Impacto da seca nas ganderías: Unións insta á Xunta a actuar

Impacto da seca nas ganderías: Unións insta á Xunta a actuar

Pradeiras secas en Viana do Bolo. Foto: Arquivo

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar sen demora para axudar a paliar a forte suba de custos de produción que a seca está a provocar nas explotacións agrogandeiras. A organización lamenta que a administración autonómica “deixe pasar o tempo sen activar unha soa das medidas abordadas na Mesa da Seca convocada hai xa dous meses”; e apela ao compromiso da Consellería co sector produtor para “dar un paso á fronte e dar luz verde ao anticipo da PAC e á liña de axudas directas solicitadas por Unións Agrarias na xuntanza de xuño”.

Unións Agrarias lamenta que o encontro do grupo de traballo convocado pola Consellería do Medio Rural a finais de primavera “unicamente lle teña valido á administración autonómica para tirar a foto”. “Dous meses despois nin unha soa das medidas de apoio ao sector produtor que a organización agrogandeira puxo sobre a mesa nese encontro ten sido posta en marcha. Mentres, agricultores e gandeiros lidian coa difícil coxuntura provocada polo encarecemento dos insumos, o estancamento do mercado de carne e a rebaixa dos prezos do leite imposta polas industrias”, advirten.

A falla de precipitacións dos últimos meses ten feito que insumos básicos escaseen e disparen o seu prezo, especialmente a palla e o resto de forraxes. Un encarecemento adicional que se suma ao que o sector xa viña padecendo a raíz da invasión de Ucraína e que ten dado lugar a un escenario cada vez máis complicado para a rendabilidade do sector produtor. Así, se uns meses atrás adquirir un camión de palla custaba no entorno dos 1.200 euros, a escaseza provocada pola seca ten elevado o prezo ata os 2.600 euros. Unha contía que coa suma dos portes pode chegar a supoñer un desembolso de ata 4.000 euros para boa parte das explotacións galegas.

Unións Agrarias entende que “negarlle a Galicia as axudas que si están a recibir outras Comunidades Autónomas para facer fronte a este escenario resulta totalmente discriminatorio; xa que o encarecemento de insumos como a palla é idéntico para todas as explotacións, sitúense onde se sitúen”. Por iso insta á Xunta a “actuar con medios propios e a impulsar o apoio decidido que o sector precisa”.

Medidas

A organización insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia habilite circulante a coste 0 e posibilite o anticipo das axudas da PAC para agricultores e gandeiros. “Unha medida que suporía un importante balón de osíxeno nun verán especialmente complicado para as explotacións galegas, que non poden seguir agardando”, defende.

Unións Agrarias lamenta que “nin o anticipio da PAC nin tampouco as axudas directas para sectores en crise como a gandería de vacún de carne e a apicultura teñan sido atendidas aínda pola Xunta”. Ao igual que as outras medidas solicitadas pola organización agrogandeira, como o aumento do tope de apoio aos seguros agrarios ata o máximo permitido. “Neste momento a administración autonómica financia apenas o 14% dunhas pólizas ás que o goberno central aporta un 36%; un 50% en total, cando a normativa en vigor fixa o tope máximo desa achega no 70%”, advirten.

Unións Agrarias lembra a necesidade de impulsar a extensión dos seguros agrarios. “Unha ferramenta -destacan- moi importante á hora de facer fronte a eventualidades climáticas como as que se teñen dado na zona do Ribeiro e na Ribeira Sacra a consecuencia do pedrazo e as treboadas, e coa que a día de hoxe seguen sen contar un bo número de profesionais do campo”. Nese senso, a organización avoga tamén polo apoio autonómico a pólizas colectivas para OPAs e organizacións de produtores.

A organización agrogandeira insiste ademais na necesidade de que a Xunta de Galicia incorpore veterinarios suficientes para impulsar a campaña de vacinación da lingua azul. “A paralización da mesma ten provocado unha situación de bloqueo nas explotacións, que non poden sacar ao mercado animais que xa están en idade de abandonar as granxas por carecer da pertinente vacina, unha situación que atenta contra a rendabilidade das explotacións e que está a supor un encarecemento dos seus custos”, advirten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información