Tralos momentos de tensión e os cruces de acusacións mutuas vividos durante a última renovación de contratos lácteos, Carmen Lence trata de reconducir a súa relación coas organizacións agrarias. Nun ton conciliador, a CEO de Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia e a única galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, recibiu este martes na sede de Leite Río en Lugo a representantes do Sindicato Labrego Galego.
Carmen Lence encabezou a delegación da compañía que recibiu e acompañou durante o encontro aos representantes do SLG, entre os que se atopaba a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.
É de vital importancia que os diferentes axentes do sector lácteo teñamos unha relación próxima. Se queremos que o rural de Galicia e as ganderías galegas teñan futuro, debemos colaborar e tratarnos con respecto (Carmen Lence)
A visita celebrouse nun ambiente cordial e co obxectivo de establecer unha canle de comunicación frutífera e bidireccional entre Grupo Lence e o Sindicato Labrego, destacan desde a empresa láctea. Carmen Lence agradeceu “de forma sincera” a visita e sinalou que “é de vital importancia que os diferentes axentes do sector lácteo teñamos unha relación próxima que revirta en cousas positivas para todas as persoas que viven del”.
Ademais, a CEO de Grupo Lence, empresa familiar 100% galega, engadiu que “a colaboración é un dos nosos valores e defínenos como compañía”. “Se queremos que o rural de Galicia e as ganderías galegas teñan futuro, debemos colaborar e tratarnos con respecto. É por iso polo que é importante tratar con responsabilidade a información do sector e sobre os diferentes actores que o compoñemos. Somos máis fortes se estamos unidos e pensamos en como contribuír xuntos a que lle vaia ben ao sector lácteo e ao rural. Construamos en positivo”, pediu.
O encontro celebrouse nun ambiente cordial e co obxectivo de establecer unha canle de comunicación frutífera e bidireccional entre ambos
O punto de partida da visita foi un percorrido pola planta de produción Ceao II. Jesús García, director de operacións de Grupo Lence, foi a persoa encargada de explicar como é o proceso de elaboración dos produtos da compañía. Tamén estivo presente a responsable do departamento de campo e das compras de leite da empresa, Cristina Dopico.
Ao finalizar a visita á planta, a comitiva mantivo unha reunión na que ambas as partes expuxeron o seu punto de vista sobre cuestións como o actual momento do sector lácteo, as ganderías, o rural e os principais retos globais que están por chegar. O encontro finalizou co compromiso de continuar traballando en cuestións que fortalezan ao sector e repercutan no ben común.