“O gandeiro debe axudar a que o veterinario poda traballar de xeito seguro”

Entrevista a Gema Bértoa Veiga, Técnica superior de seguridade e saúde laboral no Issga Lugo, e coordinadora da campaña  “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”, iniciada pola Xunta o pasado ano e que xa chegou a unhas 12.600 explotacións galegas

“O gandeiro debe axudar a que o veterinario poda traballar de xeito seguro”

Gema Bértoa Veiga, Técnica superior de seguridade e saúde laboral no Issga Lugo, e coordinadora da campaña  “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”. Foto: Camilo Friol

O pasado ano o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, puxo en marcha a campaña “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”, unha acción coa que se pretende reducir os accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún.

A campaña, que se desenvolve en colaboración coa Consellería do Medio Rural, xa chegou a unhas 12.600 explotacións galegas cunha acollida moi positiva. Entre este ano e o 2024 prevén chegar a outras tantas para reducir o risco de accidentes tanto dos veterinarios, como das outras persoas que traballan nas ganderías.

Falamos con Gema Bértoa Veiga, Enxeñeira Agrónoma e Técnica superior de seguridade e saúde laboral no Issga Lugo, e coordinadora da campaña.

-No ISSGA presentastes en 2022 unha campaña específica de prevención de riscos laborais do traballo do persoal veterinario nas explotacións gandeiras, principalmente de vacún. ¿Como xurdiu esta iniciativa e que axentes están implicados?
Esta iniciativa xurdiu no Grupo de Traballo de Sinistralidade, creado polo Pleno do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, do día 10 de novembro do 2020.

Este grupo ten vocación eminentemente técnica e a súa finalidade é a investigación e obtención de datos sobre as causas da sinistralidade en Galicia, co obxectivo de plantexar estratexias para a súa redución.

Esta campaña enmárcase dentro das actuacións do grupo, co obxectivo de reducir a sinistralidade nos sectores, actividades ou operacións que se poidan considerar de actuación prioritaria.

O grupo de traballo está formado por unha parte polas Administracións Públicas (a Dirección Xeral de Relacións Laborais e o ISSGA) e por outra parte as organizacións sindicais (CIG, UGT-Galicia e CC.OO) e as Organizacións empresariais (CEG).

A raíz dos traballos desenvolvidos no seno deste grupo de traballo, e trala análise da sinistralidade grave en Galicia que amosa que no sector gandeiro se producen accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún, decídese levar a cabo unha campaña dirixida a este sector denominada “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotacións de gando vacún”, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas:

1. Elaboración de documentación técnica polo ISSGA:

– Carteis: “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”; “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable”

– Cuadrípticos: “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”; “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable”

2. Difusión de material, en formato impreso nas explotacións gandeiras, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e, en formato dixital, a través da páxina web e outros medios dixitais.

3. Sensibilización a través de redes sociais.

Un dos obxectivos desta campaña é chamar a atención dos gandeiros sobre a importancia que ten o dispor de instalacións axeitadas e mantelas limpas e en bo estado, de cara a evitar accidentes, do propio gandeiro ou daquelas persoas que deban realizar traballos nelas, como é o caso dos veterinarios.

Esta campaña, realízase en colaboración coa Consellería do Medio Rural e pretende concienciar da importancia da prevención destes riscos laborais existentes nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos.

-Un ano despois da súa posta en marcha, como avaliades a acollida e os resultados desta campaña de prevención?
A campaña ten unha duración plurianual co obxectivo de facer chegar a documentación a case 25.000 explotacións de gando vacún galegas.

A día de hoxe, segundo datos proporcionados pola Consellería do Medio Rural fíxose entrega da documentación en aproximadamente 12.600 explotacións de gando vacún a través da campaña de saneamento da Consellería de Medio Rural e nas que os técnicos fixeron entrega persoal de dita documentación aos gandeiros.

 “Ata agora chegamos coa campaña a unhas 12.600 explotacións gandeiras de Galicia e a acollida foi moi boa”

Durante o ano 2023, e ao longo do ano 2024 continuarase coa campaña de reparto, facéndolle entrega da documentación a aquelas explotacións que aínda están pendentes de visitar.

Os carteis foron enviados tamén aos diferentes Servizos Provinciais, para o seu reparto ás Oficinas Rurais. Está previsto facer en breve un novo reparto dirixido a todas estas oficinas.

En xeral, a acollida desta acción foi moi boa. Durante o último ano notouse unha mellora nas instalacións e unha maior colaboración por parte dos gandeiros á hora do manexo dos animais.

Tamén é importante destacar que por parte da Consellería do Medio Rural estanse impulsando melloras nas instalacións para evitar riscos para o gando e para o persoal actuante. Un exemplo é o plan de execución de pastizais en zonas forestais no que se prevé, dentro das actuacións a desenvolver, a instalación de mangas de manexo, das que a maioría das explotacións gandeiras non dispoñía anteriormente.

-Cales son os principais riscos asociados ao traballo dos veterinarios nas explotacións gandeiras?
Os principais riscos asociados ao traballo dos veterinarios nas explotacións gandeiras son, en primeiro lugar os axentes biolóxicos, seguido dos causados por seres vivos, sobreesforzos, axentes químicos, axentes físicos, golpes contra obxectos… entre outros.

Cabe destacar que o principal axente material é o gando vacún e que as principais causas dos accidentes son debidas a cornadas/pisadas/patadas/mordeduras.

-Cales son os erros máis comúns en canto a prevención que acaban en sinistros?
Cando se produce un sinistro laboral débese principalmente á ausencia e/ou non aplicación de medidas de prevención e/ou protección durante a realización das diferentes tarefas, así como o exceso de confianza.

Nas explotacións gandeiras existen riscos laborais tanto para o titular, como para o persoal traballador e as persoas que por razón do seu traballo acceden ás instalacións. Este é o caso do persoal veterinario que debe actuar nas explotacións gandeiras (campañas de saneamento gandeiro, servizos veterinarios oficiais, agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira, actuacións clínicas,…)

Moitos dos accidentes nas explotacións gandeiras prodúcense cando hai proximidade ou contacto cos animais, e para evitalos é preciso ter en conta as súas reaccións, manter en bo estado as instalacións e dispor de medios adecuados para facer os traballos de forma segura.

VETERINARIO INSEMINACION 1

-Que medidas de prevención se deberían poñer en práctica por parte do veterinario antes de comezar os seu traballo nunha gandería?
É obrigatorio e necesario coordinarse co propietario da explotación para desenvolver as actividades na explotación. O persoal veterinario debe estar informado dos traballos que se estean a desenvolver e lles poidan influír e dos riscos e medidas preventivas que compre adoptar, mediante a correspondente xestión preventiva.

Ademais debe adoptar medidas de prevención para o manexo do gando, como poden ser as seguintes:

– Extremar as medidas de hixiene persoal en toda a explotación pecuaria.
– Manexar sempre con prudencia os animais e ter presente o seu comportamento imprevisible.
– Extremar a precaución con exemplares non habituados á presenza do ser humano e/ou que leven longos períodos soltos.
– En campo aberto, achegarse sempre aos animais en diagonal frontal, de xeito que o animal non se vexa sorprendido, e tampouco se sinta ameazado.
– Cando se conduza o gando en grupo, evitar ir diante del. A posición lateral sempre é máis segura.

“Na corte hai que evitar pasar entre as vacas e as paredes ou os pesebres”

– Nas operacións na corte, evitar pasar entre os animais e as paredes e os pesebres, especialmente de maneira lateral ou posterior.
– Para as operacións delicadas, empregar os pesebres coma parapetos. Para operacións de vacinación, inxeccións, inseminado, castración e toda operación delicada na que se corra o risco de reaccións estrañas por parte do animal, proceder sempre a unha suxeición adecuada do animal previa á operación.

-As instalacións xogan un papel clave para previr accidentes nunha granxa. Neste sentido, como pode axudar o gandeiro á hora de reducir o risco de accidentes tanto por parte do veterinario como para o resto de persoas que traballan na granxa?
O gandeiro debe proporcionar seguridade nas actuacións do persoal veterinario e para elo:

– Debe procurar que as instalacións sexan seguras tanto para el como para o persoal veterinario e facer un manexo axeitado dos animais.

– As instalacións deben estar o máis limpas posibles e sen excrementos. As superficies do chan deben ser lisas , non escorregadizas, sen chanzos e ocos que poidan causar caídas dos animais e das persoas.
– Acompañar ó persoal externo que acceda á explotación e encargarse, no posible, da inmobilización dos animais e de mantelos tranquilos.
– Colaborar co persoal veterinario e seguir as súas indicacións relativas a como inmobilizaloo mellor, en función da instalacións e das actuacións que vaian facer.
– Asegurarse de dispor de medios para a inmobilización dos animais e de que están en bo estado. Melloralos se é posible, pois serán máis seguros para o gandeiro e para os demais. O servizo veterinario ou o servizo de prevención de riscos do gandeiro, de ser o caso, poderano aconsellar.
– En todo caso, sempre que sexa posible, os animais deben estar suxeitos antes de que o persoal veterinario entre no establecemento, evitando así que os animais se asusten e escapen.
– Débese evitar que, no momento da manipulación, estean animais doutras especies soltos (cans, aves de curral, porcos…) xa que poden asustar ó gando que se vai inmobilizar. Tamén se debe evitar que acudan persoas alleas ao traballo que se realiza.
– Impedir que os outros animais da explotación, diferentes daqueles sobre os que se actúan, poidan golpear ó persoal veterinario:
Asegurarse que exista espazo suficiente cos animais.
Poñer barreiras físicas entre os animais (barrotes…)
Separar o animal que se vai tratar do resto de animais da explotación.
– Unha vez que se actúe sobre un animal, seguir as instrucións do veterinario relativas a retiralo e traer o seguinte.

-E no manexo do gando, que pautas debemos seguir para reducir a sinistralidade?
Débense seguir medidas preventivas xerais e específicas. Como medidas preventivas xerais:
– Manexar os animais con prudencia, son imprevisibles.
– Achegarse a eles por diante ou lateralmente, no seu ángulo de visión ou falando suavemente.
– Non asustalos voceando ou facendo espaventos.
– Acostumar ós animais ao manexo e ao contacto coas persoas.
– Non quedar pechado nunha zona reducida xunto a animais de gran tamaño.
– Conducilos en grupo por un lateral, axudado dunha vara, sen asustar ou agredir o gando.
-Extremar as precaucións en situacións que poden agravar os riscos (celo, postparto, animais enfermos ou especialmente agresivos…).
– Tratar de substituír canto antes os animais especialmente agresivos.

No caso de traballar en cortes, currais, con coleiras ou trabadizas:

– Se é posible, non entrar por detrás dos animais para evitar patadas. Se hai que traballar por detrás deles, debe existir suficiente espazo dispoñible.
– Se se vai traballar por diante, non efectuar operacións a través dos barrotes con risco de atrapamento e asegurarse da inmobilización da cabeza (corda nos cornos amarrada ao lado oposto, na barra lateral ou na trabadiza…)
– Se se traballa con coleiras ou trabadizas, adoptar medidas adicionais de seguridade para evitar riscos, tales como:
Comprobar que os animais están inmobilizados antes de que acceda o persoal veterinario.
Asegurarse de que exista espazo suficiente ou barreiras físicas cos animais.
Se existen barras laterais de separación dos animais, situarse detrás delas.
Cando o indique o persoal veterinario, soltar os animais de un en un.
– Se se vai traballar en cortes ou currais:
Non permitir o acceso ata que os animais estean inmobilizados.
Evitar situarse entre dous animais.
Evitar situarse ente o animal e a parede ou un elemento físico.

Ademais, nas mangas:

– Traballar lonxe dos barrotes verticais para evitar os atrapamentos.
– Apertar ben os animais contra o lado sobre o que se vaia traballar neles.
– En caso de mobilidade de cabeza do animal, reforzar a inmobilización (mediante o uso de cabezada atada con dúas voltas á manga de manexo).
– Intentar situarse o máis afastado posible da manga.
– En caso de ter que subirse a algún barrote da manga, vixiar as puntas dos pés e vixiar a zona de acceso para evitar danos ao baixar.

-Couces e cornadas son as causas principais de accidentes co gando vacún, a veces con desenlace mortal. Que pautas deberíamos seguir para reducir estes sinistros?
Ademais das medidas que describín anteriormente, deberíanse empregar sistemas de inmobilización e medidas de contención física nos animais. Algúns sistemas de inmobilización son, por exemplo:

– Sistemas de amarre posto-coleira
-Sistemas de cornadiza autotrabante ou trabaliza.
– Sistemas de manga de manexo (metálica, de madeira…).
Outros sistemas (suxeición ao comedeiro ou bebedeiro móbil, a unha parede, a unha árbore, en curral,…)

Entre as medidas de contención física destacaría:

– Suxeición do animal completo (mordaza torácica, poldros ou mangas…).
– Suxeición da cabeza (cadea, cabezada ou cornada, mochetas, narigón ou aneis nasais…)
– Suxeición dun membro anterior (levantado por un axudante con corda…).
– Suxeición de ambos membros posteriores (lazada ou peso en oito, mordaza bilateral para o prega da virilla, cadea para a fixación tendinosa bilateral…).
– Suxeición dun membro posterior

gema issga veterinarios 02

-Cada vez son máis o persoal externo á familia que traballa como asalariado nas ganderías galegas, moitos deles de fóra de España. Para cando unha guía específica de prevención de riscos laborais para este colectivo?
No ano 2015 publicouse no ISSGA unha guía de “Prevención de Riscos Laborais en Explotacións de Gando Vacún”, dentro da campaña os ATENDE do ISSGA, Agro. Neste documento descríbense medidas preventivas no mantemento dos lugares de traballo, manexo dos animais, utilización de maquinaria e equipos , manipulación manual de cargas, emprego de axentes químicos, vixilancia da sáude, risco da muller no agro, etc.

-Algo máis que queiras engadir?
Si. Gustaríame engadir que, neste novo curso educativo 2023-2024 ofértase un Ciclo formativo de Formación Profesional de Grao Superior da familia agraria “Gandaría e asistencia en sanidade animal”.

Neste ciclo o alumnado aprenden a xestionar a produción gandeira e realizar traballos especializados de apoio a equipos veterinarios, programando e organizando os recursos materiais e humanos dispoñibles, e aplicando os plans de produción, calidade, sanidade e benestar animal, prevención de riscos laborais e protección ambiental, de acordo coa lexislación vixente.

Neste ámbito, o ISSGA está estudando proporcionar aos alumnos dos centros nos que se imparte dito ciclo formativo a documentación técnica que elaborou para a campaña específica de prevención de riscos laborais do traballo do persoal veterinario nas explotacións gandeiras.

Este potencial persoal traballador de explotacións gandeiras deben coñecer cales son as medidas de prevención no manexo dos animais, cales son os sistemas de inmobilización, as medidas de contención física nos animais … , de tal xeito que, dende o inicio da súa formación profesional, integren a prevención de riscos laborais na súa actividade.

Esta información foi elaborada en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información