Campaña de prevención de riscos en 25.000 ganderías de vacún de Galicia

A Xunta achegará a 25.000 explotacións de gando vacún unha campaña para previr riscos no manexo dos animais, a maquinaria e os produtos químicos

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver a campaña “Fai da túa explotación de gando vacún, un lugar seguro e saudable”, dirixida tanto aos propietarios das granxas como ás persoas traballadoras.

Con esta iniciativa, a Xunta pretende concienciar da importancia da prevención dos riscos laborais nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. Na elaboración dos contidos tivéronse en conta tanto a tipoloxía como as causas dos accidentes laborais neste sector.

A campaña insírese no Plan de actuación do ISSGA no marco das actividades consensuadas polo grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que ten entre as súas funcións traballar para reducir a sinistralidade en sectores considerados prioritarios.

Os primeiros materiais da campaña xa se están a distribuír entre as explotacións galegas grazas á colaboración do Issga coa Consellería do Medio Rural. Estase a entregar documentación técnica e material divulgativo en formato físico pero tamén está a dispor das persoas interesadas en formato dixital.

O obxectivo da Xunta consiste en achegar a documentación da iniciativa de carácter plurianual a unhas 25.000 explotacións de gando vacún galegas. Este ano visitaranse unhas 9.000 aproveitando a campaña de saneamento da Consellería do Medio Rural, durante as que os técnicos farán entrega persoal da documentación.

Prevención de riscos

A campaña fai fincapé na protección de riscos tanto nos lugares de traballo como no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químIcos, e coas cargas. Ademais insta aos propietarios a protexer ás mulleres traballadoras durante o embarazo, a lactación e a maternidade.

Tal e como informa o Issga, as instalacións das granxas deben adaptarse a cada un dos animais polo que cómpre realizar un correcto mantemento e evitar o risco de caída de altura nos silos. Outra das recomendacións consiste en limpar e desinfectar as dependencias e equipos con frecuencia e mantelas ordenadas.

No manexo de animais indícanse as diferentes técnicas de manexo e como evitar o contaxio de enfermidades, garantindo situacións seguras e empregando técnicas e dispositivos e medios auxiliares específicos.

En canto á maquinaria e equipos, asesórase en materia de seguridade viaria e o uso seguro de vehículos e outros aparellos.

O material divulgativo ofrece consellos para a correcta manipulación, almacenaxe e xestión de envases e residuos dos produtos químicos.

Tamén se recollen aspectos relativos á manipulación manual de cargas relacionadas co embarazo e a lactación, sinalando aquelas situacións que se deben evitar como os traballos con calor ou frío extremo, con maquinaria, que supoñan sobreesforzo ou as xornadas prolongadas.

issga vacun 1 issga vacun 2 issga vacun 3 issga vacun 4 issga vacun 5 issga vacun 6 issga vacun 7

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información