Baixa un 20% a colleita de pataca en Galicia e prezos á alza… de momento

As choivas abundantes de maio e xuño e a forte incidencia de mildio implicarán unha baixada do 20%-30% da producción especialmente en zonas como Xinzo de Limia ou A Mariña. O calibre é lixeiramente máis pequeno, pero a calidade e estado sanitario ata o momento rexistrado é bo

Publicidade
Baixa un 20% a colleita de pataca en Galicia e prezos á alza… de momento

Recollendo patacas en Coristanco. // Fonte: Elaboración propia

As diferencias climáticas do territorio galego tamén deixan diferentes perspectivas en torno ás previsións sobre a colleita de pataca deste ano, pero as abundantes choivas de maio e xuño, acompañadas das limitacións da aplicación de fitosanitarios  dan lugar a un prognóstico reservado sobre a cantidade de patacas, prevéndose reduccións que poderían chegar ao 20% en zonas como A Mariña ou Xinzo de Limia. Cabe engadir que, ata o de agora, é precipitado sacar conclusións claras posto que as choivas de final de verán e comezos de outono están retrasando a recollida.

Pola contra, a calidade na maior parte do territorio vaise manter nuns estándares altos, aínda que, nalgunhas parcelas xa levantadas algúns productores percibiron certa diminución do calibre. Esta realidade vai en paralelo ao aumento dos custos de produción, palpable tanto a través dos carburantes como dos tratamentos autorizados. Todo isto, acompañado da previsible baixada da produción permite auspiciar que a media de prezos vai variar entre os 0,40 euros/kg e 0,65 euros/kg dependendo da zona e das características da producto.

“A pesar de que o calibre é un pouquiño máis pequeno este ano, de 50-60, algúns de 70, si que percibimos unha homoxeneidade do producto, unha cuestión que lle interesa ao consumidor final. Isto tamén é mostra de que un cultivo coma o noso, intentamos que sexa o máis tradicional posible”, engade o presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez.

A Limia: Baixada da colleita e prezos á alza

Nesta parte do territorio, as choivas de maio e xuño fixéronlle sufrir especialmente as plantacións de pataca debido ás inundacións que supuxeron. “Houbo casos nos que se perderon fincas, ou ben porque a auga as asfixiou ou porque as parcelas quedaron asolagadas de auga e a maquinaria non podía entrar para aplicar os tratamentos. Eu no meu caso perdín unha hectárea e media, pero aquí falase dun 20% ou 30% de fincas que se perderon”, explica o alcalde de Xinzo de Limia e productor local, Amador Díaz.

“Eu no meu caso perdín unha hectárea e media, pero aquí falase dun 20% ou 30% de fincas que se perderon” (Amador Díaz)

“No momento das inundacións quedamos bloqueados, intentaron buscarse solucións de urxencia para contrarrestar os efectos das enfermidades e dos fungos. Desde a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) solicitouse fumigación con dron -pero non se conseguiu-, e logo algúns productores intentaron traer maquinaria especializada para a situación pero xa estaba comprometida. A salvación foi que a situación foi cesando e a boa praxe dos agricultores permitiu salvar os cultivos restantes”, amplía a presidenta de ADEGAL, María Teresa Joga.

A pesar de que as choivas de finais de verán restrasaron tamén a recollida na Limia, na comarca interprétanas como algo beneficioso porque “suavizan as temperaturas e así favorecen a almacenaxe da colleita”, detalla Joga.

Na mesma liña que o resto de organizacións e productores de Galicia, os limiáns toman o tema de prezos desde a distancia. “Polo momento é precipitado falar de prezos, depende de como estea o mercado e mesmo da demanda exterior, aínda que do que se está collendo fálase que ronda os 0,40€/kg ou 0,42€/kg a granel”, estima Amador Díaz.

“En canto a calidade do producto tamén hai que falar coas debidas reservas, polo momento é algo moi anecdótico pero faise referencia a unha diminución do calibre e incluso de volume de patacas por pé, pero non se poden sacar unhas conclusións porque polo momento estanse levantando algunhas colleitas temperás”, avanza a presidenta de ADEGAL.

En Coristanco estase atrasando a recollida da pataca

Ao igual que no resto de Galicia, a colleita nesta zona pataqueira vai atrasada con respecto aos tempos doa anos anteriores. “Imos un pouco retrasados, xa teríamos que ter recollida bastante pataca pero primeiro fixo moita calor, e recollelas con altas temperaturas é malo porque che poden pudrir no almacén e agora esta temporada está chovendo por orballos, polo que tampouco podemos porque se están levantadas e se mollan poden pudrir”, apunta o presidente da Asociación de Productores de Pataca de Coristanco, Juan Ramón Sanjurjo.

Nesta zona, aínda que a auga non permitiu avanzar, xa arrancaron algunhas colleitas temperás. Isto sérvelles aos productores locais como termómetro: “Se unha cantidade normal é duns 20.000kg por hectárea, este ano andaremos polos 17.000kg/ha de media, aproximadamente, o que suporá en liñas xerais sobre un 20% menos”, detalla Sanjurjo. 

“O mildio e as choivas de maio e xuño vai supoñer unha disminución do volume da colleita. Aínda que polo momento só se poden dar estimacións, a partir de zonas como Coristanco,  A Mariña, Monterrei ou Laza, prevemos que Galicia vai recoller un 20% menos de pataca aproximadamente”, afirma o presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez.

“Aínda que polo momento só se poden dar estimacións, prevemos que Galicia vai recoller un 20% menos de pataca aproximadamente” (José Manuel Gómez)

“Este ano é un pouco atípico, tanto en termos climáticos, como pola lexislación cambiante en torno ao uso de novos tratamentos. Agora, estamos utilizando novos compostos antifúnxicos que hai que utilizar en momentos moi concretos, dun xeito moi axeitado. Por iso, hoxe en día non podes estar dous días sen ir á finca”, comenta Sanjurjo. Ademais, pola zona tamén se percibiron certos ataques de verme branco que pasarán factura no volume final recollido.

“Hoxe en día non podes estar dous días sen ir á finca” (Juan Ramón Sanjurjo)

Provincia de Lugo: Caída da produción polas dificultades para combater o mildio

O compoñente climático desta zona tivo unha forte influencia sobre a evolución do cultivo. “O ano veu como veu, cunhas temperaturas que chegaron aos 39ºC-40ºC”, detalla o productor de Riotorto, Javier Miranda. No momento da plantación, a pataca tivo unhas condicións favorables de temperaturas moderadas e choiva e “iso permitiulle xerminar ben e sacar unha boa cantidade de froitos, pero despois tivo dificultades por excesos de calor -entre outras- que, nalgúns casos que xa vimos en parcelas arrancadas, vai implicar unha reducción do calibre”, explica.

As temperaturas atípicas tamén estiveron acompañadas por brotes de mildio. A sustitución obligada de certos funxicidas por normativa europea conduciu a cambios no control desta enfermidade. “Este ano vimos marchar dúas hectáreas de pataca por mor do mildio, cando antes podías conter os seus efectos con productos comúns como o Ridomil. Europa quérenos máis ecolóxicos e paréceme razonable porque se estaban facendo barbaridades, pero non nos poden deixar sen armas efectivas da noite para a mañá”, critica Miranda. “Cada unha desas hectáreas implica unha perda duns 4500€ debido aos custos de semente, fertilización, etc.”, engade.

“Este ano vimos marchar dúas hectáreas de pataca por mor do mildio” (Javier Miranda)

O combinado de altas temperaturas, con choivas constantes no momento de contención de mildio, xunto á diferencia de efectividade dos antifúnxicos autorizados xeran unhas previsións en cantidade por debaixo das do ano pasado. “Aínda que é cedo para falar, coas parcelas que temos arrancadas e as que perdemos estamos vendo que imos ter en torno a un 20% menos de producción que no 2022”, avanza Javier Miranda. Ademais, tamén rexistraron “ataques de eiruga porque se unha planta está débil, éntralles de todo, e neste caso, comeron o tallo da pataca”, comenta.

Estas consecuencias “non se van notar tanto nos prezos porque como vivimos nun mundo globalizado, se aquí sobe moito o producto impórtase doutras zonas. Para este ano non podemos falar de momento dun prezo de media, porque acabamos de empezar pero arrancamos en 0,65€/kg”, apunta.

“É moi cedo para falar de prezos pero este ano arrancamos en 0,65€/kg” (Javier Miranda)

Ata o de agora, “as primeiras fincas que se sacaron foi un desastre porque a pataca non quere tanta calor como veu en almacén, e non sei noutras zonas, pero aquí estamos habituados a 23ºC-24ºC”, explica o productor. “Agora, estas choivas de final de verán viñéronnos ben para os cultivos de inverno, pero para a pataca chega moi tarde”, afirma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información