Centos de persoas impiden o baleirado sanitario dunha granxa de Manzaneda

Acordan solicitar á Consellería do Medio Rural accións inmediatas en materia de saneamento, criterio de prevalencia e indemnizacións

AcordoAsambleiaMedidasCMR manzaneda baleiradoArredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna xuntáronse este venres nunha concentración de apoio aos gandeiros afectados por un posible baleirado sanitario da súa granxa, ubicada na aldea de Palleirós (Manzaneda), onde estaba prevista a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia.

Finalmente a marcaxe foi impedida, adiándoa o servizo veterinario da Xunta de Galicia para o vindeiro martes 19 de marzo. Durante a concentración tamén se aprobou unha batería de medidas urxentes a esixir á Consellaría do Medio Rural. 

“Queremos denunciar que se quere sacrificar animais totalmente sans, simplemente por criterios propios dos Servizos Veterinarios Oficiais, simplemente por sospeitas de que poderían conter a enfermidade de tuberculose e sen mais criterios que a sua propia intuición. Pídese dende eiquí e agora a toda Administración que se esgoten todas as medidas previas de análise, estudios, etc.. antes de adoptar unha medida tan gravosa para unha explotación gandeira como é o baleirado sanitario”, demandou o responsábel do Sindicato Labrego Galego na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa.

“Malia que a Administración galega ten marxe dentro da legalidade para facer as probas que determinen que animais está contaxiados ou non, malia as reiteradas solicitudes, a Consellaría do Medio Rural nunca quixo acceder a realizar máis análises e estudos que concretasen a existencia de propagación da enfermidade”, explican o representante do SLG.

“Por tanto, a día de hoxe -engadiu- non sabemos se está de forma latente na cabana gandeira da propia explotación ou explotación lindeiras, se pode provir doutras especies distintas de vacún ou se está presente na fauna salvaxe, como o xabarín, o corzo, o teixugo, etc.. Denunciamos esta falta de rigor por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais, que semellan preferir adoptar medidas que non impliquen máis esforzo que asinar papeis”.

Por outra banda, advertiu Pérez Rúa, “non nos vale a escusa de que teñen que seguir os protocolos que lles impón o Ministerio, porque estes protocolos tamén din que permiten que se esgoten outras vías antes de adoptar medidas tan drásticas como o baleirado sanitario. Ademáis, cómpre tamén sinalar que esta medida enmárcase na catalogación de prevalencia 0 na Galiza, pero, ao contrario do que sería lóxico, se esta granxa estivera noutras zonas do Estado onde si hai declarada prevalencia, só serían sacrificadas as que deron positivo”.

“Se esta explotación estivese a uns kilómetros de eiquí, en Zamora por exemplo, tan só se sacrificarían aos animais enfermos e aos animais sans fáiselles un seguimento pormenorizado. Polo tanto non se entende que con mellores niveis sanitarios, teñamos medidas moito máis drásticas e prexudiciais para os intereses das explotación. O lóxico sería que aquelas comunidades que non cumpren coas prevalencias mínimas tivesen medidas máis drásticas para chegar ao baremos medios sanitarios e neste caso ocorre xustamente o contrario. O mundo ó revés. Debemos de ser os tontos da película nas reunións sectoriais co Ministerio”, criticou o representante do SLG.

MANZANEDA BALEIRADO InicioConcentraciónSolidaria

Ademais, lembrou que malia que os propios servizos veterinarios oficiais estiman en 800 euros as perdas por animal sacrificado, estase percibindo unha media de só 600 euros por animal: “No intre de marcar aos animais por motivo dun sacrificio obrigatorio, que se van comercializar para consumo humano, os intermediarios aprovéitanse e vanse malvender”.

“De tódolos xeitos, os 500 euros máximo por vaca que subvenciona a Xunta para repoñer a vaca sacrificada por un sacrificio obrigatorio son claramente insuficientes no contexto actual, que para comprar unha vaca os prezos superan os 2.000 euros”, concreta Pérez Rúa. En canto ao lucro cesante, se ben o período medio de inactividade das granxas e de arredor de dous anos, a indemnización da Xunta só cubre 6 meses.

Canda o cumprimento das medidas recollidas no acordo asembleario de onte en Palleirós, o representante do SLG-CCLL pechou a súa intervención apelando tamén dun trato máis humán por parte da Consellaría para cas gandeiras e gandeiros cando se decreta un baleirado sanitario: “E por último e non menos importante, pídolle a todos os funcionarios da Administración unha maior sensibilidade, porque en todo este proceso que eu mesmo seguín, notei unha falta de empatía e unha frialdade absoluta con que se lles notifica un proceso tan doloroso tanto económico como emocional como é un vacío sanitario”.

AcordoAsamblearioPalleirós_Manzaneda15M24

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información