“Podemos medrar en produción, pero hai que considerar onde o vendemos”

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña e o director xeral de Clas, Francisco Sanmartín, comparten análise en Lugo sobre os retos do sector. Feiraco envía desde hai un mes un 8% da súa recollida para a torre de leite en po de Clesa

“Podemos medrar en produción, pero hai que considerar onde o vendemos”

José Luis Antuña, durante a xornada organizada polo Idega na Escola Politécnia de Lugo (USC).

A principal cooperativa transformadora de leite en España, Central Lechera Asturiana (Clas) e a súa equivalente en Galicia, Feiraco, compartiron mesa e análise en Lugo nunhas xornadas adicadas a poñer luz sobre os camiños que pode seguir o sector lácteo galego para afrontar o futuro. O director xeral de Clas, Francisco Sanmartín, e o de Feiraco, José Luis Antuña, coincidiron na xornada nunha reflexión común: “As granxas poden medrar en produción, pero hai que considerar onde vendemos o leite”, advirten.

Feiraco activou a torre de leite en po de Clesa a finais de xaneiro e calcula que está a procesar nela un millón de litros ó mes

Os aumentos de produción de leite en España tras o fin das cotas non se acompañaron dunha estratexia paralela de industrialización e comercialización, unha eiva que está quedando ó descuberto esta pre-primavera. Son xa constantes os goteos de granxas que se atopan a partir de marzo coa única perspectiva de mandar toda a súa produción a 18-20 céntimos litro para leite en po, ante a falta doutra saída industrial.

A propia Larsa, do grupo Capsa, xestionado maioritariamente por Clas, leva toda a campaña mandando o 20% da súa recollida en Galicia para leite en po; en tanto Feiraco comezou a última semana de xaneiro a enviar un 8-10% do leite que recolle para a torre de leite en po de Clesa.

“Estamos a enviar arredor dun millón de litros ó mes” -calcula José Luis Antuña.- “Todas as nosas explotacións teñen garantida a recollida da produción e poden producir ata un 5% máis que a pasada campaña mantendo o prezo, pero as entregas a maiores penalízanse. Tratamos así de xerar un efecto disuasorio porque hoxe producir moito nun mercado saturado é un inconvinte”, conclúe.

“A dispersión de cooperativas primeiro compradoras é unha debilidade para elas e para o sector. Sería positivo atopar razóns para a integración”

Integración cooperativa
Entre o público asistente á xornada, xurdiu a cuestión de se Feiraco non podería asumir esta primavera a xestión do leite que queda sen comprador en Galicia, caso do da cooperativa Codegui, unha posibilidade que Antuña descarta para o curto prazo. “Outra cousa é se se me pregunta a medio prazo. Se en Galicia traballamos ben, a próxima crise pode ser distinta”, valora.

O director xeral de Feiraco considera como posible e desexable unha maior integración do cooperativismo galego en torno a Feiraco. “A dimensión é un xeito de competitividade” -defende.- “A dispersión de cooperativas primeiro compradoras é unha debilidade para elas e para o sector. Sería positivo que os consellos rectores atopasen razóns para avanzar na integración das cooperativas”, valora Antuña.

“Máis dun 20% do leite sae de Galicia a granel en cisterna. O reto é que todo se industrialice aquí”

“Temos que preguntarnos tamén para que e como facer unha integración. Para meter máis leite nun brik, non. Agora ben, proxectos como o de Clesa, xestionado pola agrupación de cooperativas Acolat, ou o de Arquega, unha planta de queixo fresco operada por Feiraco, demostran que hai outras vías”, sinala Antuña. “O reto en Galicia é garantir a industrialización de todo o leite. Máis dun 20% sae da comunidade en cisternas a granel”, cuestiona.

Recollida e prezos en Feiraco
Feiraco na actualidade ten 2.115 socios e recolle leite de 495 granxas. O director xeral da cooperativa lembra que hai ademais uns 300 socios de Feiraco que lle entregan o leite a outras empresas. “Paréceme ben que as granxas cambien de comprador cando hai bos momentos de mercado e lles ofrecen mellores prezos, pero eu sempre lles aconsello unha cousa. Preocupádevos de en que empresa ides estar cando haxa problemas”.

“Os excedentes valen 18-20 céntimos. O problema está en quen merca cisternas a ese prezo e mete o leite nun brik”

De cara á primavera, igual que o ano pasado, o principal problema do sector radicará nos baixos prezos que cobrarán polo leite parte das granxas, no entorno dos 18 céntimos. “Son excedentes que valen ese prezo” -analiza Antuña-. “Retribúense ó contravalor dos produtos lácteos industriais. O problema está en quen merca cisternas a 18-20 céntimos e mete o leite nun brik. Esa práctica contamina ó sector e os demais temos que competir con iso cando imos venderlle á distribución”, cuestiona Antuña.

As perspectivas de prezo do leite para as granxas que lle entregan a Feiraco apuntan na primavera a unha posible baixada. “O prezo que marca a cooperativa sae da conta de resultados. Para a primavera non hai boas expectativas, pero podemos equivocarnos. En calquera caso, os socios teñen garantido que cobrarán por riba do prezo medio que marque o Observatorio do sector lácteo de Galicia. Se non fose así, recibirían un complemento cooperativo a posteriori”, explica Antuña.

“As perspectivas de prezo para a primavera non son boas, pero podemos equivocarnos”

O director xeral de Feiraco lembrou tamén na xornada de Lugo, organizada polo Idega (Universidade de Santiago), que as previsións internacionais apuntaban a unha recuperación da demanda internacional de lácteos e dos prezos a finais do 2016 e comezos do 2017, unha posible luz ó final do túnel.

Reunión do plan de fortalecemento do sector lácteo
O reto que quedou na mesa das xornadas, traballar agora para que a próxima crise teña un menor impacto en Galicia. Medio Rural convocou para o próximo mércores a todo o sector para comezar a traballar nun plan de fortalecemento do sector lácteo. Está prevista a asistencia de industrias, distribución, cooperativas, organizacións agrarias, Ligal, Africores e universidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información