Menor produción e de peor calidade: así avanza a campaña adiantada de ensilado do millo

A seca e as altas temperatura reduciron en máis dun terzo a colleita en comarcas como o Deza ou o interior e sur de Lugo. A recollida iniciouse 15 días antes do habitual e prevense problemas de fungos e levaduras nos silos

Millo seco na provincia de Lugo colleitado este luns

Millo seco colleitado este luns na provincia de Lugo 

As chuvias previstas para esta semana suporán un pequeno parón na campaña de recollida do millo, que este ano avanza adiantada con respecto ao habitual a estas alturas do mes de setembro en amplas zonas de Galicia.

A seca prolongada e a vaga de calor deste verán fixeron que a planta secase antes de tempo nas comarcas do interior da comunidade, obrigando a poñer a andar as colleitadoras xa a finais de agosto.

A seca obrigou a poñer a andar as colleitadoras xa a finais de agosto

En xeral, a colleita será sensiblemente menor que o ano pasado, con mermas por enriba do 30% en moitas fincas e resultados desiguais en función do momento da sementeira e o ciclo e variedade escollida.

O millo sementado máis cedo foi quen de desenvolverse antes da seca, mais naquelas parcelas máis tardías o cultivo en moitos casos escasamente supera o metro de altura e a planta non foi quen de botar a espiga.

O resultado foi desigual en Galicia, en xeral con mermas importantes, agás na Mariña e O Xallas

É unha situación que se dá en comarcas do sur de Lugo e o interior de Pontevedra, pero tamén noutras zonas como o interior da Coruña ou a Terra Chá. Unicamente se salvan deste panorama xeral a comarca da Mariña e o Xallas, onde a humidade e as néboas de agosto serviron para manter o stay green do millo até o inicio da campaña, prevista para a vindeira semana.

“Aquí aínda non comezamos a ensilar, porque o millo está verde aínda”, explica Adrián Cundíns, de Ganxabar, que xestiona a alimentación en conxunto a ganderías do Xallas e A Barcala. En canto á produción esperada, “nas zonas máis secas e nas que se sementou o millo algo máis tarde si que vai haber descensos pero no resto vai ser similar ao ano pasado”, agardan.

O sur da provincia de Lugo e o interior da de Pontevedra foron as dúas zonas de Galicia máis afectadas. Son comarcas que en anos bos acadan colleitas aceptables pero que en condicións extremas coma as desta campaña non son quen de asegurar producións por enriba do limiar de rendibilidade do cultivo.  

Un terzo menos de produción e menor dixestibilidade

“Estamos nunha zona extrema e a colleita este ano foi moi heteroxénea, con 30.000 quilos por hectárea nalgunhas fincas e cero noutras e con medias de produción entre un 20 e un 30% menos”, relata Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na zona de Chantada, onde se acusaron os problemas de seca e temperaturas extremas.

Hai moito millo seco e sen espiga, que non deu barbado e florecido

“Hai unha cantidade de millo moi grande que se perdeu, mesmo nalgunhas fincas boas, de solos profundos, vese o millo seco e sen espiga, porque non deu barbado e florecido. Estropeouse por estrés, secou de arriba para abaixo, empezou a secar pola punta, debido ao solano, con temperaturas de máis de 40 graos durante varios días. Se non hai movemento de aire iso cóceo, incluso en fincas profundas. Por iso aguantou mellor en zonas altas, onde nortea algo”, explica Jorge.

“Pouco vai quedar para outubro”

ensilado millo 2022 Lugo2A colleita comezou hai xa dúas semanas no sur da provincia de Lugo, ao igual que na comarca do Deza, xa que outra das consecuencias da calor extrema e a falta de auga foi unha maduración temperá da planta.

“Adiantouse moito a colleita con respecto a outros anos, polo menos 15 ou 20 días con respecto a un ano fresco”, explica Enrique Mosquera, responsable de maquinaria de Cobideza. A finais de agosto as máquinas da cooperativa xa comezaran a traballar e a este ritmo “pouco millo vai quedar para outubro”, di.

Adiantouse moito a colleita con respecto a outros anos, polo menos 15 ou 20 días

Pero malia que o ensilado vai acabar antes, os gandeiros da comarca non están a apurar a sementeira da herba. “Polo de agora está a esperar todo o mundo a que chova para sementar, porque a terra é todo polvo e non se dá pasado o rulo”, conta Kiko.

Ao igual que na zona de Chantada, no Deza o millo que se está a ensilar tamén está “moi seco”, polo que haberá “mala calidade e menos cantidade, con fincas nas que se recolle o 50% e noutras nas que se pode chegar ao 75% dos quilos habituais”.

Suba de entre 50 e 60 euros na recollida

Aínda que con perdas algo menores que en Chantada ou no Deza, a zona de Curtis na Coruña ou a de Sarria ou a Terra Chá en Lugo tamén están a obter menos produción. “Perdéronse tranquilamente 10.000 quilos por hectárea”, calcula Álex Castedo, que xunto ao seu irmán Marcos ten unha gandería e unha empresa de servizos agrarios que sementou unhas 160 hectáreas de millo na zona de Lugo.

“O millo que se sementou cedo ten altura, pero non ten espiga. E o problema non é só a cantidade, senón a calidade”, di.

A peor colleita deste ano chega ademais nunha campaña onde os custos do cultivo se incrementaron nuns 250 € por hectárea até superar os 1.500 €. A sementeira subiu de media uns 200 € por hectárea por mor de insumos como o abono ou o gasóleo, pasando a custar uns 1.300 ou 1.400 € labrar cada hectárea. A iso hai que engadir un pase ou dous de herbicida e o custo da recollida e ensilado.

“Houbo unha suba de entre 50 e 60 € por hectárea na picadora e o transporte ao silo. Dependendo da distancia á granxa o custo pode estar en 290 ou 300€ por hectárea, cando o ano pasado se facía por 240 ou 250€. Pero non tivemos máis remedio ca subir, porque no último pedido o gasóleo veunos a 1,22€ o litro xa co desconto dos 20 céntimos”, explica Álex.

“Abonouse menos e iso tamén influíu”

Millo pequeno, amarillento e sen espiga na zona de Curtis

Millo pequeno, amarelo e sen espiga na zona de Curtis

No incremento de custos do cultivo deste ano influíu notablemente a suba desproporcionada dos fertilizantes, o que tamén fixo que moitas explotacións abonaran menos, o que, sumado á falta de auga, provocou un factor engadido de merma da produción.

“En euros seguramente gastaron o mesmo, pero co prezo que tiña o abono foron menos quilos os que se botaron”, asegura Kiko. Da mesma opinión é Javier Blanco, veterinario e asesor de granxas de Coluga. “Eu penso que o dos fertilizantes influíu bastante en que haxa menos colleita, porque xusto nos colleu un ano de seca coma este con menos abono nas terras. De feito, o que quixo aforrar niso é o que máis vai notar agora a merma na produción”, asegura.

Na mesma zona nótase perfectamente o que quixo aforrar en fertilizante

O abonado de fondo dá unha maior garantía, pero “o que usou fertilizantes nitroxenados ou un abono en base a urea non logrou bos resultados, porque se botas urea en coberteira e en dous meses non chove pérdela porque á urea se non lle cae auga evapórase”, explica.

Tamén influíu o tipo de variedade sementada. Este ano os ciclos longos funcionaron mellor e, dentro deles, as variedades máis rústicas. “Houbo diferenza entre variedades, as que enraízan mellor aguantaron tamén mellor; outras non foron capaces de manter boas producións ao non darse condicións idóneas”, asegura.

“Vai haber problemas de malas conservacións, débense meter produtos mellorantes no silo”

Parcela de millo na comarca da Mariña, unha das poucas que se salvou este ano

Parcela de millo na comarca da Mariña, unha das poucas que se salvou este ano

Hai outra consecuencia da mala calidade da forraxe deste ano: os problemas para a súa conservación. “Van entrar maíces con fungos e levaduras e hai que ter coidado coas micotoxinas”, afirma Javier, que recomenda a utilización de inoculantes no silo para evitar despois problemas de quecemento das racións por malas conservacións.  

“Vai haber problemas moi serios. Vanse dar problemas sobre todo de levaduras e fungos. Estámolos a ver tanto nos talos como nas mazarocas. Débese meter un conservante biolóxico a base de bacterias para controlar sobre todo a poboación de levaduras, que non se ven e que son despois as responsables do quecemento da ración”, indica.

Hai que pisar ben e non apurar, aínda que haxa que pagar unhas horas máis de colleitadora

Asegura que o custo destes produtos, que se sitúa entre 1,5 e 1,7€ por tonelada de silo, “é un desembolso moi rendible e que se recupera só porque evítanse moitos problemas posteriores durante todo o ano a nivel nutricional. Non hai ningún outro investimento nunha granxa que teña un retorno tan inmediato coma este”.

As colleitadoras son cada vez máis rápidas e de maior ancho e os remolques teñen un maior volume, polo que é difícil estender e pisar ben o millo no silo entre viaxe e viaxe. Pero Javier recomenda aos gandeiros “que se centren no silo, que pisen ben e que non apuren, aínda que haxa que pagar unhas horas máis de picadora”, di.

Picar máis alto

Outro dos consellos para evitar a entrada de fungos aos silos, sobre todo nun ano coma este, é picar a unha maior altura, aínda que isto reduciría aínda máis o volume de colleita nun ano xa de por si escasa.

“De momento estamos picando á altura normal, entre 20 e 30 centímetros, pero sobre todo se chove agora e se tarda moitos días en ensilar, a parte do pé que está seca vaise poñer negra, nese caso é recomendable picar un pouco máis alto para que non teña fungos”, recomenda Kiko.

“Estirar” o silo vello até decembro

Nun ano de prezos desorbitados das materias primas, co millo en grao cotizando a 340€ a tonelada, a colleita de millo forraxeiro constitúe o verdadeiro salvavidas das explotacións leiteiras.

 “Aínda que este ano haxa menos produción e teñan subido os custos de abonado, segue valendo a pena botar millo,  sobre todo por como está o prezo do resto de insumos neste momento”, asegura Javier.

Se non tes quilos de millo  tes que tirar máis da herba, á que se lle presta normalmente pouca atención

Boa parte das explotacións tirarán de máis silo de herba e das reservas de millo do ano pasado para non ter que mercar. “Non vexo demasiados problemas nas granxas porque o ano pasado a colleita foi boa e hai excedentes. Moitas explotacións van aguantar cos silos do ano pasado ata decembro e non terán necesidade de empezar o silo novo ata xaneiro”, di.

“Hai pouco e o que hai véndese a 60€ a tonelada”

A alternativa de mercar millo para encher os silos complícase este ano. En Galicia case non hai oferta dispoñible e para traelo de outras zonas, como de León, encarécense os portes polos prezos dos combustibles.

O encarecemento do millo forraxeiro que se vende en pé é dun 20% con respecto ao ano pasado

Ademais, o prezo do millo en si tamén experimentou unha suba dun 20% con respecto ao ano pasado. “Pasou de 8 pesetas a 10 pesetas comprado na finca, a iso habería que engadirlle pícalo máis o transporte, que en función da distancia ao silo, poden ser un par de pesetas máis”, detalla Álex.

Hai moi pouco millo para comprar e o que hai está entre 60 e 70€ a tonelada en pé, logo habería que picalo e transportalo

Os efectos da seca deste verán vanse deixar notar máis aló da actual colleita de millo. “A xente que anda moi xusta e fai rotación en todas as terras de millo é a que máis problemas vai ter, porque as terras están moi secas e xa veremos como nace a herba”, di.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información