“Preocúpanos moito a sinistralidade no sector forestal en Galicia”

Entrevista a Adela Quinzá-Torroja García, xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia

“Preocúpanos moito a sinistralidade no sector forestal en Galicia”

Adela Quinzá-Torroja García, xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

Adela Quinzá-Torroja García é desde o 2009 xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo dependente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, 

Entre as súas actuacións inclúense aquelas destinadas a previr a sinistralidade no sector agrogandeiro e forestal galego, das que destacan este ano dúas novas campañas informativas, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, para fomentar a seguridade laboral nas granxas galegas e no colectivo de veterinarios. Trátase de dúas iniciativas, para reforzar a seguridade do persoal veterinario e para a prevención de riscos nas explotacións.

-O sector primario, e en concreto o agrogandeiro e forestal, ¿son dos que máis sinistralidade laboral rexistran?
Cos datos que temos de sinistralidade no ano 2021 nas actividades de agro, gandería e forestal si que hai un incremento de accidentes de traballo, pero se desglosamos por gravidade, a maioría son leves. Ademais, houbo o pasado ano un descenso dos accidentes graves nun 10%, ao pasar de 36 a 33, e unha redución dun 28% nos accidentes mortais en xornada laboral, que pasaron de 7 no ano 2020 a 5 no ano 2021.

Por tanto, si podemos dicir que os datos de sinistralidade están estables, pero tamén que nos preocupan moito os accidentes de traballo no sector forestal. A causa máis recorrente é a caída de árbores durante as operacións de corta e desbroce.

Neste sentido, o ISSGA ten creado un grupo técnico de traballo con sector forestal, no que participan os técnicos de prevención de riscos laborais de ENCE, Finsa ou Fearmaga, entre outros, para facer chegar ás empresas e aos traballadores a información técnica suficiente para que estes accidentes non se repitan ano tras ano. É un sector no que a orogafría e climatoloxía complican a actividade. Ademais, conta con moitos traballadores doutros países, polo que desde o ISSGA facemos os nosos folletos informativos na súa lingua para poder chegar ben a eles á hora de aplicar medidas de prevención.

 “Coa asociación de empresarios do sector forestal de Lugo estamos avanzando na creación dun servizo de prevención propio, e gustaríanos que se estendese ao resto de Galicia”

Estamos tamén impulsando que as asociacións sectoriais do forestal constitúan servizos propios de prevención, algo no que estamos avanzando de xeito moi positivo coas empresas forestais da provincia de Lugo e que nos gustaría que se estendese tamén ás outras provincias galegas.

E é que un dos puntos que ten que reforzar o sector forestal en Galicia é a prevención de riscos laborais. É prioritario que non se perdan vidas e, por iso, o empresario debe garantir a saúde e a seguridade dos seus traballadores durante a xornada laboral e os traballadores teñen que colaborar e cumprir coa adopción das medidas de prevención.

“A gran parte dos sinistros mortais con tractor son de persoas maiores”

Estes datos de sinistralidade refírense a profesionais do sector primario, pero non se teñen en conta a sinsitralidade das persoas xubiladas ou que fan tarefas agrícolas ou forestais de xeito puntual. ¿Tedes campañas específicas para eles?
Preocúpanos moito a sinistralidade no uso do tractor, aínda que máis do 90% dos accidentes non son laborais, senón que se corresponden a persoas xa xubiladas. No ISSGA facemos campañas para a poboación en xeral, non só para os profesionais do sector. Como dicía, a gran parte dos sinistros mortais con tractor son de persoas maiores, debido sobre todo a emborcamentos, pois non teñen suficiente capacidade de reacción, ao que se suma que os tractores non teñen as medidas de protección necesarias.

Tedes datos concretos de sinistralidade no uso do tractor?
A sinistralidade laboral non é alta no uso do tractor, pero si a sinistralidade que ten lugar entre persoas que xa non son traballadoras. Como digo, na maior parte dos casos incide a elevada idade das persoas, a antigüidade dos tractores, a falta de medidas de protección nos mesmos e por suposto a orografía e a climatoloxía. Ademais dos emborcamentos, hai tamén moitos accidentes co tractor nas incorporacións ás estradas.

-Precisamente o ISSGA realiza cada ano campañas de seguridade no uso do tractor. ¿Que valoración fai das mesmas e que nos podería avanzar das medidas do ISSGA para este ano?
O ISSGA realiza campañas informativas para a poboación en xeral, en especial do rural, e contamos tamén con iniciativas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, e que valoramos moi positivamente pola súa incidencia.

Ademais, a nivel español e, dentro da Estratexia Española de Seguridade e Saúde do Traballo, Galicia forma parte dun grupo de traballo no que impulsamos a campaña “A túa vida sen voltas”, onde se fai unha explicación das causas e das medidas preventivas para que estes sinistros co tractor non acontezan. Ademais do público xeral, estamos a levar a cabo esta campaña a 13 centros de formación profesional para a mellora e a seguridade no uso desta maquinaria con fin de evitar este tipo de sinistros.

O uso da motoserra e da rozadoira tamén son causas moi comúns de sinistralidade en Galicia…
Aí o ISSGA ten cursos específicos que organizamos en distintos concellos e tamén nos centros de formación profesional, para ligar a formación coa realización do traballo dunha forma segura. Os cursos que impartimos son eminentemente prácticos, con demostracións en fincas, para reducir os accidentes no uso da motoserra ou da rozadoira.

Son cursos dun máximo de 15 persoas e todos están a ter moi boa acollida e os traballadores agradecen moito esta formación porque é común que teñan conceptos equivocados sobre o uso seguro desta maquinaria.

-¿Cales son as principais accións que ten previsto realizar o ISSGA ao longo deste ano para a prevención de accidentes no sector primario?
Temos en marcha unha campaña en colaboración coa Consellería do Medio Rural coa que pretendemos chegar ás 33.000 granxas de gando vacún, baixo o título “Explotacións de gando vacún: Un lugar seguro e saudable”. A iniciativa inclúe información en forma tanto de tríptico como de póster. Falamos de prevención de riscos no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químicos e no manexo de cargas. Tamén é fundamental a protección da maternidade, embarazo e lactación. É unha proposta que saíu dun grupo de análise da sinistralidade que hai no ISSGA e había preocupación por chegar máis ás ganderías.

 “Chegaremos coa campaña “Explotacións de gando vacún: Un lugar seguro e saudable” a 33.000 granxas galegas”

Tamén temos previsto lanzar unha campaña específica para o persoal veterinario para mellorar a seguridade do seu traballo nas explotacións gandeiras.

Por outra parte, seguiremos coa campaña nacional de prevención de riscos no uso do tractor -A túa vida sen voltas- . E realizaremos outra de uso seguro do tractor en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, que repartirá a nosa información para chegar tamén aos puntos de inspección ITV para maquinaria agrícola, como xa vimos realizando.

En canto ao sector forestal, seguimos traballando para mellorar as medidas de prevención dos traballadores, establecendo unhas pautas sobre distancias de seguridade nas zonas de desbroce e corta de arbores e de sinalización. E importante dar a coñecer a normativa específica e estandarizada sobre distancias preventivas á zona de corta das árbores e de sinalización.

Por último, seguiremos divulgando as campañas específicas que estamos realizando para colectivos sobre o uso da motoserra ou a difusión de boas prácticas no agro ou viticultura, esta última unha actuación dirixida á muller. Tamén continuaremos coas campañas sobre o manexo seguro de motoserra e rozadoira e a gamificación, coa app ISSGA Forestal. E por suposto, seguimos participando en grupos de traballo a nivel nacional sobre pautas de introdución da perspectivas de xénero nas medias de prevención ou de redución de riscos no uso do tractor.

-Nos últimos anos o ISSGA tamén empezou a realizar campañas específicas para a vendima ou o traballo na adega. Como valoran a recepción?
Neste sector os maiores riscos para a saúde son a manipulación de cargas ou os movementos repetitivos que logo dan lugar a trastornos músculo-esqueléticos.

“En xuño imos presentar tres guías específicas para reducir os riscos na viña e na adega”

Neste sentido, os nosos compañeiros do centro do ISSGA de Ourense fixeron un labor magnífico elaborando tres guías de prevención de riscos laborais, que imos presentar en xuño, unha dirixida ao traballo na viña e outra ao traballo en adega, así como unha máis xeral.

-A perspectiva de xénero tamén se incorporou que actuacións específicas para prevención de riscos laborais das mulleres embarazadas que traballan no sector primario. ¿Que os levou a realizar estas campañas e como foi a acollida?
Queremos introducir a perspectiva de xénero en todas as actuacións do ISSGA para adecuar as medidas de prevención ás peculiaridades dos dous xéneros. No caso da muller é moi importante a situación de embarazo, lactancia e postparto polo emprego de produtos fitosanitarios e esforzos posturais. Neste sentido, publicamos unha guía especifica.

Pero a perspectiva de xénero é transversal: por exemplo que os equipos de protección tamén estean adaptados para o corpo das mulleres ou o mesmo coas ferramentas.

-Durante a pandemia o sector primario foi considerado esencial e tivo que seguir realizando a súa actividade. ¿Notaron unha maior incidencia da enfermidade nos traballadores deste sector? ¿Como valoran os resultados das campañas de prevención e en que se podería mellorar?
O sector primario durante a pandemia incrementou a súa actividade para garantir o subministro de alimentos. Coa creación no ISSGA da Unidade de Referencia covid-19, o noso equipo técnico fíxo un importante labor de información e formación para distintos sectores sobre medidas de prevención na transmisión da covid-19.

Houbo moita demanda de información e traballamos moito para cooperativas agrogandeiras e empresas do sector primario, revisando e facilitando plans de prevención específicos fronte ao coronavirus. Todo isto que aprendemos durante a covid-19 débenos servir de ensaio para futuras pandemias. Estamos orgullosos do noso traballo e de como foi valorado polo sector primario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información