As explotacións de leite galegas son sobre todo deficitarias en proteína. A herba é moitas veces difícil recollela en condicións idóneas, polo que a calidade do silo baixa e moitas ganderías vense obrigadas a corrixir estes déficits coa introdución de alfalfa na ración.
Pero este ano prevense dificultades de subministro e prezos moi elevados. Neste momento unha paca grande de alfalfa posta nunha granxa galega aproxímase aos 400 euros.
“O prezo está disparado”, recoñece José Antonio González, nutrólogo de CLUN en Ribadeo, que leva a cabo asesoramento a explotacións e é o responsable da formulación da ración húmida que se elabora no CAVI de Irmandiños e que se sirve diariamente a 68 ganderías e 3.500 vacas da Mariña, A Pastoriza e o occidente de Asturias.
A paca grande de alfalfa deshidratada, que equivalería a unha tonelada, supera en orixe os 350€, ao que habería que engadir uns 30€ de portes
O prezo en orixe sitúase arredor dos 350€ e a iso habería que engadir os portes, duns 30€ por mor da suba do gasóleo, o que sitúa o prezo final nunha explotación galega nuns 380 ou 390 euros. “O ano pasado posta na ración, xa con porte, estaba a 240€, un 60% menos”, compara José Antonio.
Menor produción e maior demanda este ano
A alfalfa que chega a Galicia procede sobre todo de Castela e León e Aragón, onde a cotización nas lonxas de León, Salamanca ou Binéfar está a marcar unha clara tendencia alcista nas últimas semanas.
A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita e por outro lado un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos. “O 75% da produción española de alfalfa expórtanse. Están saíndo contedores cheos, o que exerce unha grande presión sobre o mercado”, asegura José Antonio.
Están a saír contedores cara a China e Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos
A dispoñibilidade tamén se reduciu con respecto a outros anos e o técnico de Clun augura escaseza nos vindeiros meses. “As ganderías que non a compraran xa, porque preferiron agardar a ver como resultaba a campaña de millo, cando a vaian pedir xa non a vai haber, porque nos vindeiros meses non creo que haxa acceso a ela”, vaticina.
A seca sufrida este ano provocou unha redución moi importante na cantidade de alfalfa recollida. En secano, en zonas de Castela a Mancha e Castela e León, o rendemento foi a metade do habitual, uns 1.500 quilos por hectárea e no mellor dos casos déronse dous cortes.
Nos vindeiros meses vai escasear, a dispoñibilidade vai ser moi pouca e non vai haber acceso a ela
En regadío, concentrado en lugares como o Val do Ebro, a produción foi similar a outros anos, pero a maior custo, debido a que se encareceu o rego por mor do prezo da auga e sobre todo a electricidade. Ademais, na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos.
Uso de alfalfa en anos de mala colleita de millo ou herba
O uso de alfalfa nas racións das vacas de leite foi a menos nos últimos anos. “Fai anos, cando a alfalfa estaba a 180€, había ganderías en Galicia que non usaban silo de herba, botaban 3 quilos de alfalfa e con iso, silo de millo e penso cubrían, pero aos prezos que está hoxe tanto o concentrado como a alfalfa non é viable”, di o técnico de Clun.
Hoxe en día a maioría das ganderías intentan ser autosuficientes nas forraxes, pero cando a produción de herba ou millo escasea ou a calidade dos ensilados é deficiente aos nutrólogos non lles queda máis remedio que recurrir a ela.
No CAVI estamos a botar só 1kg de alfalfa para secar un pouco a ración
“Hai algunhas granxas onde aínda se usa”, admite. Este sería un ano proclive, tendo en conta a mala colleita de millo en amplas zonas de Galicia. Noutras ocasións o uso da alfalfa serve para compensar o exceso de humidade do primeiro corte de silo de herba. É a función que lle dan, por exemplo, no CAVI de Irmandiños, onde están a usar 1 kg de alfalfa por vaca e día.
“Dóeme ter que mercar forraxes fóra podendo producilas aquí, onde temos as cunetas cheas de herba”
Nas ganderías en extensivo que practican o pastoreo co gando, agás en zonas como o norte da provincia de Lugo, este non foi tampouco un bo ano. A falta de precipitacións no verán e as olas de calor acabaron por secar anticipadamente os pastos.
“Os prados están moi secos e boa parte dos gandeiros xa non levan as vacas ao pasto e aliméntanas a base de alfalfa e outras forraxes, o que está a supoñer un novo gasto extra para as ganderías”, explica Rocío Corral, presidenta da cooperativa Coafor, de Forcarei.
A seca está a acentuar a falta de pasto, obrigando ás ganderías de leite que fan pastoreo a recurrir á alfalfa
Nas ganderías de carne a falta de pasto está obrigando a consumir o silo e a herba seca do inverno. Nas de leite, a mala colleita de millo en moitas zonas tampouco augura un ano sen ter que mercar insumos.
“Sinceramente, a min dóeme a cabeza ter que ir mercar forraxes a Aragón ou a Castela e León podendo producilas aquí, onde temos as cunetas cheas de herba. Hai poucos lugares cun clima tan benigno coma o noso para producir forraxes, por iso é un desperdicio deixar terras baleiras”, afirma José Antonio. Facendo ben as contas, di, o silo de herba posto na ración sae entre 50 e 60 euros a tonelada, un custo oito veces menor que o da alfalfa actualmente.
A palla sobe 25€
Outra forraxe que experimentou unha suba importante este ano é a palla. Por mor da seca, a produción de trigo ou cebada en Castela foi menor este verán (o Ministerio de Agricultura calcúlaa nun 23% menos), o que sumado á maior demanda por parte da gandería extensiva, debido á redución dos pastos, está a elevar o prezo.
Cos prezos actuais, un camión de alfalfa ronda os 9.000 euros e un de palla os 2.500
A palla empregada en Galicia, ben nas camas do gando, ben na alimentación, por exemplo das vacas secas nas explotacións de leite ou dos xatos de engorde nas de carne, subiu este ano unha media de 25€. Incluíndo os portes, a paca grande de palla posta nunha explotación galega ronda nestes momentos os 90€ se a palla é enteira e os 110€ se é picada.