O vindeiro martes 26 de marzo terá lugar ás 11:30 horas diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense unha concentración de protesta “fronte ao sacrificio obrigatorio de centos de animais e as indemnizacións de miseria vinculadas á declaración de Zona de Prevalencia 0 de Tuberculose no territorio galego”.
No ano 2021 Galicia foi declarada libre de tuberculose ou zona de Prevalencia 0. Esta clasificación permítelle á Xunta “flexibilizar” as medidas de loita contra esta doenza, por exemplo reducindo o saneamento anual a un saneamento cada tres anos, pero nas granxas implica que cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais (baleirado sanitario).
Cun único positivo en laboratorio son sacrificados todos os animais da granxa, procedendo ao seu baleirado sanitario
Contraditoriamente, se unha granxa na que se identifican positivos está nunha comunidade que non teña declarada a prevalencia 0, as probas repítense aos 45 días e non matan todos os animais.
Por iso, desde o Sindicato Labrego Galego denuncian o carácter “discriminatorio e desproporcionado” destas medidas, que supoñen, din, “unha ruína para as persoas gandeiras que se podan ver afectadas” por elas.
Animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio
“Esta situación é aínda máis inxusta se cabe se termos en conta que, malia a cualificación de prevalencia 0, animais doutras comunidades con máis tuberculose, nas que non obrigan a facer estes baleirados sanitarios, entran a diario no noso territorio. Ademais, está cientificamente demostrado que a tuberculose bovina se mantén en reservorios silvestres, como as poboacións de corzos, cérvidos en xeral ou xabarín”, argumentan desde o SLG.
O caso dunha granxa afectada en Manzaneda
Nas últimas semanas o SLG fíxose eco do caso dunha granxa de Manzaneda, á que por tres positivos van proceder a sacrificarlles 40 animais, redundando nunha perda económica superior aos 30.000€, así como en dous anos como mínimo de ausencia de beneficios económicos (o tempo medio estimado de recuperación desta unidade produtiva). “Pero esta situación vense repetindo dende fai tempo: o ano pasado obrigaron a matar 400 animais dunha granxa da Terra Chá”, engaden no Sindicato Labrego.
“A situación é grave. Foron solicitadas varias xuntanzas urxentes e trasladada unha batería de medidas, máis até o de agora non obtivemos resposta. Consideramos unha absoluta irresponsabilidade que a Consellería do Medio Rural non estea mantendo un diálogo co sector a fin de abordar esta realidade”, conclúen.