Rocio Manteiga Souto é propietaria, xunto á súa parella, dunha gandería de vacas de aptitude cárnica, mentres que os seus pais teñen unha granxa de leite no concello de Oza-Cesuras. Ela exerce como veterinaria, adicándose á clínica de bovino e ao asesoramento sobre calidade de leite en granxas da provincia da Coruña.
Nestes momentos eestá a facer a súa tese de doutoramento na Facultade de Veterinaria de Lugo comparando a produción de leite e a eficiencia reprodutiva de vacas holstein e cruzadas en explotacións de alta produción en Galicia e recentemente vén de presentar no XXVI Congreso Internacional da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE), celebrado en Córdoba, un estudo preliminar levado a cabo entre os anos 2015 e 2022 en dúas ganderías da provincia de Lugo que están a seguir o método Procross de cruzamentos.
Os dous sistemas son válidos e cada gandería ten que escoller o camiño que quere seguir segundo as súas características e as súas preferencias
Tomando os datos do Control Leiteiro destas granxas e analizando tres lactacións completas dun total de 327 vacas (202 de raza holstein -HO- pura e 125 cruzadas con touros montbeliard -HM- e roxo sueco -HV-), a principal conclusión deste estudo é que, no conxunto das tres lactacións, a produción de leite e de sólidos “non presenta diferenzas entre as vacas holstein e as cruzadas” que, sen embargo, compórtanse mellor no terreo reprodutivo (con menos doses necesarias para a preñez, sobre todo tralo primeiro parto) e son máis lonxevas (cun 14% máis de taxa de supervivencia aos 4 anos).
Analizando os datos leiteiros polo miúdo, as primeirizas holstein puras presentan mellores resultados produtivos, pero na segunda lactación son as procross as que dan máis leite e con maiores porcentaxes de graxa e proteína.
As vacas cruzadas son un 14% máis lonxevas, co que se reduce a necesidade de recría, o que equivale a aforro económico e redución de pegada de carbono ao reducir os animais improdutivos da granxa
En canto ao intervalo entre partos, as vacas cruzadas destacan polo menor número de días entre o segundo e o terceiro parto (20 días menos que as frisonas puras), así como entre o terceiro e o cuarto parto (40 días menos).
Estudo independente
“Os cruzamentos son unha alternativa rendible para as ganderías intensivas de alta produción”, conclúe Rocío. “Pero non pretendemos convencer a ninguén de que un sistema é mellor ca o outro, simplemente demostrar que as vacas cruzadas son tan rendibles como as frisonas puras, e despois que cada gandeiro elixa en función das súas preferencias. Cada sistema ten as súas vantaxes e inconvenientes e cada gandería ten que escoller o camiño que quere seguir, segundo as súas características”, explica a autora do estudo, o primeiro destas características que se leva a cabo en granxas galegas.
A tese está dirixida por Pedro García Herradón, do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria, e analizaranse 1.000 animais de 10 explotacións
Rocío insiste na independencia do traballo realizado, no que se colleron os datos oficiais de Control Leiteiro para que foran totalmente obxectivos. Este estudo preliminar, realizado en dúas ganderías dos concellos de Trabada e Castro de Rei, a primeira delas con 184 vacas en lactación, con medias de 37 kg de leite (4,29% de graxa e 3,60% de proteína) e a segunda con 134 vacas en produción e 42 kg de media (4,23% de graxa e 3,50% de proteína), será agora ampliado até alcanzar un total de 10 explotacións e máis de 1.000 animais analizados.
“Este novo estudo será máis completo e queremos focalizalo máis, analizar por exemplo os datos de mamites, que neste caso non se estudaron, e ver tamén cal é o comportamento das F3, nas que se reinicia o ciclo volvendo a inseminar con holstein”, avanza Rocío. A súa tese está dirixida por Pedro García Herradón, do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria.
Veterinaria e gandeira
Rocío estudou a carreira de Veterinaria en Lugo e fixo despois o Máster en Produción de Leite da USC. Agora está a sacar o Doutoramento en Sanidade Animal mentres exerce de veterinaria en explotacións da provincia da Coruña pero recoñécese a si mesma “case máis como gandeira”.
“Os meus pais teñen unha explotación de leite en Oza-Cesuras e eu teño, xunto á miña parella, unha de gando bovino de aptitude cárnica. Empecei a estudar máis en profundidade os cruzamentos por interese persoal e porque hai moito escepticismo entre moitos gandeiros con este sistema. Eu creo que é debido a que se empezou a facer en explotacións problemáticas en manexo ou reprodución. Por iso quería facer o estudo en granxas intensivas con bo manexo e alimentación, porque hai unha crenza equivocada de que non vale para granxas de alta produción”, asegura.
Hai unha crenza equivocada de que os cruzamentos non valen para granxas de alta produción
Outra das características que se buscaban para garantir a imparcialidade do estudo é que as explotacións tivesen mesturadas no mesmo lote tanto ás vacas cruzadas como ás frisonas, para tratar de evitar deste xeito o efecto distorsionador nos resultados que puideran ter as instalacións ou as diferenzas de manexo.
“En Galicia moitas granxas xa están en valores de consanguinidade próximos ao 10%”
Rocío alerta das consecuencias negativas que está a ter a consanguinidade para a raza holstein e recomenda ás explotacións tomar medidas para reducila. “Fago clínica de vacún e calidade de leite en explotacións da zona de Vilasantar e Boimorto e no meu día a día atópome cun problema importante que temos hoxe en día nas ganderías, que estamos eliminando moitas vacas porque non empreñan”, recoñece.
“Na selección xenética da raza holstein apostouse pola produción de leite pero esquecéronse outros caracteres funcionais, como que a vaca ten que empreñar, que non é algo menor”, enfatiza.
Os estudos realizados en Galicia sobre as causas de eliminación de vacas en establos de produción de leite indican que os problemas reprodutivos son a principal causa de descarte, seguido da mamite. “Ese estudo publicouse no ano 2014 e incluíronse máis de 22.000 animais de rabaños de raza frisona en Galicia, onde a taxa de eliminación foi do 13,8% de media, sendo a infertilidade a primeira causa de eliminación, tanto en primíparas como en segundos e terceiros partos”, detalla.
Distintas estratexias
“A cabana gandeira holstein dos EEUU supera xa o 10% de consanguinidade e en España estamos xa moi cerca, segundo recoñece CONAFE. En Galicia moitas granxas xa están en niveis entre o 9 e o 10% de consanguinidade e é difícil conseguir baixar esas porcentaxes tan altas”, alerta.
Cada punto de consanguinidade que se aumenta equivale a reducir 3 puntos de ICO, o que supón unha redución de 300 kg de leite por lactación
“Temos dúas opcións e os dous camiños son válidos: ou ben traballar pola vía dos acoplamentos mediante a varianza xenética aditiva, para o que se necesitan anos, aínda que cos embrións se adianta algo; ou ben optar polo vigor híbrido que producen os cruzamentos, que é unha alternativa máis rápida”, insiste.
Os cruzamentos son unha alternativa máis rápida para corrixir os altos índices de consanguinidade
O método rotacional de apareamentos con 3 razas permite manter unha heterose do 100% nas vacas de primeira e segunda xeración (F1 e F2), mentres que ao introducir touros das mesmas razas (F3) a heterose baixa até o 86%.
O sistema Procross naceu en EEUU, en granxas de California, no ano 1998. Desde entón foise estendendo por outros Estados norteamericanos e por países de Europa como Dinamarca, Holanda, Suecia, Reino Unido, Italia, Portugal ou España.
Pero sexa cal sexa o método escollido, Rocío recomenda apostar sempre por bos touros e facer selección xenética tamén nas vacas. “Os animais teñen que ser todos de alto valor xenético, partimos sempre desa premisa, tanto no caso dos machos como das femias; non serve poñerlle ás vacas boas holstein e as malas cruzalas, hai que seguir facendo selección xenética e inseminando con bos touros nos dous casos”, exemplifica.