O millo brasileiro dálle aire ás fabricas de penso galegas ata o inverno

O porto da Coruña recuperou a normalidade e mantén ao 100% de capacidade os seus almacéns de cereal cando en febreiro só tiña reservas para un mes. Iso si, no último ano e medio o prezo do millo duplicouse, en tanto o do resto de materias primas experimentou subas similares

O millo brasileiro dálle aire ás fabricas de penso galegas ata o inverno

Millo nos almacéns. / Imaxe: Arquivo.

En só seis meses a situación cambiou drasticamente para as fábricas de penso galegas. De non ter practicamente existencias de millo, até o punto de perigar seriamente o subministro ás explotacións, a ter os almacéns do porto exterior da Coruña en Punta Langosteira ateigados de cereal.

Desde AGAFAC, a asociación galega de fabricantes de pensos, destacan que “está chegando neste momento aos portos galegos unha cantidade inxente de millo brasileiro”. “Están chegando barcos grandes, porque hai unha presión importante por sacar ese millo de Brasil, polo que a día de hoxe o risco de falta de subministro que se deu no momento álxido da guerra de Ucraína pasou e a dispoñibilidade de materia prima é importante”, asegura Bruno Beade.

O risco de falta de subministro que se deu no momento álxido da guerra de Ucraína pasou polo de agora

“Cambiáronse moito os fluxos de compra no mundo a raíz do conflito en Ucraína”, explica. Galicia perdeu o millo do Leste de Europa e enfocouse a América, en especial a un aumento das importacións arxentinas, nas que se introduciu unha maior flexibilización das condicións de importación. Con todo, o millo arxentino chegado a Galicia foi mínimo nestes meses. Tan só ao principio chegou algo procedente de antigas colleitas, pero sobre todo de Canadá e EEUU e moi pouco de Arxentina. Iso durou ata fai un mes, cando xa se enlazou coa colleita brasileña, que é habitual que chegue a Galicia a estas alturas do ano, e que podería seguir facéndoo aínda que se eliminaran as medidas excepcionais adoptadas pola Comisión Europea.

O perigo pode volver a comezos de 2023, porque de xaneiro a maio subministrabámonos en Rumanía e Ucraína

Sen embargo, Bruno é partidario de manter estas medidas de cara ao vindeiro ano. “A medida foi positiva porque permitiu unha relaxación do mercado e foi un freo á especulación coas materias primas que se estaba producindo ao ter abertas distintas vías e orixes para o subministro”, asegura, e “non sabemos o que vai pasar o ano que vén co millo e o trigo de Ucraína e hai que lembrar que de xaneiro a maio subministrabámonos en Rumanía e Ucraína”, explica.

No último ano e medio o millo subiu un 100% e o resto de materias primas algo parecido

A nivel de prezos de materias primas, “houbo un pequeño axuste”, indica, pois “neste momento as cotizacións relaxáronse un pouco a respecto do nivel que acadaron en febreiro pero non baixaron significativamente, simplemente non seguiron subindo”, admite o director de AGAFAC.

Desde a Asociación que engloba aos fabricantes de penso galegos son prudentes a respecto dunha posible baixada das materias primas nos vindeiros meses. “Pensamos que de aquí a finais de ano non vai haber baixadas e de cara ao ano que vén temos moita incertidume para saber o que vai pasar con Rumanía e Ucrania, que van marcar un pouco o prezo de principios de ano”, argumentan.

“É complicado facer previsións”

Ante as dificultades para facer previsións nun ano coma este, “tan raro, volátil e incerto”, poucos se atreven a prognosticar como estará o mercado en 2023. “Vexo a cousa difícil. É un mercado con moita volatilidade e con temas contrapostos neste momento que inciden en ambos sentidos, á alza e cara abaixo”, describe Iván Álvarez Bajo, de Asegrain, unha asesoría para compra de cereais con sedes en Madrid e León e que traballa con moitas das fábricas de penso galegas.

Os últimos informes de final de colleita falan dun descenso de entre un 5 e un 7% en EEUU, principal produtor de millo do mundo

“Por unha banda, en EEUU os últimos informes de final de colleita falan dun descenso de entre un 5 e un 7% con respecto ao último informe USDA de agosto. Estamos a falar dun descenso moi importante e hai que lembrar que EEUU é o principal produtor de millo do mundo e iso é un elemento alcista porque o millo é o cereal que dá soporte a todos os demais. Pero, doutra banda, temos un elemento baixista, que é a recesión. Os fondos de investimento están nerviosos, porque o diñeiro é medoso e sae de sectores que se poden ver afectados”, detalla.

Seca e fertilizantes caros

Do mesmo xeito que en EEUU, en Europa tamén houbo unha menor colleita con respecto ao ano pasado tanto de millo como de trigo, cebada, colza ou xirasol. “En España, as zonas máis temperás salváronse, pero as máis tardías, que son as máis produtoras, sentírono máis. O problema foi a calor, pero podemos dicir que en moitas zonas foi unha colleita de cereal correcta, pero a de xirasol si que foi unha campaña nefasta”, asegura.

En España este ano a campaña de cereal foi correcta, pero a de xirasol foi nefasta

Debido á mala colleita de primavera e ao elevado prezo dos abonos, para a actual sementeira de outono Iván prevé un descenso da superficie sementada de cereal. “Os agricultores optarán por sementar cousas con menor risco e custos asociados por necesidades de fertilización menores, como pode ser o caso de forraxes, leguminosas ou xirasol”, considera.

Saída de cereal de Ucraína

Ante este escenario de menor produción, Iván aposta por prezos estancados ou con lixeiros repuntes puntuais. “A miña opinión persoal é que estes prezos altos das materias primas viñeron para quedar. Os fertilizantes subiron unha barbaridade e seguirán subindo e cando os imputs están altos, os produtos tamén se venden a prezos altos”, xustifica Iván.

Ucraína segue sacando cereal, ten moito acumulado, pero a Rusia non lle gusta o que está a ver

O desbloqueo do cereal ucraíno debería servir para relaxar as cotizacións, pero o acordo entre Rusia e Turquía vese como inestable desde o sector. “Saíron xa bastantes barcos de Ucraína, pero a Rusia non lle gusta o que está a ver. Rusia aceptou o acordo para permitir a saída de trigo e aliviar desta forma a situación de fame da poboación dos países africanos, porque Rusia ten moitos intereses nestes países, pero está a ver que parte dos barcos que saen de Ucraína acaban noutros moitos lugares do mundo. Rusia pode revisar ese acordo con Turquía en calquera momento”, teme.

Mercado especulativo

Esta tensión fai que haxa “moita incerteza e volatilidades no mesmo día de ata 15 euros nos mercados de Chicago ou Francia, sen que pasase nada importante que o xustifique”, destaca.

“Os fondos de investimento fixáronse no sector primario no seu conxunto e vírono como un obxectivo. E iso fará subir os prezos. Xa o fixeron no sector inmobiliario e no turismo anteriormente”, lembra.

Os fondos de investimento fixáronse no sector primario no seu conxunto e vírono como un obxectivo

No caso da cotización do millo, hai anunciadas chegadas de barcos procedentes de Brasil con referencias de prezos en porto de 340 e 345 euros. E se o millo sobe tamén soben a cebada, que está 340€ nestes momentos, e o trigo, que cotiza a 355€.

En canto á soia, “segue estando moi cara, por encima dos 565€, e a colza vai en proporción da soia, póñencha en 400€ e o xirasol o mesmo, porque a referencia é a soia, do mesmo xeito que o millo o é para os cereais”, explica Iván. “Os prezos subiron moito ata o mes de maio por Ucraína e logo estabilizáronse. Se me preguntas para os próximos 5 ou 6 meses, apostaría por unha suba”, aventura.

O prezo do penso ás explotacións aumentou máis dun 25% desde xaneiro

suba penso xaneiro-xullo 2022

De xaneiro a xullo deste ano, o prezo do penso incrementouse de media un 30% no caso do vacún de leite e un 26,5% no caso do empregado para cebar os xatos de carne, segundo os datos oficiais feitos públicos polo Ministerio de Agricultura. O quilo de penso para vacas leiteiras pasou de 31 céntimos a 41, mentres que o dos xatos subiu de 33 a 43. No resto de animais as subas situáronse entre o 20% dos porcos e polos e o 31% dos coellos.

A maioría de plantas de producción de alimentación animal teñen contratos asinados para todo este ano, polo que non habería correccións significativas neste ámbito, pero hai outros factores que inciden nos custos de fabricación dos pensos, como por exemplo o prezo da enerxía ou os salarios. “Os gastos de persoal das fábricas de penso subiron e a electricidade tamén”, destaca Bruno Beade.

O problema é que os gandeiros non poden trasladar estas subas ao produto final, é unha cuestión estrutural que afecta a todo o sistema

“O peor é que os gandeiros non poden trasladar estas subas ao produto final, é un problema estrutural, non teñen capacidade para trasladar os seus custos ata o consumidor e iso repercute no normal funcionamento de todo o sistema”, quéixase.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información