O relevo xeracional, o gran desafío da viticultura galega

Os presidentes dos Consellos Reguladores das cinco denominacións de orixe vitivinícolas coinciden nunha xornada en Santiago en que o avellentamento dos viticultores condiciona o futuro do sector.

Publicidade
O relevo xeracional, o gran desafío da viticultura galega

Os presidentes dos consellos reguladores no debate.

Poucas veces se reúnen os presidentes das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia para falar sobre a súa situación e como afrontan o futuro. O seminario “Winetech Pus: Novos Camiños para a Viticultura e a Enoloxía” que se celebra onte e hoxe en Santiago de Compostela serviu de ocasión para tomarlle o pulso a un sector que, malia a crise, segue creando emprego e lanzándose á exportación.

As cifras do 2014 son reveladoras: 35 millóns de litros de caldos cualificados, cunha facturación de preto de 150 millóns de euros, e 446 adegas inscritas nun sector que supón un medio de vida e traballo de xeito directo para aproximadamente 17.500 persoas.

Sen embargo, os puntos febles do sector, con variacións, son máis comúns do que aparenta: adegas demasiado pequenas para exportar, imporante descenso do consumo de viño en España e, sobre todo, avellentamento dos viticultores, o principal piar do sector e condicionante para o seu futuro.

A continuación resumimos as ponencias dos presidentes dos consellos reguladores galegos sobre a situación actual e o futuro do sector do viño en Galicia:

Monterrei: Antonio Méndez Atanes
Creada no ano 1994, é a denominación de orixe máis pequena de Galicia. Só autoriza variedades autóctonas. Na pasada vendima recolléronse nesta DO 3 millóns de quilos e elaboráronse 2,4 millóns de botellas. Evolución ascendente en canto a volume de produción nos últimos anos. O número de adegas mantense estable en 24 e o número de viticultores vai en aumento, chegando a 384 no último rexistro.

As exportacións nesta D.O. van en aumento, chegando aos 200.000 litros o pasado ano. “É unha forma de compensar o descenso do consumo interno”, subliña o presidente.

“A idade media en Monterrei está nos 70 anos, e dentro de 10-15 anos teremos problemas de subministro”

Para Antonio Méndez “un problema grave que temos é a falta de relevo xeracional”. “A idade media dos viticultores está nos 70 anos e dentro de 10-15 anos teremos problemas de subministro de uva para as adegas”, advirte.

Como estratexia de futuro salienta “o enorme potencial do enoturismo, e a oportunidade que representa para poder vender viño no propio destino”.

Rías Baixas: Juan Gil de Araújo
É a máis grande das DO galegas, tanto en extensión como en volume de facturación.

Como problemas que detectou están os custes de produción da uva, “que no noso competidor en España en viños brancos, a DO Rueda, están entre un 15 e un 20% do que nos costa nós”.

Juan Gil tamén salientou “o risco de que diminúa a compra de uva aos pequenos viticultores pola entrada na DO de grandes grupos vinícolas nacionais que fixeron as súas propias plantacións”, aumentando a oferta de uva.

Ademais, chamou a atención sobre o descenso do consumo de viño en España, especialmente no sector da hostalaría, “co cal a exportación é unha exixencia, e a calidade é unha obriga esperada polo consumidor”.

Como estratexia de futuro para a D.O. Rías Baixas, Juan Gil marcou varios obxectivos. En primeiro lugar, “manter unha alta calidade dos nosos viños, pois sen iso non temos nada que facer” ao tratarse de viños brancos con prezos superiores á competencia.

“En Rías Baixas o 62% do noso orzamento vaise para promoción, é fundamental”

En segundo lugar, investir en equipos comerciais e buscar novos mercados internacionais. Neste sentido, lembrou que “o pasado ano o 62% do orzamento do Consello Regulador foi para accións de promoción”.

E en terceiro lugar situou varios obxectivos como evitar guerras de prezos, aumentar a oferta de produtos, seguir apostando polo enoturismo “para que os turistas que visitan Galicia, tamén se acheguen ata as nosas adegas”, e “manter unha boa relación entre viticultores e adegas, porque somos socios”.

Ribeira Sacra: José Manuel Rodríguez.
A D.O. vitivinícola máis nova de Galicia, creada no ano 1996, agrupa a 96 adegas, 2.500 hectáreas e uns 3.000 viticultores. O pasado ano producíronse baixo a DO Ribeira Sacra 5 millóns de quilos de uva.

Como punto forte da Denominación de Orixe, José Manuel Rodríguez salientou que “comercializamos 1/3 do viño que se produce na Denominación e os 2/3 restantes son para consumo interno”.

Como principal limitante subliñou que “non é posible a mecanización, as parcelas teñen unha superficie limitada e case todo o traballo hai que facelo a man”.

ribeiro_viñas_01_standar

Viticultura no Ribeiro.

Ribeiro: Miguel Ángel Viso
Nesta DO prodúcense uns 15 millóns de quilos en 3.000 hectáreas, o 95% de variedades de viño branco, e só o 5% de tintos.

Como feblezas da DO Miguel Ángel Viso tamén situou a perda de viticultores, cunha idade media moi elevada, e ligado a isto “a perda de superficie vitícola”.

Igualmente, advertiu “das dificultades para crear explotacións rendibles” ou “do pequeno tamaño das adegas, que limita a súa capacidade empresarial e comercial”.

“No Ribeiro marcámonos como obxectivo facer viñedos máis rendibles”.

Como estratexia de futuro, na Denominación de Orixe máis antiga de Galicia márcanse os seguintes obxectivos:

-Incentivar a reconversión e reestructuración de viñedos para facer explotacións máis rendibles.

-Aumentar o prezo da uva, a partir da demanda.

-Potenciar o carácter empresarial das adegas.

-Incentivar un comité organoléptico creativo, que desenvolva tendencias acordes co mercado.

-Potenciar o comercio online.

-Profesionalización da comercialización e apertura de mercados emerxentes.

Valdeorras: José Vicente Solarat
O recentemente nomeado presidente da D.O. Valdeorras lembrou as reticencias que xerou a posta en marcha nos anos 80 do pasado século do REVIVAL (Recuperación de Viñedos de Valdeorras), no que se apostou por substituír as variedades foráneas por castes autóctonas e se modernizaron os viñedos.

Como fomentar o relevo xeracional na viticultura galega?

En canto á problemática común de avellentamento dos viticultores e a falta de relevo xeracional esta foi a resposta dos distintos presidentes das D.O. galegas:

Monterrei: Antonio Méndez Atanes lamenta que “hai o estereotipo de que a viticultura é pouco glamurosa e rendible, e iso non é así: é unha actividade digna e que garante unha rendibilidade”. Como exemplo, salientou que “na DO Monterrei é posible xuntar catro hectáreas de viñedo, mecanizar os labores de cultivo, e cunha produción de 10.000 kilos por hectárea, a 0,75 € obtés 30.000 €, que descontando un 40% de gastos, permiten ter un salario digno”.

Rías Baixas: Juan Gil confía no relevo xeracional na viticultura: “incorporarase xente á viticultura co convencemento de que é unha actividade digna e rendible”.

 “Se logramos que a viticultura sexa rendible incorporarase xente, sexa de aquí ou de fóra”

Ribeira Sacra: “Temos que lograr que sexa unha actividade rendible, sexa con xente de aquí ou de fóra”, afirma José Manuel Rodríguez. Neste sentido, está convencido de que “mentres o sector sexa rendible atraerá man de obra, e para iso é fundamental que se valore cada vez máis o produto”. Como exemplo puxo a rexión francesa da Champaña “na que hai 32.000 hectáreas de viñedo, repartidas entre 28.000 viticultores, pero a uva págase a 6 € o kilo”.

Ribeiro: Miguel Ángel Viso fondou na idea da rendibilidade “e para iso temos que conseguir que o prezo da uva sexa o suficientemente interesante para que o viticultor poda vivir do seu traballo”.

Ademais, defendeu a idea da actividade vitivinícola como complemento a outra actividade económica. Neste sentido, preguntouse “por que non pode acceder a unha axuda agraria alguén que se incorpora á viticultura dende outra actividade, cando está axudando a manter o sector e frear o despoboamento?”.

Valdeorras: José Vicente Solarat disentiu dos demais presidentes afirmando que “na DO Valdeorras non se incorpora xente nova á viticultura, e se o fai é por un proceso administrativo, para evitar que o avó ou o pai pensionista sexa penalizado por Facenda á hora de vender a uva”.

Non obstante, salientou que “onde si detecta incorporación de xente nova é no persoal de adega, na enoloxía e nos departamentos comerciais”.

Una idea sobre “O relevo xeracional, o gran desafío da viticultura galega

  1. Ángel

    os caldos son os de grelos. Por enésima vez: non se debe de usar esa palabra para falar de viño!!!!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información