A Xunta de Galicia porá en marcha un novo programa para facilitar a remuda xeracional daqueles negocios que se detecten que estean a pechar por falta de relevo. A través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego tratarase de identificar estas actividades económicas carentes de remuda xeneracional, ben pola xubilación, incapacidade ou outras causas que afectan os seus titulares, que deixan aos concellos, especialmente aos do rural, sen os servizos que se ofrecen a través destas empresas.
Para levar a cabo esta iniciativa, o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Fundación Juana de Vega por valor de 160.000 euros.
Esta actuación permitirá a posta en marcha do programa Remuda polo que se ofrecerá a persoas interesadas en emprender a oportunidade de recoller o testemuño dun negocio xa viable economicamente, prestándolles, a través da Rede, o acompañamento necesario no proceso do traspaso.
Trátase de poñer en contacto aos titulares do negocio cos novos emprendedores interesados, o que exixe, por parte dos polos, levar a cabo actuacións adicionais e de maior alcance, que permitan acadar mellores resultados.
Así mesmo, o convenio de colaboración inclúe o desenvolvemento por parte da Fundación Juana de Vega das tarefas necesarias para a integración na Rede de polos de emprendemento dos tres novos (os de Sarria, Baños de Molgas e Vilanova de Arousa) que están previstos que inicien a súa actividade antes de que remate o ano.
A Administración autonómica está a crear unha rede de emprendemento unificada e coordinada para o impulso de todas as iniciativas empresariais na comunidade, que aglutinará todos os instrumentos que existen actualmente ou están en proceso de creación.
No que se refire á Rede de polos, na actualidade están dez en activo: os de Mondoñedo, Friol, Monforte e A Fonsagrada, na provincia de Lugo; Coristanco e Ferrol (na Coruña); Verín, O Carballiño e O Barco de Valdeorras (en Ourense); e o de Silleda (en Pontevedra).
En vindeiras datas estarán tamén operativos os polos do Porriño e Melide, e antes de que acabe o ano uniranse tamén a esta rede os de Sarria, Baños de Molgas e Vilanova de Arousa.
Desde os polos estanse a avaliar as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios onde se desenvolvan os proxectos empresariais. A Xunta de Galicia con esta actuación está a desenvolver unha nova forma de emprender, acompañando as persoas emprendedoras en todas as súas etapas.
A Rede comezou a operar en xullo de 2022 e hoxe leva atendido máis de 700 persoas emprendedoras en toda a comunidade, coas que se realizaron preto de 2.200 sesións de traballo conxunto -titorías- para guialas e darlles apoio nos seus retos de emprendemento.
Cabe destacar tamén que arredor do 10 % dos que acoden aos polos proceden de fóra de Galicia, a metade deles retornados. Na outra metade, destacan os que veñen a Galicia para buscar mellores oportunidades profesionais, deixar atrás as condiciones do seu país ou pola calidade de vida percibida na comunidade galega.