O Sindicato Labrego Galego empraza á Xunta a investigar e actuar ante os indicios de abusos denunciados públicamente nos campos de recollida de arandos da empresa Surexport. A organización agraria fíxose eco da denuncia pública realizada en redes sociais por unha traballadora, dende a súa experiencia como temporeira na Terra Chá.
Segundo indica o Sindicato Labrego, a traballadora denuncia que as xornadas laborais eran de 12 horas, así como que había un incumprimento dos salarios acordados e unhas condicións sanitarias “deplorábeis”. O relato recolle un ambiente en que “as ameazas de calquera tipo eran constantes” e dirixidas, especialmente, ás persoas migrantes.
A organización agraria recolle a testemuña da traballadora na que acusa á firma de fomentar unha competitividade extrema, “coa ameaza de despedimento de non recollerse cantidades desorbitadas de arando”. O Sindicato Labrego sinala que partindo dun contrato de 39 horas, a empresa presiona para facer horas extras que poden chegar a igualar as horas ordinarias dunha xornada e que, porén, son pagadas a seis euros, cando o estipulado é a doce euros.
Esta traballadora denuncia que “nun campo en que traballaban unha media de 300 persoas, apenas había auga corrente para asearse”, e que as instalacións obrigaban a comeren “hacinados, sen distancia de seguridade nen máscara”.
En base á denuncia da traballadora, “a empresa freta autocarros en que deslocaliza boa parte dese persoal de orixe migrante desde Huelva”. Nesta provincia é onde Surexport ten a súa orixe e nela ten protagonizado diversos conflitos sindicais e denuncias públicas polas condicións laborais das súas grandes extensións de invernadoiros, segundo sinala o Sindicato Labrego.
A organización precisa que a última destas polémicas aconteceu esta mesma semana, cando un traballo do portal de investigación Danwatch sobre as condicións de traballo “inhumanas, abusivas e, en moitos casos, ilegais” nos campos levou a varias cadeas de supermercados danesas a suspenderen as súas relacións comerciais con varias empresas, entre as cales se atopa Surexport.
Posta en coñecemento da Consellaría de Traballoo
Ante esta denuncia, o Sindicato Labrego Galego reclama das administracións unha actitude activa de investigación dos feitos e salvagarda dos dereitos laborais. Reclaman o cumprimento claro das condicións do contrato e a desaparición de tratos degradantes ou inhumanos. Ademais de participar da denuncia pública destes feitos, o Sindicato Labrego vén de llos facer constar a través de rexistro á Consellaría de Traballo.
“Unha situación como esta non pode ser lida como illada dun modelo, o da agroindustria e as grandes distribuidoras, volcado en dar prioridade ao lucro económico por cima de calquera outro criterio”, critican dende o Sindicato Labrego Galego.