Tres reflexións sobre a cadea do leite no 2024

Francisco Sineiro e Jorge Santiso (USC) advirten da necesidade de dotar de máis estabilidade ás relacións contractuais no sector lácteo. A caída da produción en España, coincidindo cunha fase de boa rendibilidade, é un motivo de preocupación

Tres reflexións sobre a cadea do leite no 2024

O contexto global do mercado lácteo foi positivo no 2023, cun lixeiro retroceso da produción a nivel global e un leve aumento da demanda. Ese escenario permitiu que os prezos en orixe do leite se mantivesen altos, cunha boa situación de rendibilidade para as granxas. Francisco Sineiro e Jorge Santiso, analistas do sector ligados á Universidade de Santiago, veñen de publicar un artigo no que a partir de datos económicos e de mercado, fan balance do 2023 e evalúan as perspectivas para o 2024.

Ese artigo sobre o escenario do sector complétase cunha serie de reflexións finais, das que destacamos tres:

1) Por que a produción de leite se mantén estancada ou en retroceso, a pesar de niveis de prezos altos?

Durante os dous últimos anos, os prezos do leite chegaron a niveis históricos, con picos no entorno dos 60 céntimos / litro, pero sen embargo, no 2022 e no 2023 pecharon un 12% das granxas de vacas de leite. No mesmo periodo, pecharon ademais un 16% das granxas de ovellas e cabras de leite, malia contar tamén con prezos altos. Como se explica esta situación?

Santiso e Sineiro conclúen que existen factores, máis alá da rendibilidade económica, que inciden na perda de granxas. En concreto, citan tres:

  • Dificultades no relevo xeneracional.
  • Dificultades na contratación de traballadores.
  • Incertidume xeral, que condiciona a toma de decisións. Os tipos de interese altos, por exemplo, fan dubidar de investimentos nas granxas. As novas normativas medioambientais e de benestar animal representan tamén un factor que desincentiva a continuidade de parte das explotacións. O mesmo sucede coa incerteza sobre a evolución dos prezos do leite en orixe.

Así as cousas, cun bo nivel de prezos do leite no campo, España reduciu un 3% a súa produción de leite nos últimos dous anos, pois o crecemento das granxas que quedan e o aumento de produtividade por animal non compensan a perda das granxas que pechan.

A análise constata algo que xa se vén advertindo no sector nos últimos anos: a rendibilidade económica é condición necesaria, pero non suficiente, para a continuidade das granxas.

Como evolucionará o prezo do leite no 2024?

A tendencia á baixa na produción de leite no 2023, tanto en España como nos países veciños, deixou unhas posibilidades de abastecemento limitadas nas industrias, o que fixo que os prezos españois se mantivesen en niveis altos e por riba dos prezos medios da UE.

A evolución do prezo do leite a curto prazo en España vai estar condicionado por diversos factores, en gran medida interrelacionados. Santiso e Sineiro destacan os seguintes:

  • A cotización na UE, que rexistrou unha lixeira recuperación, pero a partir de niveis máis baixos que os españois.

    Nos próximos meses, cómpre atender á evolución do prezo do leite equivalente na UE (o empregado en manteiga e leite en po desnatado), pois adoita anticipar nuns meses a evolución do prezo medio en orixe.

    Un dos factores a ter en conta a nivel europeo é a evolución no mercado global de produción e demanda, pois se ben só un 14% da produción europea se exporta ós mercados internacionais, as variacións globais de prezos e demanda teñen un impacto directo en Europa.

  • A produción de leite en España.
  • A capacidade de manter o diferencial de prezo existente coa UE, afectada polo posible aumento das importacións de leite en cisternas e de queixos e lácteos en po.
  • O mantemento dos prezos acadados nos produtos lácteos no supermercado, en especial no caso do leite envasado.

2) Necesidade de maior estabilidade nas relacións contractuais na cadea do leite

Unha das cuestións que se derivan da perda de produtores é a urxencia de dotar de maior estabilidade ás relacións ó longo da cadea Sineiro e Santiso propoñen aplicar ferramentas xa dispoñibles, como os contratos indexados entre granxas e industrias, ou negociacións transparentes entre industrias e gran distribución.

Formación de prezos: o caso do leite envasado

O leite envasado é un destino que ocupa máis da metade do leite producido en España, polo que é relevante unha análise da súa situación particular. É ademais o produto final que máis directamente se pode vincular en evolución de prezos ó leite en orixe.

Se se analizan os datos dos tres últimos anos, apréciase como o prezo medio ó consumidor pasou de pouco máis de 75 céntimos (2021) a unha media de 1,06 euros no 2023.

Foi un aumento de prezos que veu derivado, como é sabido, dun aumento de custos en toda a cadea, en especial de pensos e enerxía. Pero como evolucionaron durantes estes últimos anos as marxes brutas de granxas, industrias lácteas e cadeas de distribución?

A análise que fan Santiso e Sineiro das marxes brutas revela que a mellora das marxes produciuse basicamente nas granxas e nas cadeas de distribución, que foron as que máis marxe bruta gañaron de media nos dous últimos anos, en tanto a industria mesmo perdeu marxes brutas no 2022 para recuperar no 2023 unha situación similar á do 2021.

Con cargo ás marxes brutas, os operadores teñen que facer fronte ós seus propios custos operativos. No caso de produción e industria, nos últimos anos estes custos vironse afectados pola tendencia á alza de enerxía e, no caso da industria, tamén de suministros (envases, embalaxes), en tanto na distribución tiveron maior impacto os custos laborais.

Marxes brutos dos distintos operadores. / Fonte: Francisco Sineiro e Jorge Santiso.

Marxes brutos dos distintos operadores. / Fonte: Francisco Sineiro e Jorge Santiso.

3) O sector queixeiro é o que máis sofre a competencia das importacións

Como é coñecido, España é un país deficitario na produción de leite, pois consume máis do que produce. As importacións representan así en torno ó 40% do consumo aparente, segundo as estimacións dos dous autores, que tamén precisan que do mesmo xeito hai que ter en conta que España exporta arredor do 17% da súa produción.

As importacións de produtos lácteos no 2023 sumaron 4,2 millóns de toneladas en leite equivalente, o que supón unhas 520.000 toneladas máis que no 2022, orixinadas principalmente polas partidas de queixo e de leite en po.

Este aumento das importacións de queixos deixa ó sector queixeiro nacional nunha situación comprometida, pois nun escenario de dificultade de aprovisionamento de materia prima, ten que competir cunha industria europea que se abastece de leite a prezos menores e que é capaz de colocar a súa produción en España a prezos máis competitivos.

Por último, Santiso e Sineiro apuntan a necesidade de mellorar as estatísticas do sector, sobre todo no referente ó consumo extradoméstico e industria, pois se ben o Ministerio de Agricultura conta con información detallada do consumo no fogar, non sucede o mesmo co consumo na hostalaría e nas industrias alimentarias, que empregan principalmente queixos e lácteos en po.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información