longo do tempo nos seus distintos períodos, a medida que algúns se ían cumprindo ou para adaptarse a novos problemas.

“O cambio climático é o reto que centra a reforma para o período actual. As cuestións medioambientais supoñen o 40% do orzamento. Ten máis forza o MITECO que o Ministerio de Agricultura, que é quen xestiona a PAC”, asegurou Celso.

Semella que ten máis peso o Ministerio de Medio Ambiente que o de Agricultura, que é quen xestiona a PAC  

O representante do FOGGA animou aos produtores a acudir ás oficinas agrarias comarcais a asesorarse, facer consultas sobre casos concretos e recibir información sobre a tramitación, os compromisos e as contías das novas liñas de axudas previstas na nova PAC, como os ecorreximes, para os que está reservado un 23% do diñeiro total asignado a axudas directas.

Os importes previstos no ecorrexime de pastos serán de 62€ por hectárea tanto para as prácticas de pastoreo extensivo, sega sostible e illas de biodiversidade, mentres que a rotación de cultivos con especies mellorantes primarase con 85 euros por hectárea.

Algo pasa no Ministerio que non se ten en conta as condicións específicas de Galicia

Son dous dos ecorreximes que mellor encaixan co sistema de traballo das explotacións galegas, xa que o representante do FOGGA queixouse do descoñecemento existente no Ministerio de Agricultura da realidade produtiva de Galicia.

“Persoalmente tiven que pelexar en Madrid ante o FEGA porque o Real Decreto de ordenación de granxas bovinas ía en contra do tipo de explotacións que temos en toda a cornixa cantábrica. Algo pasa no Ministerio que non se teñen en conta as condicións do norte de España, pasou o mesmo co tema do lobo. Para o Ministerio parece que non existen este tipo de explotacións que temos en Galicia”, queixouse.

“Habilitarase un modelo de declaración responsable para corrixir erros na tipoloxía das explotacións”

Un dos problemas detectados á hora de acceder a determinadas axudas da PAC nesta campaña é o feito de que están condicionadas a unha determinada tipoloxía de explotación. Pasa tanto nas axudas directas do primeiro pilar como nas agroambientais do segundo.

Por exemplo, para poder cobrar as axudas asociadas a vacún de carne e engorde de tenreiros na explotación de nacemento as explotacións terán que estar encadradas como extensivas ou tamén como semiextensivas se teñen entregas de leite. Para corrixir os datos erróneos existentes no REGA, nesta campaña vaise habilitar un sistema extraordinario na propia solicitude da PAC.

A axuda por vaca nodriza a partir de agora só a poderán cobrar as vacas que saian ao pasto

“Imos incluír no apartado das declaracións á hora de facer as solicitudes da PAC unha específica para marcar que tipo de explotación é a que ten cada beneficiario. Con iso farase a modificación no REGA sen necesidade de facer outra solicitude nin pagar taxas, aínda que despois comprobarase por parte da Xunta se esa información é correcta ou non e en caso de non ser correcta reclamaranse os cartos cobrados indebidamente”, advertiu.

Importe das axudas: a onde van parar os cartos?

Unha das eivas que Galicia arrastra historicamente á hora de acceder ao reparto das axudas da PAC é o número de dereitos cos que contan os agricultores e gandeiros da comunidade. Do total de 19,6 millóns de dereitos existentes no conxunto de España, Galicia só conta con 387.396, segundo os datos pechados da campaña 2021.

No período que agora se abre poderase acceder a novos dereitos da Reserva Nacional baixo unha serie de premisas e condicións, por exemplo o feito de que estes dereitos non se van poder ceder ou vender durante un prazo de 5 anos.

Está claro para onde vai a maior parte do diñeiro da PAC: a Andalucía, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura e Aragón

Galicia conta con 24.656 perceptores da PAC. Estremadura, con menos do dobre de perceptores, ten sen embargo 6,3 veces máis dereitos ca Galicia. Outro tanto ocorre, por exemplo en Castela-A Mancha, que ten 4 veces máis perceptores da PAC ca Galicia, pero 10 veces máis dereitos.

“Está claro para onde vai a maior parte do diñeiro da PAC: Andalucía, con 224.730 beneficiarios, recibe 855 millóns de euros cada ano; Castela e León, con 64.485 beneficiarios, 501 millóns de euros; Castela-A Mancha, con 98.945 beneficiarios, 390 millóns de euros; Estremadura, con 46.470 beneficiarios, 291 millóns de euros; Aragón, con 37.972 beneficiarios, 258 millóns de euros; mentres que a Galicia, con 24.656 beneficiarios, só veñen 70,9 millóns de euros”, detallou Celso.

O valor medio dos dereitos non é tampouco o mesmo nas distintas comunidades autónomas. Isto fai que un perceptor da PAC galego reciba de media 2.878 euros, mentres que un de Estremadura leve 6.268 euros, un de Aragón 6.805 euros ou un de Castela e León 7.772 euros.

Lugo, a provincia galega que recibe máis fondos

En Galicia, a provincia de Lugo recibe 80,4 millóns de euros en axudas directas, case a metade dos 163 millóns do conxunto da comunidade, seguida da Coruña con 54,6 millóns, Pontevedra con 15,5 millóns e Ourense con 13 millóns, segundo os datos pechados do 2021.

Por concellos, encabeza o ránking de pagos recibidos Lalín, que con 563 beneficiarios sumou 4,5 millóns de euros en axudas directas, dos que 1,5 millóns corresponden a vacún de leite. A Pastoriza, en Lugo, e Mazaricos, na provincia da Coruña, son tamén os concellos que máis fondos reciben: 4,3 millóns e 3,5 millóns respectivamente.

As ganderías de leite duplicarán os ingresos coa nova PAC

O peso do sector leiteiro é evidente na listaxe dos 20 primeiros concellos perceptores de axudas da PAC en Galicia e prevese que no novo período mesmo se incremente. No ano 2021 cobraron a PAC en Galicia 6.595 ganderías leiteiras, que recibiron 31,1 millóns de euros, e pasarán a recibir este ano un total de 48 millóns, segundo os cálculos feitos polo FOGGA.

“As explotacións de vacún de leite saen bastante beneficiadas”, asegurou Celso. O importe da axuda asociada á produción de leite sitúase en 157€ por cabeza nas primeiras 150 vacas e 78€ en diante, cun incremento dun 15% da axuda no caso de explotacións de montaña.

En Galicia só hai 45 explotacións leiteiras que cobran por máis de 300 vacas

“O importe que cobraredes este ano vai ser similar á axuda extraordinaria que cobrastes o ano pasado coa axuda extraordinaria pola guerra de Ucraína”, calculou. Así, unha explotación de menos de 25 vacas (hai 2.200 en Galicia) que cobraba de PAC até este ano unha media de 1.500€ pasará a cobrar 3.000€; unha de entre 25 e 50 vacas (2.200 granxas) pasará de 4.000 a 7.000€; de 50 e 100 vacas (1.500 granxas) incrementará de 7.000 a 12.000€; as de 100 a 200 (550 granxas) pasarían de 10.000 a 20.000€, as de 200 a 300 vacas (100 ganderías) de 20.000 a 30.000€ e as de máis de 300 vacas (45 granxas) subirían de 35.000 a 40.000€.

Con estas contías, “as axudas da PAC son unha garantía para as explotacións en caso de que os prezos do leite caian”, dixo Celso. “O leite para os consumidores no supermercado subiu entre un 20 e un 30%, a vós o leite subiuvos un 90%. Os prezos teñen que acomodarse”, vaticinou.

Elementos da paisaxe

Outra das novidades deste ano é o cobro polos elementos da paisaxe, que entran dentro da superficie con dereito a recibir axudas da PAC. Sen embargo, en Galicia o SIGPAC ten moitas deficiencias á hora de reflectir estes elementos: marxes fluviais, sebes, muros e peches de parcela, árbores, etc.

Existe a obriga de conservar os distintos elementos da paisaxe en boas condicións, non podendo facer podas entre os meses de marzo a agosto

Computan as sebes e lindes de parcela até 10 metros de ancho; as árbores illadas ou os grupos de árbores até 0,3 ha; as illas de vexetación natural ou rochas até 0,1 ha; as pozas, lagoas e estanques naturais até 0,1 ha (non contemplándose os depósitos de cemento ou plástico); e as terrazas de retención do terreo ou os socalcos até un máximo de 10 metros de ancho.

No caso de non apareceren recollidos estes elementos dentro das parcelas, habería que presentar unha alegación ao SIGPAC este ano no momento da presentación da solicitude da PAC, co que o erro xa quedaría corrixido para os vindeiros exercicios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información