Recomendacións para previr accidentes nos traballos de tala e roza no monte

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ISSGA lanza unha campaña informativa para previr os accidentes de traballo no sector forestal, en concreto por caída de árbores enriba do persoal traballador. A campaña faise en galego, castelán e romanés, dado o importante colectivo de Romanía que traballa no sector forestal galego

Recomendacións para previr accidentes nos traballos de tala e roza no monte

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia ISSGA, órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais, ven marcando o sector primario, en particular a actividade forestal, como obxecto prioritario das súas accións pola súa importancia económica e no tecido empresarial galego.

Neste ano 2023 unha das principais causas dos accidentes de traballo mortais é a caída dunha árbore enriba do persoal traballador; ademais, a maioría deles son traballadores estranxeiros, maioritariamente romaneses, xa que é un colectivo predominante neste sector.

Isto fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o persoal traballador traducindo os documentos a aqueles idiomas predominantes nesta actividade como é o caso do romanés.

Neste sentido, o eixo principal da campaña informativa do IGGA está na prevención dos riscos laborais en dúas das operacións con maior risco nos traballos de aproveitamento forestais no monte como son a roza e tala, establecendo recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas e apoiadas/enganchadas.

“É fundamental a formación e información do persoal traballador sobre os riscos máis habituais asociados a estas actividades e establecendo as medidas de protección e prevención asociadas á súa execución”, destacan dende o ISSGA.

A campaña vai dirixida tanto ás empresas como ao persoal traballador do sector forestal contando coa participación activa dos servizos de prevención propios, mancomunados e alleos nesta loita contra a sinistralidade mortal.

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Referímonos a aquela árbore que unha vez que o motoserrista realizou os cortes para a súa corta polo pé non cae ao chan, quedando en pé sen iniciar a súa caída.

Nesta situación é importante:

Informar o resto de compañeiros en monte da existencia da árbore sentada. Indicar aos medios de axuda a dirección das vías de escape para a entrada e saída da árbore.

Nunca abandonar o monte deixando unha árbore sentada sen sinalizar. Aplicar todas as medidas necesarias ou solicitar axuda para abatelo.

Como recomendacións específicas ante unha árbore sentada aconséllase:

Realiza a secuencia correcta de cortes para a corta polo pé en función das características da árbore que se vai cortar. No caso de que sexa necesario, utiliza a(s) cuña(s) para asegurar que a espada da motoserra non se quede atrapada e para dirixir a caída da árbore cara á zona planificada.

Se a árbore non inicia a súa caída, toma a decisión máis axeitada á situación que se che presente:

-Se observas que podes cambiar a dirección da corta e estás seguro de que cortarás a árbore sen problemas cara a esa nova dirección, e dispós de novas vías de escape, realiza un novo corte a uns 10 cm como mínimo por enriba do primeiro na dirección escollida.

-Se observas que non podes cambiar a dirección da corta e que a árbore está asegurada, é dicir, que ten os cortes ben realizados respectando a bisagra obrigatoria e cunha/s cuña/s introducidas no corte de caída, podes saír da zona de influencia da árbore pola(s) vía(s) de escape sen perder de vista a árbore, pide axuda e informa ao resto de compañeiros do monte, e sinaliza a zona de influencia da árbore que está sentada cando sexa necesario. A entrada e saída a base da árbore, tanto para ti motoserrista como para os medios de axuda (p.e. maquinaria, peón etc.) realizarase polas vías de escape establecidas.

Ten en conta que se a árbore non está asegurada, permanecer na base á espera de que a árbore inicie a súa caída, avisando ao resto de compañeiros de tal situación de risco, é a situación máis segura para ti. Unha vez que inicia a súa caída, abandona a base da árbore sen perdela de vista e colócate nunha zona segura para non ser alcanzado

Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

A árbore enganchada ou apoiada é aquela que está sostida por outras árbores próximas. Neste caso cómpre lembrar:

-Non se pode permanecer / transitar na zona de influencia da árbore enganchada/apoiada se non é para abatela de xeito

-Non cortar nunca unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada

-Non derrubar unha árbore sobre outra árbore enchanchada/apoiada

-Non gabear por unha árbore enganchada/apoiada para tentar baixada ao chan

ISSGA ARBORES ENGANCHADAS 1 ISSGA ARBORES ENGANCHADAS 2

Medidas de prevención xerais a ter en conta

En ambos documentos do ISGGA facilítanse as recomendacións xerais e específicas e a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas neste traballos incidindo no risco que supón unha árbore sentada ou apoiada/enganchada e na importancia de planificar, coordinarse e seguir un procedemento de traballo axeitado.

Algúns dos aspectos clave son:

-nunca traballar de xeito illado no monte
-observar o entorno da árbore para ver se hai obstáculos
-sinalización
-coordinación
-comprobación da dirección de caída natural da árbore
-procedementos seguros e axeitados
-identificación das vías de escape
-realización do corte de xeito seguro
-zonas de influencia de árbores enganchadas
-utilización doutros medios mecánicos, etc.

Soportes da campaña en galego, castelán e romanés

Os soportes dispoñibles son tanto en formato dixital como físico e cómpre destacar que están dispoñibles en galego, castelán e tamén en romanés, como consecuencia da importante incorporación de persoas traballadoras de Romanía nos últimos anos.

Deste xeito, dende o ISSGA facilitan a comunicación, a transmisión de información e o entendemento entre o resto de persoal traballador e coa empresa, cuestión que esta debe cuidar especialmente, tal como se pon de manifesto nos datos de sinistralidade laboral que reflicte o importante incremento nos accidentes de traballadores estranxeiros.

O número de exemplares dispoñibles para a súa difusión é de de 4.000 nos tres idiomas (500 en castelán, 1.500 en galego e 1.000 en romanés).

Grupo de traballo

Os documentos técnicos foron elaborados polo grupo de traballo técnico de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA formado por persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo por medio do servizo de prevención mancomunado LugoMadera.

Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.

Descarga aquí a alerta do ISSGA sobre recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

Descarga aquí a alerta do ISSGA sobre recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información