Resposta de Agromuralla á FENIL: “Os que arruinan ás industrias lácteas son os seus directivos, non os gandeiros”

José Luis Pérez Barreiro acusa ás empresas lácteas de "querer poñer aos consumidores en contra dos produtores" e de urdir un "complot" para baixar o prezo do leite "coa connivencia das Administracións públicas"

CASEIRO SAT (A Pastoriza) Jose Luis Perez Barreiro Agromuralla7A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla considera “intolerables e inaceptables” as declaracións do secretario xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luis Calabozo, culpando ao prezo do leite en orixe da perda de competitividade do sector lácteo en España. 

Para o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, con este tipo de declaracións “as industrias tratan de poñer aos consumidores en contra dos gandeiros que producimos o leite, acusándonos de ser os culpables do encarecemento da cesta da compra, cando a realidade é que este ano baixáronnos un 20% o prezo que nos pagan polo leite aos produtores sen que baixara nada nos supermercados”. 

Para producir necesitamos estabilidade nos prezos, porque unha xata non se cría en 5 meses nin un establo se paga nun ano

Segundo denuncia Agromuralla, “as industrias lácteas teñen en marcha neste momento un complot para baixar o leite aos gandeiros” e contan “coa connivencia das Administracións públicas”, pois “nin a Xunta nin o Ministerio están a mover un dedo en favor dos produtores, permitindo baixadas unilaterais impostas polas industrias e que incumpren a Lei da Cadea Alimentaria”. 

“As empresas queren facerse ricas a costa dos produtores”, denuncia Pérez Barreiro, que acusa á FENIL de propoñer “un sector lácteo terceiromundista para España, onde as industrias obteñan os seus beneficios a base de comprar a materia prima barata”. 

As empresas queren un sector lácteo terceiromundista para España, onde as industrias obteñan os seus beneficios a base de comprar a materia prima barata

“Tanto as industrias como as cadeas de supermercados están a presentar as súas contas do ano pasado con datos de facturación récord en todos os casos”, lembra o presidente de Agromuralla, que di que “os que arruinan as empresas lácteas non son os gandeiros senón os seus directivos”.  

Cinismo coas importacións

José Luis Pérez Barreiro acusa tamén ás industrias de “cinismo” a respecto das importacións de leite, queixo e outros produtos lácteos. “As industrias son as principais culpables de que España sexa deficititaria en leite e son as primeiras en mercar fóra; de feito agora están a baixarnos o leite aos gandeiros en España porque prefiren traer leite e queixos baratos doutros países”, di. 

España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar unha cuarta parte dos produtos lácteos que consume; é normal que aquí se pague máis polo leite que noutros países

Agromuralla considera normal que o prezo do leite en España sexa superior ao doutros países da UE que son excedentarios, caso de Alemaña, Francia ou Holanda e  lembra que “España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume”. 

A produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis, polo que “o prezo que se paga aos gandeiros debería reflectir esa realidade”, argumenta Pérez Barreiro. 

“Os custos de produción das granxas seguen aumentando pola adaptación ás novas normativas”

Mentres os ingresos das granxas seguen baixando, logo de tres descensos no prezo do leite no que vai de ano, os custos de produción das explotacións non deixan de aumentar.

“O prezo do gasóleo para a actual campaña de ensilado do millo e sementeira das pradeiras disparouse até 1,30 euros o litro, as sementes multiplicaron o prezo, a palla segue polas nubes e a electricidade está volvendo a subir”, enumera o presidente de Agromuralla, que pide que os contratos de compra do leite se referencien aos custos das granxas. 

O Caderno Dixital, a nova PAC ou a adaptación das cisternas de purín supoñen un encarecemento do que custa producir cada litro de leite que non se compensa vía prezo

Ademais do encarecemento dos insumos básicos, a adaptación aos requisitos da nova PAC e a entrada en vigor de normativas en materia materia de medio ambiente, benestar animal e dixitalización requiren investimentos aos produtores.  

“A adopción do Caderno Dixital ou a modificación das cisternas de purín para cumprir co Real Decreto de fertilización supón un encarecemento do que custa producir un litro de leite, sen que neste momento eses custos se vexan compensados vía prezo”, asegura. 

Se os prezos seguen baixando camiñamos cara un novo desabastecemento polo peche masivo de granxas

Por iso, Pérez Barreiro apela á responsabilidade das empresas compradoras para garantir o relevo xeracional e o mantemento do sector produtor, porque, asegura, “se as granxas volvemos de novo aos números vermellos caerá a produción e pecharán máis explotacións”. 

“Imos novamente camiño do desabastecemento, porque unha xata non se cría en 5 meses nin un establo se paga nun ano; necesitamos estabilidade de prezos e rendibilidade”, defende. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información