Aprender a través de xogos para reducir os accidentes no sector forestal, unha nova técnica que se implanta con éxito en Galicia

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) leva dende o ano 2021 empregando a gamificación, ou aprendizaxe mediante mecánicas do xogo, para mellorar a formación en prevención de riscos laborais no sector forestal. Segundo Ruiz, enxeñeiro forestal, e un dos docentes que emprega este tipo de técnica explícanos as súas vantaxes

ISSGA GAMIFICACION 2Adaptar a formación en prevención de riscos laborais á nova realidade social, cunha cada vez presenza cada vez maior das novas tecnoloxías na nosa vida cotiá, para reducir a sinistralidade laboral no sector forestal.

Esa é a idea que levou ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), centro dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a apostar pola gamificación; é dicir, o emprego de mecánicas de xogo en contornas e aplicacións non lúdicas co fin de potenciar a motivación, a concentración, o esforzo, a fidelización e outros valores positivos comúns a calquera xogo.

Deste xeito, o Issga comezou a programar no ano 2021 cursos de “Gamificación para avanzar na prevención de riscos laborais no sector forestal”, que se impartiron en diferentes centros formativos de Galicia. En concreto, neste 2023 impartíronse 3 cursos no CFEA de Lourizán, un no IES San Rosendo de Mondoñedo; outro no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e outra formación no CFEA de Sergude.

Cada curso ten unha duración de 15 horas lectivas repartidas en tres xornadas e nas que participan entre 10 e 20 alumnos e cun carácter eminentemente práctico. Así, o alumnado dispón dos medios técnicos e materiais para o desenvolvemento das accións formativas (motoserras, material de mantemento e reposto, equipos de protección individual – cascos con pantalla e protectores auditivos, perneiras anticorte, botas de seguridade e luvas anticorte, …).

O persoal docente conta cunha ampla experiencia académica e profesional na rama forestal e en prevención de riscos laborais. Precisamente para coñecer de primeira man como son estes cursos e as vantaxes que supón a gamificación, falamos con Segundo Ruiz Lemos, Enxeñeiro Técnico Forestal, e que leva impartidos varios destes cursos.

-En que consiste a gamificación e que vantaxes supón a nivel pedagóxico?
A gamificación é unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo ou profesional coa finalidade de acadar mellores resultados, ben sexa para asimilar mellor certos coñecementos ou para mellorar algunhas habilidades concretas, entre outros obxectivos.

Este tipo de aprendizaxe vén gañando terreo nas metodoloxías de formación debido ao seu carácter lúdico, que facilita a interiorización de coñecementos dunha forma máis amena, xerando unha experiencia positiva no alumnado.

O modelo de xogo realmente funciona porque consegue motivar aos alumnos, desenvolvendo un maior compromiso das persoas, e incentivando o ánimo de superación. Para elo empréganse unha serie de técnicas mecánicas e dinámicas extrapoladas dos xogos.

-No caso concreto da formación para a prevención de riscos laborais no sector forestal, que vantaxes aporta?
A formación en materia de prevención de riscos laborais é un tipo de formación que o alumnado percibe como tediosa e pouco dinámica.

Ao incluír a gamificación nesta tipoloxía de formación acadamos unha maior implicación por parte dos participantes, o que conleva maior atención e asimilación de conceptos con moita máis facilidade.

Mediante simulacións, coa aparencia de xogos, relacionadas con acontecementos ou procesos da actividade forestal, preténdese analizar e anticipar situacións de risco sen prexuízo do posible erro por parte do alumno.

Nun sentido amplo, a través do xogo, logramos influír nos hábitos dos usuarios no ámbito da prevención de risco laborais durante a realización de diferentes actividades propias do sector forestal.

-Que levou ao Issga a apostar por esta modalidade de formación?
Como dixen antes, este tipo de formación é moito máis dinámica e amena para o alumnado o que propicia un maior aproveitamento por parte dos participantes. Apostar por este tipo de formación, ademais de facilitar o proceso de aprendizaxe e a asimilación de conceptos, aporta unha maior formación de carácter práctico aos participantes.

-Por qué motivos se está a empregar a gamificación na formación en centros de ensino e non tanto para os profesionais xa en activo no sector forestal?
O uso da gamificación na formación, en xeral, ten moita mellor acollida entre un perfil de alumnado máis novo, xa que os profesionais en activo no sector forestal, posiblemente debido á súa idade, son algo máis reticentes, de entrada, a un tipo de formación no que teñen que participar de xeito máis activo e a través de diferentes simulacións ou dinámicas grupais. Isto non quere dicir que na formación que levamos a cabo para profesionais en activo no sector forestal non se empregue tamén a gamificación. De feito tamén a empregamos, aínda que en menor medida.

ISSGA GAMIFICACION 5

-Que destacarías da acollida dos cursos de gamificación por parte do alumnado?
Os cursos de gamificación están tendo unha moi boa acollida por parte do alumnado participante. De feito, o Issga leva ofertando esta formación, aos centros de Formación Profesional da familia agroforestal, dende o ano 2021 e, en todas as edicións, o grao de satisfacción foi moi elevado.

-E en concreto das actividades prácticas que se realizaron co alumnado para a prevención de riscos no sector forestal?
Dentro das actividades prácticas que se realizaron co alumnado poderiamos destacar o emprego da app Alertas Issga, que é unha aplicación do Issga para informar e sensibilizar sobre as boas prácticas en prevención de riscos laborais a través dun xogo de test.

Tamén ten moi boa acollida a dinámica na que os alumnos asumen o papel de xefes do equipo de traballo e son os encargados de planificar as diferentes tarefas a levar a cabo nun aproveitamento forestal centrándose na seguridade dos traballos.

E, por suposto, a actividade que máis éxito ten é a de traballo real coa motoserra. Nesta actividade son os alumnos os que, supervisados polos docentes, levan a cabo o apeo e procesado de árbores. Para isto dótase aos participantes dos seus correspondentes EPI (Equipos de Protección Individual) e maquinaria.

-Que melloras ou correccións consideras que é preciso introducir neste tipo de formación?
Aínda que esta formación xa se imparte con grupos reducidos (máximo 15 alumnos e 2 docentes), sería ideal poder facelo cun menor número de alumnos por docente xa que, dese xeito, cada participante tería a posibilidade de realizar máis prácticas específicas coas que perfeccionar diferentes técnicas de traballo. De todos os xeitos, estamos a traballar en novas actividades para introducir en cursos futuros, que permitan unha maior interacción por parte do alumnado.

Gustaríame engadir que esta formación posibilita que un elevado número de persoas adquiran unha serie de coñecementos e se familiaricen con diferentes técnicas de traballo, que no futuro incrementarán a súa seguridade e a dos seus compañeiros e compañeiras durante a súa actividade profesional no sector forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información