¿Por qué o cambio na xestión do xurro que propón o Goberno vai contra as ganderías de vacún de leite?

¿Por qué o cambio na xestión do xurro que propón o Goberno vai contra as ganderías de vacún de leite?

O Ministerio de Agricultura vende publicar o seu polémico plan para reducir o exceso de emisións de amoníaco á atmósfera no sector agrogandeiro e evitar a contaminación das augas por nitratos. Entre outras medidas prohíbese definitivamente o exparexido do xurro con sistema de prato ou abano, utilizando na inmensa maioría das ganderías de vacún.

A proxecto de lei, que está en fase de alegacións públicas ata este xoves, repercutirá moi negativamente, tanto no desembolso económico como nas axudas da PAC, nas ganderias de vacún de leite de Galicia e da Cornixa Cantábrica, un contrasentido se se ten en conta que a responsabilidade do vacún de leite limítase ó 11% das emisións, xa que os principais emisores son as granxas de porcino, que xeran un 28,9% de todas as emisións, e a fertilización química, responsable do 19%.

Neste sentido, Xoán Castro Insua, investigador da AGACAL-CIAM, e experto en nutrición dos solos, ven de elaborar o seguinte documento propón alternativas máis racionais e de baixo custo para reducir as emisións contaminanes dos xurros e desmonta os argumentos do Ministerio contra as responsabilidades do sector da gandería de vacún de leite nesta problemática:

En primeiro lugar é importante facer ver as repercusións económicas desta proposta de Decreto:

1.Repercusións económicas:

1) Cobro da PAC:

Este decreto poñerá o listón máis alto nas esixencias da condicionalidade para as explotacións que viñan cobrando a PAC, poñendo en desvantaxe ás explotacións gandeiras con terras, sobre todo as de vacún de leite e tamén de carne, fronte á maioría do resto de Europa, xa que só en Holanda e Dinamarca está prohibido exparexer o xurro con sistema de abanico.

2) Problemas técnicos-económicos para a implantación da maquinaria de baixas emisións,( máis aló da inversión que supón a compra dos novos apeiros de baixa emisión):

a. Na inmensa maioría dos casos, as cisternas actuais non están preparados para a instalación dos apeiros dos sistemas de baixa emisión, o que obrigaría tamén a ter que mercar novas cisternas, xunto cos apeiros de baixa emisión.
b. O peso dos apeiros traseiros, unido á orografía con elevadas pendentes, obrigaría aos gandeiros a ter que mercar tractores máis potentes, en moitos casos.
c. Desgaste por abrasión dos distribuidores/trituradores pola area: unha gran parte das granxas en Galiza, utilizan area nas camas pola súa demostrada comodidade para o gando. Porén, a area esta comprobado que ten un efecto abrasivo que desgasta as pezas metálicas, supoñendo unha menor vida útil dos apeiros.

2. Falta de transparencia, pola baixa calidade da información sobre os sistemas de manexo do gando vacún (incumprimento das directrices metodolóxicas internacionais EMEP/EEA)

O Ministerio de Agricultura parte de datos incorrectos para facer os cálculos de emisións do sector de vacún de leite xa que non aparece información sobre o tempo que pasan as vacas e a recría de leite en pastoreo. Así, na súa última guía publicada “Bases zootécnicas para el cálculo del balance alimentario del nitrógeno y fósforo en bovino y ovino”, utilizado para facer as estimacións de emisións do “Inventario Nacional de Emisiones” aparecen “0 horas de pastoreo”, para todas as vacas de leite e recría, de todas as explotación de vacún en España.

Isto incumpre as directrices metodolóxicas internacionais que “obrigan a separar adecuadamente as deposicións do gando fóra ou dentro do estabulo” .

Así que este incumprimento metodolóxico, é moi prexudicial sobre todo para as ganderías máis extensivas e ecolóxicas de Galicia e da Cornixa Cantábrica. E é que o fomento do gando en pastoreo está considerado como unha das mellores técnicas para reducir as emisións de amoníaco , e así ven sendo considerada como Categoría 1, dentro das medidas propostas pola EMEP/EEA.

Tendo en conta os datos “reais “de pastoreo publicados polo CIAM, derivados dun proxecto financiado polo INIA no que participaron centros de investigación de toda a Cornixa Cantábrica, e Navarra. http://ciam.gal/pdf/informeinia.pdf conclúese que:

1) O 61,2% das explotacións declararon realizar pastoreo con algún ou tódolos grupos do rabaño leiteiro (vacas en lactación, vacas secas e novelas).
2) Horas diarias de pastoreo das vacas en produción: max 5,9 h no verán e mínimo 2,9 h no inverno, sendo significativamente menores as horas de pastoreo nas explotacións de maior tamaño
3) A superficie media pastada por explotación polo rabaño de vacas lactantes foi de 4,9 ha, representando o 30,0% da SAU e que ascendería a un total de 80,8 mil ha para o conxunto da zona Norte.

Tendo en conta os datos “reais “de pastoreo publicados neste informe, estímase que se reducirían as emisións aproximadamente nun 30% sobre as publicadas para o vacún de leite, o que equivalería, xa neste momento, a unhas reducións de emisións similares a que en toda España xa estivérase aplicando o sistema de baixas emisións de “mangueiras arrastradas” por todos os gandeiros

XURROS ALEGAIONS JUAN CASTRO 1Fonte: La reducción de emisiones de amoniaco en la ganadería española 149
J Castro. “Agricultura Familiar En España”. Ministerio De Agricultura, Pesca Y Alimentación
ANUARIO 2019. http://www.upa.es/upa/_depot/_adjuntos/5094e22aefc6b421560852122.pd

3. Información incompleta: 

Na metodoloxía para o cálculo das emisións, falta ter en conta as “características climáticas” das diversa rexións ou provincias, para diferenciar as emisións nos establos e na fosa, que se incrementan coa temperatura.

Tamén é necesario distinguir o tipo de solos onde se aplica o xurro, xa que os solos acedos, con alta capacidade de intercambio catiónico debido ao maior contido en materia orgánica do solo, como son os solas de Galicia e da Cornixa Cantábrica, son menos propensos a emitir amoníaco.(Curiosamente, si está feita esa diferenciación climática e de solos para os abonos químicos).

XURROS ALEGAIONS JUAN CASTRO 2“Contido de Carbono orgánico nos solos españois”. Rodríguez Martín et al, 2016

4. Medidas que non se inclúen das previstas nas guías metodolóxicas EMEP/EEA, pero que poderían utilizarse

-Promover o pastoreo, e a extensificación:

De feito, o pastoreo foi clasificado como unha técnica rendible de redución de Categoría 1 no “Documento de Orientación para Previr e Abater as Emisións de Amonio de Orixe Agrario”, sendo moi inferiores as emisións aos sistemas de establos confinados O sistema de produción de pasto ten un dos maiores potenciais para reducir o amoníaco.

O pastoreo, ademais de reducir as emisións de amoníaco, ten outros beneficios para a “Economía circular”, favorecendo o aproveitamento dos recursos forraxeiros fronte á importación de pensos (cereais, soia), a mellora do “Benestar animal” fronte ao gando estabulado todo o ano, a calidade nutritiva do leite e o seu maior valor para o consumidor, a creación de paisaxe e creación de habitats biodiversos de gran valor para os insectos, aves etc.

-Dimensionamento adecuado de fosas, e a súa cubrición:

Para poder aplicar o abono orgánico cando o necesitan os cultivos, (e non cando están cheas as fosas), co cal se reduce a necesidade de compra de abonos minerais nitroxenados, evitando dobremente as emisións (cando se bota o xurro para desfacerse de el, e cando se botan os abonos minerais, ao non chegar o xurro, na primavera), ademais de evitarse as emisións do potente gas de invernadoiro que é o óxido nitroso N2O (298 veces máis contaminante que o CO2) que se produce aplicando abonos nitroxenados ao solo.

A falta de dimensión das fosas é un das principais problemas que se atopan as explotacións para axustar o balance de nutrientes. Así, no último “Balance de nutriente de la agricultura española”, publicado polo MAPAMA, había un exceso anual de abonado de 60 kg de N/ha nos cultivos forraxeiros de Galicia (17.000 tn de N aplicados nas case 300.000 ha de cultivos forraxeiros). Este exceso de N equivale, practicamente, ao consumo anual de fertilizantes químicos nitroxenados polo que se poderían aforrar perto de 17 millóns de euros anuais as granxas de vacún galegas). Este aforro de abonos sintéticos aplicados ao campo suporía aproximadamente 1380 tn de NH3 anuais (tendo en conta os datos provinciais de usos dos distintos tipos de abonos fertilizantes nitroxenados multiplicados polos factores de emisións para cada tipo de solo e climatoloxía)

-O enterrado do xurro inmediatamente despois de ser aplicado (Casualidade, si se contempla para abonos minerais nitroxenados como a urea):

Esta práctica é moi utilizada en Galicia, cando se renovan as pradeiras (outubro) ou se prepara ao terreo para a sementeira do millo (abril-maio), a magnitude desta rotación pradeira-millo, se pode comprobar nas estatísticas agrarias publicadas polo Ministerio onde aproximadamente o 80 e o 70 % da superficie de pradeiras e millo forraxeiro, respectivamente, atópase en Galiza.(Anuario de Estadisticas agrarias del MAPAMA)

-A formación de costra na fosa:

O gando vacún ao inxerir máis fibra que por exemplo o porcino, produce nas feces un material máis fibroso que forma naturalmente unha grosa costra na fosa de xurro, reducindo as emisións dun 40 a un 50%.

-Aplicación do xurro cando as condición meteorolóxicas son mais apropiadas: (Si en cambio se permite a rega despois de aplicar a urea como medida)

As emisión de amoníaco vense moi afectadas pola temperatura, o vento a radiación solar, e sobre todo a humidade na atmosfera, sendo unha “boa práctica” aplicar o xurro cando orballa, xa que así o xurro penetra no solo e non se perde na atmosfera, deixando a herba lavada.

Esta práctica ten unha eficiencia na redución de emisións superior á inxección, cando durante, ou no prazo dunha hora despois de botar o xurro, chove entre 5 e 10 mm. Esta medida si que está reflexada nas medidas de varios países como Irlanda e Reino Unido. A verificación desta boa práctica farase no propio caderno de explotación que se propón no Decreto.

En Galicia por exemplo, nas épocas de abonado en primavera e outono, existen entre 10 e 14 días de “orballo” de media nas comarcas gandeiras de vacún de leite e carne.

5. Falla de “proporcionalidade” na aplicación das medidas propostas:

Pequenas explotacións:

A Unión Europea sinala que os gobernos deben ter en conta o efecto que poden causar as medidas nas pequenas explotacións. Sen embargo, no borrador de Decreto do Goberno non consta ningún estudio socio-económico do impacto que este tipo de medidas pode implicar. sobre todo ás pequenas explotacións familiares que se verían máis afectadas por este sobrecoste, facéndoas aínda menos competitivas, debido á economía de escala, fronte ás grandes explotacións, fomentando aínda mais o despoboamento rural, xa tan gravemente afectado en todo o pais

Diferencia entre sectores:

O “Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes á atmosfera” presentado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica no ano 2019, carga no vacún as principais reducións de emisións de amoníaco e permite seguir incrementando as de porcino, o principal emisor, e o sector gandeiro mellor organizado como lobby á hora de influír na lexislación do goberno.

XURROS ALEGAIONS JUAN CASTRO 3Fonte: Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes MITECO. Reducion de emisións de NH3 no período 2020-2030 obrigatorias para os distintos subsectores gandeiros en España

Neste sentido, destaca a redución do vacún de leite, que a pesar da súa pouca importancia relativa nas emisións nacionais, veríase obrigado a un axuste que representa máis do 45% da “cota” de emisións actuais, pasado do 4%, no ano 2016, ao 2.85% no 2040.

Tamén destacan as reducións do vacún de carne, case un 42%, pasando do o 8,1% actual ao 6,25% entre os anos 2016 e 2040 respectivamente. Pola contra, as emisións do subsector porcino, que son con diferenza as maiores, sen embargo incrementaríanse, pasando do 16% ao 18,8% nacional, manténdose estables os demais subsectores gandeiros.

XURROS ALEGAIONS JUAN CASTRO 4Evolución prevista da porcentaxe das emisións de amoníaco dos distintos subsectores gandeiros sobre o total nacional, segundo a Proposta de axuste de emisións para as diferentes especies gandeiras, para o período 2016-2040. Elaboración propia a partir do “Informe de proxeccións á atmosfera Edición 2019”. Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Fonte: CAMPO GALEGO https://www.campogalego.gal/xurros-5-medidas-que-reducen-emisions-de-amoniaco-de-forma-mais-eficaz-e-barata-que-os-inxectores/

Galicia e a Cornixa Cantábrica das poucas zonas da Península sen zonas vulnerables a nitratos: 

En definitiva, as condicións climáticas edafolóxicas e de manexo do xurro, fan que Galiza, a novena rexión europea produtora de leite de vacún sexa a única das 10 primeiras rexións europeas que non ten declaradas “zonas vulnerables a nitratos” da mesma forma que o resto de CCAA da Cornisa Cantábrica, onde se produce aproximadamente o 60 % do leite de vacún en España

XURROS ALEGAIONS JUAN CASTRO 5Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España, Fonte: geoportal MAPAMA-MITECO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información