“O consumidor pide Godello ou Mencía de Monterrei e iso é froito do traballo ben feito”

Falamos con Jonatas Gago, presidente da Denominación de Orixe Monterrei, sobre a súa chegada ó cargo, o traballo destes primeiros meses e os retos que enfronta

Publicidade
“O consumidor pide Godello ou Mencía de Monterrei e iso é froito do traballo ben feito”

Jonatas Gago, presidente da Denominación de Orixe Monterrei.

Jonatas Gago converteuse o pasado febreiro no oitavo presidente da Denominación de Orixe Monterrei. Gago levaba máis de 20 anos formando parte do Panel de Cata da entidade, ademais de ter unha vinculación familiar coa viticultura. De profesión, é mestre de Educación Infantil no colexio María Inmaculada de Verín.

Falamos con el dos retos que se lle presentan nesta nova etapa, así como os seus primeiros pasos á fronte da entidade, onde xa asumiu entre outros labores, a organización da recente Feira do Viño de Monterrei.

-A túa vinculación ó Consello Regulador, como membro do panel de cata, axudouche á hora de tomar a decisión de optar a presidir a DO? Que te impulsou a dar este paso?
-Foron moitos os argumentos que me impulsaron a dar este paso, desde o apoio familiar, algo fundamental, ata a miña vinculación co Consello Regulador, entre outros. Levo máis de 20 anos formando parte do Panel de Cata da entidade, pero a miña vinculación co mundo do viño na comarca é anterior, xa que me criei nunha farmacia onde se vendían produtos a viticultores e adegueiros, tamén tiña familiares con viñedos, etc. Pero tamén foi fundamental o apoio do sector, de feito a miña elección foi por unanimidade, algo do que estou moi agradecido, xa que me deu moita confianza e responsabilidade para iniciar o meu mandato.

-Hai pouco máis de 6 meses que foches elixido como presidente, como está a resultar esta primeira toma de contacto co cargo?
-Os primeiros meses foron de aprendizaxe, xa que coñecía o Consello Regulador a través do Panel de Cata, pero non o funcionamento diario dos órganos de control e xestión. Grazas ó meu equipo fun aprendendo, pouco a pouco, toda a engranaxe da entidade. Tamén é certo que non tiven moito tempo de reflexión, porque nada máis tomar posesión houbo que aprobar os orzamentos, asistir a eventos e organizar a feira do viño, entre outras cuestións. Digamos que foron uns meses intensos, pero moi satisfactorios.

-En base á túa experiencia como catador, como ves a evolución dos viños da DO Monterrei? Como definirías a súa situación actual?
-Creo que a resposta do consumidor é a mellor confirmación do éxito dos viños da DO Monterrei. Elaboramos un produto de calidade diferenciada e o consumidor recoñéceo. Cando comecei no Panel de Cata había inscritas tres ou catro adegas e na actualidade son 28. Se a máxima do viticultor e adegueiro non fóra a busca da calidade e excelencia non houbéramos chegado ata este punto. Estamos nun momento moi doce, donde a xente non pide Godello ou Mencía senón que pide Godello de Monterrei e Mencía de Monterrei e iso é froito do traballo ben feito.

“O Godello veu para quedarse e aínda que tamén se produce noutras zonas, o contraste térmico existente en Monterrei esculpe unha maduración única no mesmo”

-O Godello é un viño que leva uns anos de moda. Que evolución lle atisbas no mercado?
-Non debemos falar de modas, porque as modas son pasaxeiras. O Godello veu para quedarse. Co Godello sucedeu o mesmo que con outras variedades coma o Albariño, Araúxa ou outra. Cando alguén as descubre, namórase delas. É unha variedade incríbel, con matices aromáticos que a fan única e que logran que ó beber, degustar ou catar un viño que teña esta variedade te namores del.

Se ben é certo que o Godello tamén existe noutras zonas, o contraste térmico existente en Monterrei esculpe unha maduración única no mesmo. Son viños delicados, elegantes e equilibrados. E tamén son viños que non só se consumen no ano, senón que teñen unha gran capacidade de envellecemento, tal e como estamos a demostrar nas diferentes actividades formativas que se están a realizar no Consello Regulador. Agardamos seguir crecendo no mercado, tanto na canle Horeca como en supermercados, hipermercados, etc. e así consolidar o éxito logrado nos últimos anos.

-Doutras variedades que se cultivan en Monterrei, en cales ves máis potencialidade, ben para viños plurivarietais ou monovarietais?
-Todas as variedades teñen un gran potencial, estamos detectando que en branco se está a plantar moito Godello e no caso das variedades tintas, están a incrementarse as hectáreas de Merenzao ou Sousón. Pero o importante é que se aposte por Monterrei, por plantar viñedo no territorio amparado, por xerar emprego e fixar poboación.

As nosas adegas elaboran grandes viños tanto monovarietaris como plurivarietais, tal e como amosan os premios e galardóns acadados nos últimos anos e iso é o que fai único a este territorio, que somos diferentes, singulares e exclusivos.

“Debemos recordar que existe un importante número de consumidores que se decantan polo tinto e iso as nosas adegas téñeno claro”

-En canto ós tintos de Monterrei, que peso teñen na actualidade na DO? Como cres que evolucionarán os tintos novos no mercado?
-Nestes momentos a producción de viño tinto aproxímase ao 40%. As principais variedades tintas son a Mencía e Araúxa, aínda que xa hai numerosas adegas que están elaborar uns excelentes viños con coupage de Bastardo (Merenzao) e Sousón.

Debemos recordar que existe un importante número de consumidores que se decantan polo tinto e iso as nosas adegas téñeno claro. Teñen que seguir mimando ao consumidor e ofrecerlle un produto de calidade, e por iso podemos encontrar tanto tinto xoven como elaboracións en barrica, que permiten un amplo número de maridaxes e amosan o potencial de garda que teñen os tintos de Monterrei.

-Volvendo ó teu recente nomeamento. Unha das primeiras accións nas que xa tiveches parte foi a presentación do futuro Centro de Difusión do Viño de Monterrei. O Concello acaba de adquirir o inmoble, cales son os seguintes pasos que realizaredes?
-Consideramos que se trata dun proxecto de moita relevancia para a nosa comarca. Ata o de agora contábamos cunha área da denominación dentro do Museo Claustro Mercedario de Verín, no que se podía ver a nosa historia, variedades, túnel de aromas, etc. Pero isto suporá un salto cualitativo na difusión do viño, xa que se contará con espazos expositivos, para formación, presentacións, etc. Constituirá un centro de referencia do viño na provincia, coa denominación de orixe Monterrrei como protagonista único. Estamos á espera de realizar novas reunións para, pouco a pouco, converter este proxecto nunha realidade tanxible.

-Este centro é un bo exemplo da simbiose entre turismo e vitivinicultura, como ves a aposta polo enoturismo dende as adegas de Monterrei?
-Consideramos que o enoturismo é fundamental, xa que non só é unha oportunidade para presentar in situ o teu produto, senón para amosar todo o proceso que conleva a súa elaboración, desde o traballo na viña ata a botella. E iso as bodegas de Monterrei enténdeno perfectamente, de feito a Asociación da Ruta do Viño Monterrei, da que tamén son presidente, conta con 15 adegas asociadas, das 28 que hai na denominación, é dicir máis da metade.

Na última asamblea desta entidade acordouse estudar todas a vías para avanzar neste campo, xa que consideramos que a aposta polo enoturismo debe implicar o máximo número de sectores posibles, adegas, restauración, aloxamento, empresas de servicios, etc. Nos últimos anos, traballouse para consolidar a marca Ruta do Viño Monterrei promovendo accións como sinalización, creación dunha páxina web ou elaboración de material promocional propio.

“Están a darse os primeiros pasos para realizar unha modificación do Prego de Condicións para incluír novas elaboracións e ampliación do territorio amparado”

-Que outros obxectivos te marcas como prioritarios como presidente do Consello Regulador?
-A nosa labor como entidade abarca tanto o control como a promoción. Con respecto á segunda, estamos a seguir a liña dos últimos anos, coa realización de eventos propios destinados a sectores específicos, como a canle Horeca, distribución, medios de comunicación ou consumidor final. Todo coa finalidade de amosar as singularidades dos viños de Monterrei, darlle a oportunidade ás nosas adegas de abrir novos mercados e consolidar os xa existentes, entre outras cuestións.

Tamén seguimos a apostar pola participación en feiras vitivinícolas, nacionais e internacionais, como Barcelona Wine Week, Fenavin ou Prowein, e estamos a traballar en novas iniciativas como viaxes de familiarización ao noso territorio. No ámbito do control, están a darse os primeiros pasos para realizar unha modificación do Prego de Condicións para incluír novas elaboracións e ampliación do territorio amparado.

-Como valoras a situación da Denominación de Orixe Monterrei a nivel de viticultores e adegas?
-De xeito positivo. Neste último ano incrementouse o número de novos viticultores inscritos, un gran número deles, rapaces novos, algo que consideramos fundamental para a denominación. No ámbito de adegas, temos constancia de que se sumarán novas a este proxecto chamado ‘Monterrei’. Así que non podemos estar máis que satisfeitos, porque nos atopamos nun sector económico atractivo para a xuventude e que agardamos agora se potencie coa implantación do ciclo medio de FP dual de vitivinicultura e aceites. Estamos nun sector que está a xerar un importante número de postos de traballo na nosa comarca.

“É moi interesante e atractivo que grandes adegas de fóra se fixen en Monterrei, pero hai que ser cautos, porque o crecemento da denominación debe ser gradual e garantindo a nosa calidade diferenciada”

-Monterrei non é allea ó proceso de entrada de grandes adegas de fóra nas denominacións de orixe galegas. Como ves este proceso?
-Efectivamente non somos alleos a iso e aínda que loxicamente é moi interesante e atractivo que grandes adegas de fóra se fixen en Monterrei, hai que ser cautos, porque o crecemento da denominación debe ser gradual e deste xeito seguir garantindo a nosa calidade diferenciada.

-Cales son os principais mercados da DO Monterrei e en cales vedes máis posibilidade de incremento das vendas?
-Fundamentalmente o noso viño distribúese no mercado nacional, en Galicia, norte de España, áreas metropolitanas de Barcelona e Madrid, e Levante, tal e como recollen os datos Nielsen. Estamos a comprobar que, desde a crise sanitaria da Covid-19, as nosas vendas creceron nese mercado nacional, xa que se incrementou a presenza dos nosos viños non só na canle Horeca senón tamén en cadenas de supermercados e hipermercados. No exterior, o produto da DO Monterrei está presente en países como Alemaña, Holanda, Reino Unido, México, Suíza, Xapón ou Estados Unidos. O noso obxectivo no ámbito da promoción é consolidar os mercados existentes e, como non, axudar ás adegas a abrir outros novos.

-Como foi a evolución dos viñedos esta campaña?
-O mes de xuño foi complicado pola excesiva cantidade de choiva que caeu e que obrigou a viticultores e adegas a redobrar os seus esforzos nos viñedos para frear a aparición de mildio e outras enfermidades. Pero o importante é que se logrou controlar e os resultados son patentes na campaña da vendima que está en marcha.

“Preocúpannos os efectos do cambio climático por iso acabamos de asinar un convenio co Inorde para poñer en marcha un proxecto de dixitalización e optimización do manexo do cultivo”

-O cambio climático, que deixa este tipo de fenómenos meteorolóxicos extremos, é unha preocupación para Monterrei? É preciso avanzar nas pólizas de seguros dos viñedos?
-Desde logo que constitúe una preocupación e sería unha tolemia negalo. Por este motivo desde o Consello Regulador, coa colaboración do Inorde, asinouse un convenio de colaboración para poñer en marcha un proxecto piloto de dixitalización e optimización do manexo de cultivo no ámbito territorial desta denominación de orixe.

Esta actuación incluirá a implantación de estacións agroclimáticas que permitan aos viticultores o uso dunha tecnoloxía de vangarda a través da cal obter información específica sobre a súa parcela, teña ou non instalada nela unha estación. A información obtida poderase integrar noutros sistemas e ferramentas, para continuar nunha liña de traballo que faga posible apostar pola sustentabilidade e respecto polo ambiente.

Con respecto ás polizas de seguros, somos un territorio vitícola no que se formaliza un importante número das mesmas, non só por parte de adegas senón tamén de viticultores, xa que son conscientes dos riscos e consecuencias dos fenómenos metereolóxicos extremos, que poden ocasionar danos parciais ou totais nos sus viñedos.

-Falando un pouco do contexto territorial da DO, Como vedes a situación agrícola e forestal da comarca en xeral? Tedes problemas recurrentes de lumes e se quitamos a puxanza do viñedo, unha tendencia ó abandono de terras…
-Nestes momentos, o vitivinícola é o principal referente no sector agrario comarcal. E está a comprobarse que é un sector rendible, que xera postos de traballo e riqueza no territorio, por iso son cada vez máis os que apostan por el. Así o creron os que definiron o xerme da nosa denominación, a finais dos oitenta e principios do noventa e así o cremos nós. Do campo si se pode vivir, da agricultura, gandería e, por suposto, da viticultura. Só temos que crelo e apostar por iso.

-En relación á DO, hai algunha demanda que destacarías para as Administracións?
-Unha das principais demandas é a revisión do Rexistro Vitícola, xa que nos últimos anos detectamos erros como a modificación de variedades ou superficie, sen que o viticultor o instara. Tamén a resolución de modificacións do mesmo, que chegan a dilatarse un ano, o que xera gran malestar no sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información