Como protexer o traballo dos veterinarios nas ganderías de vacún

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, presentou recentemente a campaña “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”, unha acción coa que se pretende reducir os accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún.

A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Medio Rural, inclúe material divulgativo para informar tanto a gandeiros como a veterinarios, e para a súa elaboración tívose en conta tanto a tipoloxía e as causas dos accidentes recollidos nos partes de comunicación de accidente, como nas enquisas nas que o persoal veterinario, que adoita acudir as explotación, indicou cales son os riscos que eles perciben como mais importantes.

A campaña terá unha duración plurianual co obxectivo de facer chegar á documentación a case 25.000 explotación de gando vacún galegas. Este ano visitaranse unhas 9.000 explotacións a través da campaña de saneamento da Consellería do Medio Rural e nas que os técnicos farán entrega persoalmente da dita documentación.

Estas son as claves para protexer o traballo do persoal veterinario na explotación gandeira:

-Evitar ou minimizar os riscos:

Moitos dos accidentes nas explotacións gandeiras prodúcense cando hai proximidade ou contacto cos animais, e para evitalos é preciso ter en conta as súas reaccións, manter en bo estado as instalacións e dispor dos medios adecuados para facer os traballos de forma segura.

-Coordinar as actividades que concorran na explotación:

Acoller adecuadamente as persoas que acudan á explotación axudará a crear un bo ambiente de traballo. É obrigado e necesario coordinarse con todos os profesionais e empresas que leven a cabo actividades na explotación. Deben ser informadas dos traballos que se estean a desenvolver e lles poidan influír e dos riscos e medidas preventivas que compre adoptar, mediante a correspondente xestión preventiva.

-Prevención no manexo dos animais:

• Manexar os animais con prudencia, son imprevisibles.

• Achegarse a eles por diante ou lateralmente, no seu ángulo de visión e falando suavemente.

• Non asustalos voceando ou facendo espaventos.

• Acostumar os animais ao manexo e ao contacto coas persoas.

• Non quedar pechado nunha zona reducida xunto a animais de gran tamaño.

• Conducilos en grupo por un lateral, axudado dunha vara, sen asustar ou agredir o gando.

• Extremar as precaucións en situacións que poden agravar os riscos (celo, postparto, animais enfermos ou especialmente agresivos…)

• Tratar de substituír canto antes os animais especialmente agresivos.

-Recorda que a normativa de sanidade animal establece que:

• Establece a obriga das persoas responsables dos animais de poñer os medios necesarios para que se poidan aplicar as medidas sanitarias coas debidas garantías de seguridade, tanto para os animais como para o persoal que as execute.

• Sinala que o gando que presente dificultades de manexo debe ser inmobilizado polos seus donos, propietarios ou posuidores co obxecto de que poidan realizarse coas debidas garantías as probas diagnósticas, de tal xeito que non se poña en perigo a integridade física das persoas e dos animais.

• Indica que o gando que paste en liberdade estará reunido e inmobilizado en mangas, currais ou explotacións no momento de realizar as probas.

-Seguridade nas actuacións do persoal veterinario:

• Débese procurar que as instalacións sexan seguras tanto para o gandeiro coma para o persoal veterinario e facer un manexo axeitado dos animais.

• As instalacións deben estar o máis limpas posible e sen excrementos. As superficies do chan debe ser lisas, non escorregadizas, sen chanzos e ocos que poidan causar caídas dos animais e das persoas.

• Acompañar o persoal externo que acceda á explotación e encargarse, no posible, da inmobilización dos animais e de mantelos tranquilos.

• Colaborar co persoal veterinario e seguir as súas indicacións relativas a como inmobilizalo mellor, en función das instalacións e das actuacións que vaian facer.

• Asegurarse de dispor de medios para a inmobilización dos animais e de que están en bo estado. Mellóraos se é posible, serán mais seguros para ti e para os demais. Os servizos veterinarios ou o teu servizo de prevención de riscos, de ser o caso, pódente aconsellar.

• En todo caso, sempre que sexa posible, os animais deben estar xa suxeitos antes de que o persoal veterinario entre no establecemento, evitando así que os animais se asusten e escapen.

• Débese evitar que, no momento da manipulación, estean animais doutras especies soltos (cans, aves de curral, porcos…), xa que poden asustar o gando que se vai inmobilizar. Tamén se debe evitar que acudan persoas alleas ao
traballo que se realiza.

• Impedir que os outros animais da explotación, diferentes daqueles sobre os que se actúa, poidan golpear o persoal veterinario:

– Asegurarse de que exista espazo suficiente cos animais.
– Poñer barreiras físicas entre os animais (barrotes…)
– Separar o animal que se vai tratar do resto de animais da explotación.

• Unha vez que se actúe sobre un animal, sigue as instrucións do persoal veterinario relativas a retiralo e traer o seguinte.

Algunhas indicacións para evitar riscos:

No caso de traballar en cortes, currais, con coleiras ou trabadizas:

• Se é posible, non entrar por detrás dos animais para evitar patadas. Se hai que traballar por detrás deles, debe existir suficiente espazo dispoñible.

• Se se vai traballar por diante, non efectuar operacións a través dos barrotes con risco de atrapamento e asegurarse da inmobilización da cabeza (corda nos cornos amarrada ao lado oposto, na barra lateral ou na trabadiza…)

• Se se traballa con coleiras ou trabadizas, adoptar medidas adicionais de seguridade para evitar riscos, tales como:

– Comprobar que os animais están inmobilizados antes de que acceda o persoal veterinario.

– Se existen barras laterais de separación dos animais, situarse detrás delas.

– Cando o indique o persoal veterinario, soltar os animais de un en un.

• Se se vai traballar en cortes ou currais:

– Non permitir o acceso ata que os animais estean inmobilizados.
– Evitar situarse entre dous animais.
– Evitar situarse entre o animal e a parede ou un elemento físico.

Ademais, nas mangas:

• Traballar lonxe dos barrotes verticais para evitar os atrapamentos.

• Apertar ben os animais contra o lado sobre o que se vaia traballar neles.

• En caso de mobilidade da cabeza do animal, reforzar a inmobilización (mediante o uso de cabezada atada con dúas voltas á manga de manexo).

• Intentar situarse o máis afastado posible da manga.

• En caso de ter que subirse a algún barrote da manga, vixiar as puntas dos pés e vixiar a zona de acceso para evitar danos ao baixar.

Lembra:

• Se na explotación existen traballadores por conta allea, é obrigatorio ter organizada a prevención de acordo coa normativa de prevención de riscos laborais (elixir unha modalidade preventiva, avaliar os riscos, planificar
a prevención…)

• Dispoñer dunhas instalacións adecuadas axuda a realizar as tarefas con animais con máis seguridade.

• Cando sexa posible, procura que os traballos do persoal se desenvolvan sen presenza dos animais no recinto.

• Se é preciso traballar na proximidade dos animais, estes deben estar inmobilizados ou cos movementos limitados todo o que sexa preciso.

• Utilizar medios de contención adecuados a cada caso permite o exame do gando e diminúe o risco de ataques e accidentes (cornadas, patadas, atrapamentos, esmagamentos, pisaduras, mordeduras, sobreesforzos…)

• Manter o gando saneado, as instalacións limpas e o ambiente de traballo libre de contaminantes evita riscos debidos a axentes biolóxicos e químicos.

• Ter a maquinaria en bo estado e facerlle as revisións e o mantemento reduce os riscos por axentes físicos (ruído, vibracións…)

Máis informacion sobre a campaña “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información