Claves na conservación da pataca: alternativas tras a prohibición do CIPC

Abordamos con Carlos Javier García Ladrón, xerente de Agrofield, os retos que se presentan na conservación da pataca e coñecemos algunhas das alternativas antixerminantes que se poden utilizar na actualidade

Publicidade
Claves na conservación da pataca: alternativas tras a prohibición do CIPC

Patacas almacenadas en caixóns de gran capacidade.

“O almacenamento da pataca no noso país está en declive. Cada vez gárdanse menos patacas e a campaña de almacenamento é tamén máis curta”, explica o rioxano Carlos Javier García Ladrón, xerente de Agrofield, no marco das xornadas técnicas da cuarta edición da feira Alimagro, celebrada en Xinzo de Limia (Ourense) recentemente.

García concreta ademais que cada vez resulta máis difícil almacenar patacas e conservalas ata maio, como viña sendo habitual. En gran medida, isto débese á menor eficacia dos antixerminativos actuais, en comparación co CIPC, que viña empregándose de forma xeneralizada e cuxo uso foi prohibido desde o outono de 2020.

Debido a esta dificultade para conservar as patacas acurtáronse xa os tempos de venda. Así, antigamente os prezos elevados situábanse ao redor do 15 de abril e en maio, mentres que actualmente adiantáronse xa a comezos de marzo. “Temos a necesidade de gardar pataca para cubrir as necesidades do mercado, polo que é preciso que se regule este mercado, xa que non se poden vender todas as patacas entre setembro e outubro”, valora García.

Como se conserva a pataca en España?

En España a maioría dos almacéns non dispón dunhas instalacións adecuadas para garantir a conservación da pataca, xa que son un número moi reducido deles os que contan con sistemas de frío que contribúen a esta conservación. “A menor eficacia dos antixerminativos obriga a dispoñer dunhas boas instalacións de almacenamento, pero a maioría dos almacéns españois non contan con elas”, recoñece. En España só o 10% dos almacéns dispoñen de sistemas de frío e caixóns, o sistema máis idóneo, mentres que en Francia o 80% dos almacéns abandonou xa o granel.

En España só o 10% dos almacéns dispoñen de sistemas de frío e caixóns, mentres que en Francia o 80% dos almacéns abandonou xa o granel

O 30% dos almacéns teñen un sistema de ventilación forzada e empregan caixóns ou big-bags. “A diferenza de contar con sistemas de frío, neste caso a eficacia de conservación diminúe notablemente, en especial en anos calorosos nos que se ventila en exceso o almacén para baixar a temperatura das patacas”, concreta García.

Patacas empaquetadas en bigbags de gran capacidade.

Patacas empaquetadas en bigbags de gran capacidade.

Boa parte destes almacéns dispoñen de caixóns cunha capacidade dunha tonelada que se amorean en varias alturas. É un dos métodos máis recomendados para almacenaxes longas, xa que desta maneira optimízase o aproveitamento das dimensións do almacén e facilítase a súa xestión. Mentres, os big-bags ou sacas son moi utilizadas para o transporte de patacas, así é que a maioría están perforadas para facilitar a aireación e son amontoadas en andeis, polo que se recomenda para aqueles almacéns que realizan unha almacenaxe da pataca durante períodos curtos de tempo.

Ter un sistema de ventilación forzada e as patacas a granel é o método que emprega outro 30% dos almacéns de patacas españois. Como recoñece García, nestes casos resulta complicado conservar de forma eficaz as patacas máis dun mes e medio.

“Nos almacéns que teñen as patacas a granel resulta máis difícil asegurar a eficacia do antixerminante”

Mentres, existe outro 30% de almacéns que non dispoñen de ningún sistema de ventilación ou frío e as patacas almacénanse ben en sacas ou a granel. As patacas vanse amoreando mediante cintas apiladoras sobre un sistema de condutos de ventilación para permitir a aireación interior do montón. É un dos métodos que permite almacenar un maior volume de tubérculos, aínda que dificulta a xestión do almacén, á vez que resulta complicada a acción dos antixerminantes. “Nestes casos, é difícil asegurar a eficacia do antixerminante”, valora García.

Patacas almacenas a granel.

Patacas almacenas a granel.

O clima, condicionante da pataca en España

A pesar de ser un produtor de pataca, España conta con condicións desfavorables para a conservación da pataca en comparación con outros países europeos como Bélxica e Países Baixos. Factores climáticos como a temperatura ou as condicións hídricas marcan a diferenza entre estas rexións e engaden dificultades na conservación das patacas españolas.

O propio clima mediterráneo de España, onde se adoitan superar os 30 graos de temperatura e mesmo sobrepasar os 40 de forma recorrente, acompañado de noites frías que poden quedar con menos de 10 graos xera un estrés térmico na planta, que afecta á pataca. Estas condicións de estrés térmico prodúcense mesmo en zonas produtoras galegas como a comarca da Limia.

Mentres, en Países Baixos e Bélxica a temperatura media sitúase por baixo dos 30 graos e non caen dos 15 graos, o que supón condicións óptimas de temperatura para a planta da pataca.

“A conservación das patacas españolas resulta máis complexa, posto que en ocasións no momento da colleita hai patacas xa con brotes nados debido ao estrés hídrico e térmico que experimentaron”

Estes países tamén adoitan ter condicións hídricas óptimas, xa que é habitual que chova case todos os días, sen que cheguen a producirse tormentas, de maneira que as plantacións de pataca non precisan de rega. En España, acostúmase a regar cada 5 días, o que provoca que o primeiro día o terreo quede encharcado, o segundo se logren condicións óptimas, pero ao terceiro e cuarto día acúsase xa un estrés hídrico para a planta.

Como consecuencia tanto das temperaturas como da falta de humidade constante, cultívanse patacas máis estresadas, a diferenza das obtidas en Países Baixos. “Resulta máis complexo a conservación das patacas españolas, xa que en ocasións no momento da colleita hai patacas xa con brotes nados debido ó estrés hídrico e térmico que experimentaron”, indica García.

Termonebulización patatas_

Termonebulización de patacas almacenadas a granel.

Alternativas tras a prohibición do CIPC

Tras a prohibición en outubro de 2020 do CIPC, o conservante máis utilizado de forma xeneralizada polos almacéns, na actualidade preséntanse 5 alternativas populares para este fin. Recollemos algunhas das características destes produtos autorizados polo Ministerio de Agricultura para este fin.

Hidracida Maleica, coñecido polo seu nome comercial como Super-Stop-Brot 18. É dos poucos produtos que se aplica xa en campo, cando a mata aínda non foi arrincada. “É un produto moi técnico que esixe un seguimento exhaustivo do estado de desenvolvemento do cultivo para determinar o momento óptimo de aplicación”, explica o técnico.

Ten unha eficacia aproximada dun mes e resulta unha alternativa económica en canto ao seu custo por toneladas e mes de almacenaxe. “É unha produto ideal se o almacén non reúne as condicións óptimas”, recoñece García.

Etileno, comercializado como Restrain. É un produto que se aplica xa en almacén, cando a pataca se sacou  da terra. Adoita empregarse un equipo dosificador que emite etileno ao interior do almacén cando o sensor detecta niveis baixos do mesmo.

É unha das alternativas que dispón de rexistro tanto para pataca de sementeira como de consumo, pero precisa un almacén moi ben pechado e que estea situado fóra da zona de traballo.

Aceite de menta, vendido como Biox-M. Trátase dunha alternativa que se aplica xa no almacén e só ten un efecto curativo, xa que queima os talos que xa brotaron. Ten unha eficacia aproximada duns 21 días. Dispón dun rexistro sobre pataca de consumo e ecolóxica. “Só está dispoñible en formulado termonebulizable e recoméndase a súa aplicación a través dunha empresa especializada”, explica García.

Aceite de laranxa, coñecido como Argos. É outra das alternativas pensadas para pataca de consumo e ecolóxica e que se aplica directamente en almacén, unha vez arrincado o tubérculo. Do mesmo xeito que o aceite de menta, ten un efecto curativo, xa que só queima os talos xa brotados e proporciona unha eficacia de 21 días. Tamén se aconsella aplicalo por unha empresa especializada, xa que se trata dun formulado termonebulizable.

DMN 1,4 -dimetilnaftaleno, comercializado como 1,4 Sight. Tamén se aplica xa no almacén e é un dos poucos que ofrece un efecto tanto preventivo como curativo, xa que inhibe a brotación dos talos e queima os que xa brotaron. Este produto ten unha eficacia de 1 a 2 meses e ten rexistro só sobre a pataca de consumo. Tamén se aplica como un formulado termonebulizable, polo que se require unha aplicación especializada.

Como sinala García, este produto ofrece ademais outras vantaxes para a conservación da pataca, xa que proporciona unha maior turxencia do tubérculo e redúcense as diminucións por perda de peso. Tamén provoca menores danos por presión entre tubérculos e facilita e reduce as perdas durante o proceso de pelado nas fábricas de frito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información