A Consellería do Medio Rural sacou tres liñas de axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) e ao asociacionismo forestal. A primeira liña de axudas destínase para a organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das AFXC. A segunda, é para apoiar as asociacións sen ánimo de lucro que teñan por obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Por último, conceden axudas para a creación e apoio das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.
As dúas primeiras liñas de axudas teñen un prazo de solicitude de 30 días hábiles, mentres que para a terceira o prazo amplíase a 45 días, contados hábiles, contados desde o próximo luns, incluído.
Divulgación das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta
Poderanse beneficiar destas axudas asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidades de montes veciñais de man común.
Serán subvencionables os gastos imputables ás actividades divulgativas que acrediten a asistencia mínima de 10 persoas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais ou gráficos. Recibirán a axuda por recursos humanos (gastos de persoal en materia de coordinación ou administración; custos de relatores, gastos de aloxamento e desprazamento), gastos de publicidade para a difusión da actividade, ou gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil.
Para esta liña, asignouse un crédito total de 200.000 euros. Este importe distribúese como segue: 160.000 euros para o ano 2024 e 40.000 euros para o ano 2025.
Comercialización conxunta de produtos forestais
Nesta segunda liña de axudas, poderanse beneficiar asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais sempre que, con anterioridade á publicación da orde, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela.
As actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionadas será o 31 de xullo de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación, salvo que a actuación estea supeditada á inspección previa.
A entidade beneficiaria poderá concertar con terceiros a execución total ou parcial das actuacións que constitúen o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza.
Esta segunda liña conta cun orzamento de 400.000 euros, e distribúese en 320.000 euros para o ano 2024 e 80.000 euros para o ano 2025.
Creación de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta
A terceira das liñas de axudas destínase para a creación das agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta de terreos dedicados á actividade forestal. Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.
As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR).
Para esta liña asignouse un crédito total de 1.798.931 euros, que se divide en 1.439.145 euros para o ano 2024 e 359.786 euros para o ano 2025.