O polígono de Teixeiro (Curtis) contará en menos de dous anos cunha planta de biogás que terá capacidade de procesar preto de 100.000 toneladas ó ano de xurros e residuos agrícolas. Para montar a instalación, prevese un investimento de 12 millóns de euros e a creación de 25 postos de traballo, entre directos e indirectos, segundo anunciou hoxe a Consellería de Economía.
A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a iniciativa, impulsada pola firma Vertex Bioenergy, inclúese nun plan de aceleración de proxectos industriais da Xunta, a fin de acompañar o proceso administrativo e axilizar os trámites. O obxectivo é que a planta estea en funcionamento a finais do 2025 e que produza case 6 millóns de metros cúbicos de biogás, que equivalen ao consumo de gas de 8.500 vivendas ao ano.
Así o explicou Lorenzana durante unha visita a Bioetanol Galicia (Curtis), unha industria que forma parte de Vertex Bioenergy, a compañía promotora da planta de biometano.
Bioetanol Galicia produciu o último ano 188.000 metros cúbicos de biocombustibles a partir de millo importado
Bioetanol Galicia, que leva en marcha desde o ano 2022, adícase á produción de biocombustibles a partir de millo importado. É previsible, por tanto, que parte dos residuos da produción de biocombustibles poidan tamén ser usados como materia prima na planta de biogás, que precisará de sustratos vexetais para sumar á incorporación de xurros.
Durante o 2023, Bioetanol Galicia produciu máis de 188.000 metros cúbicos de biocombustibles, comercializado coas principais petroleiras da Península e do resto de Europa, que os empregan nas formulacións das gasolinas de automoción.
Segundo proxecto en curso
A instalación proxectada en Curtis súmase á que se executará en Lugo, impulsada principalmente polo Grupo Lence, Agroamb e Norvento, coa participación da consultora Medrar.
A planta de biometano lucense tratará os residuos lácteos das industrias do Grupo Lence (Río, Leyma) e a maiores ofrecerá un servizo para procesar xurros das explotacións gandeiras que lle entregan o leite a Lence. A finais do 2023, trascendeu que o proxecto tiña un apoio europeo de 4,5 millóns de euros, cun presuposto total de 7,5 millóns.
Rede de plantas con participación pública
Previsiblemente, as iniciativas de Lugo e Curtis contarán en breve con novos proxectos en marcha en distintas partes de Galicia. Xa hai un par de anos, a Xunta anunciara a súa participación nun proxecto de plantas de biogás, conxuntamente con Repsol, Naturgy e e Reganosa, que incluía a construción dunha gran planta de biogás en Cerceda (A Coruña), acompañada dunha rede de plantas comarcais.
Está por ver que instalacións se van poñer en marcha finalmente a través desta iniciativa, se ben espérase que as comarcas gandeiras con máis problemas de xurro, como a Limia ou o Deza, conten con instalacións comarcais de tratamento.
O aproveitamento de xurros en Galicia representa un modelo de economía circular de km 0, con só dúas comarcas con excedentes claros
Escepticismo no sector
Os proxectos de plantas de biogás para a produción de enerxía a partir de xurro son mirados con escepticismo polo sector gandeiro, pois o xurro é apreciado como abono, xa que reduce os gastos en abonos químicos. No sector consideráse que o aproveitamento dos xurros en Galicia constitúe un modelo de economía circular de kilómetro cero, polo que sinálase que só no caso de excedentes comarcais -como na Limia-, son comprensibles as plantas de biogás.