‘Habemus’ lío na xestión dos xurros

O proxecto de decreto ministerial sobre fertilización sostible cae como unha bomba no agro. Organizacións agrarias e cooperativas cuestionan que non se lles consultara previamente á publicación do borrador. Esperan que o Ministerio de Agricultura reformule a normativa para que sexa aplicable na práctica

‘Habemus’ lío na xestión dos xurros

O Ministerio pretende prohibir a aplicación de xurro co sistema de prato ou abanico.

España ten un problema coas emisións de amoniaco á atmósfera, xa que emite un 47% máis do teito fixado por Bruxelas. Son emisións imputables case na súa totalidade ó agro, así que os plans do Goberno para reducir a contaminación atmosférica por amoniaco pasan por endurecer a normativa de fertilización dos cultivos. A cuestión de fondo é como acometer esa reducción.

O foco do conflicto sitúase na xestión do esterco nas explotacións e na súa aplicación no campo, que en conxunto representan o 75% das emisións de amoniaco do agro. A intención do Ministerio de Agricultura de prohibir a aplicación de xurros polo sistema de prato ou abanico para reducir as emisións é coñecida desde hai anos, pero ata agora en Galicia e noutras comunidades puidéronse aplicar excepcións que ían sorteando esa prohibición.

O problema radica en que Agricultura lanzou agora un proxecto de decreto de fertilización que insiste na prohibición do prato, sen posibilidade de excepcións segundo o texto do borrador. A nova regulación planteada polo Ministerio está a caer como unha bomba no agro galego. Organizacións agrarias e cooperativas califícana de “disparate” a agardan que se poida reconducir para que o texto final sexa factible de executar na práctica.

“Temos unha preocupación grande. En primeiro lugar, porque non se nos explicou este decreto nin entendemos o sentido dalgunhas das medidas propostas” (Higinio Mougán, Agaca)

“Temos unha preocupación grande” -recoñece o director da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Higinio Mougán-. “En primeiro lugar, porque non se nos explicou este decreto, descoñecemos o sentido que poden ter algunhas das medidas que se propoñen e o que se pretende”, valora.

Desde Agaca, que está preparando alegacións ó proxecto ministerial, consideran que a xestión dos xurros de vacún non é o problema. Na mesma liña se pronuncian Unións Agrarias e o Sindicato Labrego.

“Presentaremos informes técnicos que desacreditan a prohibición de aplicar xurros co sistema de prato ou abanico” -avanza Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “Estamos ante un borrador que é inexplicable e ademais inasumible, xa non só economicamente, senón que tecnicamente é inviable. Por poñer un exemplo, as fábricas de inxectores terían que estar traballando os próximos 20 anos para abastecer toda a demanda que se xeraría. Tampouco se di nada de como se traballaría nas zonas de alta montaña e de pendente”, cuestiona Pose.

Amoniaco por sectores
A propia documentación do Goberno sobre o problema do amoniaco centra a preocupación nas granxas de porcino, que xeran un 28,9% de todas as emisións, e na fertilización química, responsable do 19%. A responsabilidade do vacún de leite limítase ó 11% das emisións, por detrás da gandería de vacún de carne (18%) e da avicultura (14%).

“Presentaremos informes técnicos que desacreditan a prohibición de aplicar os xurros co sistema de prato” (Óscar Pose, Unións Agrarias)

Agaca incide ademais en que a normativa debería ter en conta cuestións como o tamaño e tipoloxía das explotacións, pois non é comparable o impacto dunha granxa intensiva sen terra cunha explotación de vacún en pastoreo, un manexo este último que minimiza as emisións de amoniaco á atmósfera.

O Sindicato Labrego, que tamén traballa estes días nas alegacións ó decreto, xa manifestou o pasado venres a súa preocupación nunha concentración da súa Dirección de Vacún de Carne. A organización agraria incidiu en que sería disparatado esixirlle a compra de novos equipos de aplicación de xurros a ganderías de vacún de carne que traballan na súa maioría co pastoreo como forma de manexo principal.

Organizacións agrarias e cooperativas coinciden en que é preciso negociar medidas de reducción de emisións que sexan factibles de aplicar en Galicia. “É certo que nós tamén teremos que aplicar medidas, pero que sexan viables”, advirte Óscar Pose, unha conclusión que é compartida polo conxunto do sector. “O que non podemos é xerar un medo gratuíto entre as granxas con medidas que non son factibles. É necesario reflexionar sobre unha estratexia ponderada para reducir emisións, que sexa executable e pensada no medio e longo prazo”, conclúe Higinio Mougán.

Cómpre lembrar que desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo xa se lanzaran o pasado ano propostas alternativas para mitigar as emisións de amoniaco das granxas de leite.

Novas obrigas
O decreto de nutrición sostible dos cultivos introducirá outros cambios de importancia, entre eles a obriga de contar cun plan de abonado nas explotacións ou a de rexistrar nun caderno tódalas aplicacións de xurros e fertilizantes de cada parcela. No sector preocupan cuestións sen concretar, como as analíticas que se esixirán dos xurros ou a introducción dunha ITV das abonadoras.

Unións Agrarias avanza tamén que alegará contra a prohibición de aplicar fertilización nitroxenada nos cultivos entre xuño e setembro. “En xuño, aínda hai cortes de herba tardíos, seguidos da aplicación de xurros, ou sementeiras de millo que tamén precisan de abonado”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias, que lembra que as comunidades autónomas si poderán concretar este punto nas súas propias normativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información