Saen a concurso na Limia o arrendamento de 49 hectáreas e a venda da súa herba actual

A iniciativa Aterra, do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia – Arnoia, obtivo a cesión de 7 parcelas en desuso que son propiedade da Deputación de Ourense. O obxectivo é favorecer na comarca o desenvolvemento da agricultura ecolóxica e de novos cultivos

Publicidade
Saen a concurso na Limia o arrendamento de 49 hectáreas e a venda da súa herba actual

Imaxe a pé de campo dun dos lotes. / Fonte: Aterra.gal

O proxecto Aterra, unha das liñas de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, pasou a ser durante os próximos 25 anos a entidade xestora de 49 hectáreas propiedade da Deputación de Ourense. Os terreos están divididos en 7 referencias catastrais na contorna da antiga Lagoa de Antela que conforman os 16 lotes a arrendar. Deste xeito, Aterra iniciou un dobre proceso: a subasta da herba desas terras e o arrendamento para a posta en marcha de novos cultivos.

O prazo para o primeiro dos procesos iniciouse o pasado 30 de abril e está habilitado durante 7 días naturais para que as persoas interesadas envíen as súas propostas económicas, partindo dun prezo de saída de 3.500 euros. 

Para o arrendamento dos terreos, o prazo está aberto desde o 25 do mes pasado, durante 20 días naturais. “A presentación nos dous casos é dixital; para a da herba hai que mandar un correo electrónico a info@aterra.gal co correspondente anexo dispoñible na web e a proposta económica, mentres que para a solicitude de arrendamento hai que acceder ao formulario, tamén na páxina, cos correspondentes anexos alí dispoñibles”, explica a xerente do GDR, Eva González.

Orientación dos proxectos

Os 16 lotes conformados polas 7 parcelas cedidas ao GDR Limia-Arnoia no eido do proxecto Aterra representan “unha aposta forte na Limia. A idea é asignar eses terreos para a produción en ecolóxico. O noso obxectivo desde o convenio feito coa Deputación parte dunha filosofía de máximos, isto é, que estean dispoñibles para a diversificación da produción na Limia, para a axuda á incorporación de novos agricultores e agricultoras ou mesmo a incorporación de novos cultivos”, sinala a xerente.

O proceso prima á agricultura en ecolóxico, novos agricultores e a diversificación de cultivos

A xente da propia comarca é a prioridade do GDR á hora de adxudicar os arrendamentos, e así mesmo, pídese a inscripción no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). 

“Nós sabemos que a Limia é unha comarca de forte produción agraria, que queremos que siga sendo así, ou que a pataca e o cereal son os fortes, pero tamén consideramos que favorecer outros modelos de produción é interesante. Por iso, entre as súas funcións, o GDR intenta poñer en práctica outras maneiras de producir, e amosar outras maneiras de ver o rural, ou outras maneiras de valorizar a actividade agraria e gandeira”, apunta.

Estes terreos levan sen producir moito tempo. Son parcelas de alta calidade produtiva, libres de nemátodo e outras pragas, polo tanto, “é máis probable que se poidan producir cultivos en ecolóxico nesas parcelas que noutras que leven 20 anos producindo, por exemplo. Nós esperamos que haxa unha demanda para estes lotes”, aclara.

De entrada, o perfil obxetivo destas terras é “unha persoa nova do territorio que queira producir horta en ecolóxico, aínda que se alguén quere facer producións de cereal, pataca ou cultivos que fomenten a recuperación do solo, pois tamén”, insiste a xerente do GDR. 

Outro dos requisitos para formular a solicitude é a necesidade de presentar un plan de cultivo, cuxo cumprimento se revisará todos os anos. “Se se incumpren os acordos, o GDR poderá acordar a cancelación do contrato de cesión”, sinala. 

Criterios de selección

A convocatoria marca dous criterios principais á hora de puntuar as solicitudes: perfil da persoa demandante (40% da puntuación total), -con puntos adicionais se é nova incorporación, se é muller, se é unha persoa con discapacidade, etc.- e por outra parte o tipo de cultivo que se queira facer (60% restante). 

En canto ó cultivo, o que máis prima é a produción de horta, logo o cereal autóctono, a introdución de novos cultivos mellorantes do solo, cultivos forraxeiros, e incluso prado (cuxo máximo será un 20% da superficie pola prioridade da iniciativa de producir alimentos de forma sustentable). 

“Sabemos que moita xente da Limia está interesada nas parcelas, o que non sabemos, e esperamos que si, é se esas persoas están interesadas en producir en ecolóxico. Nos pensamos que é unha boa aposta incluso para aquelas persoas que produzan en convencional e que queiran probar outros cultivo neste modelo”, afirma Eva González.

Por outro lado, do total de terreos, as fincas máis pequenas -hai algunhas de algo menos de 0,3 hectáreas- “probablemente non teñan interesados, polo que pasarán a ser xestionadas polo GDR para facer convenios con grupos de investigación e deixalas como parcelas de ensaio”, avanza. Finalmente, é necesario ter en conta que as persoas ás que se lle adxudican os terreos non poderán entrar nas fincas ata o 15 de agosto.

Contratos de arrendamento

A repartición en lotes das referencias catastrais cedidas pola Deputación fíxose en función dos canais que as separan, e os hidrantes dispoñibles para os sistemas de rego. Os demandantes poderán acceder ao aluguer dos terreos para a súa explotación individualmente ou por lotes, en función das súas necesidades. Para coñecer os lotes destinados ao arrendamento na Finca Antela é preciso ver o mapa.

Localización dos lotes sobre plano catastral e ortofoto aérea. / Fonte: Aterra.gal

Localización dos lotes sobre plano catastral e ortofoto aérea. / Fonte: Aterra.gal

As terras para aluguer terán un prezo duns 300 euros por hectárea e ano (IVE incluído). “Farase un contrato de arrendamento ante notario de 5 anos prorrogable a 8. Entre os custos, ademais do prezo establecido, os arrendatarios terán que facerse cargo dos custes de mantemento e gasto de auga para o sistema de regadío da súa propia parcela. Para iso, poñeráselle un contador a cada un deles, para que no momento da rega asuman os gastos de xestión da finca”, amplia a xerente.

Imaxe dunha das tomas de hidrante dispoñibles nos lotes./ Fonte: Aterra.gal

Imaxe dunha das tomas de hidrante dispoñibles nos lotes./ Fonte: Aterra.gal

Adxudicación da sega da herba

En canto ao procedemento para a sega de herba destes terreos da ‘Finca Antela’, será adxudicada á persoa que propoña a oferta económica máis vantaxosa, partindo a licitación en 3.500 euros. A persoa adxudicataria da licitación deberá realizar a sega entre o 15 de xuño e o 15 de agosto, data límite para deixar a terra libre para uso agrícola.

O proxecto Aterra

Aterra é unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia que ten como obxectivo recuperar terra abandonada ou en desuso. O fin último é conectar persoas propietarias de terras con persoas demandantes de terra para o desenvolvemento ou ampliación do seu proxecto.  

Esta iniciativa é parte fundamental da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027 deste GDR. Viu a luz a finais do 2022 e ten por obxectivo impulsar novos proxectos agrarios no territorio no que actúa. O Grupo de Desenvolvemento detectou a necesidade de crear un fondo de terras co obxectivo de dispoñer de parcelas produtivas que permitan apoiar novas explotacións agrarias ou o mantemento das que xa existen. 

Para calquera consulta (ofrecer terras, demandar terras ou consultar as terras dispoñibles), pódese facer a través da web do proxecto, que incorpora un visor xeográfico de parcelas. Tamén se pode contactar co persoal de Aterra para resolver calquera dúbida.

  • Peza informativa elaborada coa colaboración comercial do GDR Limia – Arnoia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información