O Sindicato Labrego critica a demora de máis de tres meses nas axudas destinadas á EHE

A organización indica que "é agora cando precisamos axuda económica" e lembra que seguen sen poder solicitala

vaca triste_frisona afectada por EHE

Hai tres meses que foron declarados os primeiros casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia nas granxas de vacún. Dende entón, varias explotación sofren perdas económicas derivadas da enfermidade e dende o Sindicato Labrego Galego afirman que a Consellería de Medio Rural se negou a axudar a compensar os gastos (tratamentos, medicamentos e atención veterinaria, perda de produción durante varios meses e, en casos extremos, a morte do animal) derivados desta problemática e “só se limitou a prometer axudas polo sacrificio dos animais recoñecidos oficialmente”.

Lembran que foi a primeira comunidade en “destinar o maior número de axudas para facer fronte a EHE”. Pero ante isto, indican que tres meses despois a Orde segue sen estar pública e as granxas sen poder solicitar ditas axudas nin cobrar por elas. Reivindican que “é agora cando as gandeiras e os gandeiros precisamos axuda económica” para tentar compensar as perdas. Ademais, din que é un insulto ás granxas o retardo na tramitación das axudas, así como a ausencia doutras medidas como a compensación dos gastos do tratamento de animais e mesmo as perdas económicas na produción ou para a reposición de animais mortos.

O Sindicato sinala que xa trasladou “en varias ocasións” á Consellería as graves consecuencias da EHE en Galicia, pero “Medio Rural nunca estivo á altura das circunstancias”. Por todo iso, solicitan que se fagan públicas as axudas de maneira inmediata para que as gandeiras e gandeiros poidan recorrer a elas agora, “que é cando máis o precisan”.

Medio Rural reclama ao Goberno Central que lidere un Plan Nacional contra a EHE e que destine axudas para compensar os danos

Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural lembran que “tal e como a Xunta sinalou dende o primeiro momento en que se anunciaron estas indemnizacións -coas que Galicia foi pioneira-, na convocatoria de subvencións do ano que vén destinada a indemnizar aos gandeiros pola morte de bovinos nas explotacións incluiranse achegas, con carácter retroactivo, para as mortes que se constaten causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)”.

“Estes fondos cubrirán, polo tanto, o 100 % das mortes das vacas que se constate que foron causadas pola EHE”, engaden dende a Consellería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información