“Non é rendible económicamente ter terras a 30 km da granxa”

Desde o final das cotas no 2015 as explotacións lácteas italianas incrementaron o seu tamaño, pero hai gandeiros que prefiren diversificar os seus ingresos antes que medrar en número de cabezas e superficie agrícola

Manuel Sieira, de Noia, con Claudio Cremonesi, durante a estancia formativa de 3 meses esta primavera na rexión de Lombardía

Manuel Sieira, de Noia, estudante na EFA Fonteboa, con Claudio Cremonesi, xunto ao sistema de regadío e abonado utilizado na granxa Fenil Prestini, durante a súa estancia formativa esta primavera na rexión de Lombardía

Azienda Agricola Fenil Prestini é unha granxa familiar da rexión de Lombardía, ao norte de Italia, onde se concentra a produción láctea do país. Atendida xa pola terceira xeración, moxe 220 vacas e cultiva unha finca de 50 hectáreas de regadío que rodea ao establo.

Nos últimos anos, as explotacións da zona seguiron un proceso de incremento xeralizado no número de cabezas, desencaenando problemas de nitratos no chan. Pero os irmáns Cremoneni prefiren axustar o tamaño do seu rabaño ás 65 hectáreas de superficie total que manexan e diversificar os seus ingresos cara á produción e biometano e electricidade.

As plantas de biogás son habituais en Lombardía e preséntanse como parte da solución para a xestión sostible do xurro que producen as granxas. A ecuación complétase cunha intensiva rotación de cultivos, que aumenta a demanda de abonos orgánicos e facilita a súa utilización.

Zona vulnerable

Fenil Prestini achégase ás 500 cabezas de gando: 220 vacas en muxido, 35 secas e 230 animais de recría entre tenreiras e xovencas. Está situada no municipio de Verolavecchia, na provincia de Brescia, nunha zona declarada vulnerable por presenza de nitratos.

Esta circunstancia condiciona a fertilización das terras, limitada a 170 unidades de nitróxeno por hectárea. “Por agora o control que se leva a cabo non é moi rigoroso, as autoridades fan a vista gorda porque senón todas as granxas desta zona teriamos que pechar”, recoñece Claudio Cremonesi, que xunto aos seus irmáns Tiziano e Cristina están á fronte desta explotación.

Separador e planta de biogás

Las camas son de colchoneta de goma con paja y material secante por arriba

As camas son de colchoneta de goma con palla e material secante por enriba

Para tratar de solventar os problemas de exceso de xurros da granxa, van instalar un sistema combinado que inclúe un separador sólido-líquido e unha planta de biogás de 250 Kw de potencia.

Xa dispoñen das autorizacións necesarias para a instalación e o custo previsto é de 1,5 millóns de euros. “Trátase dun sistema novo con tecnoloxía holandesa. É unha planta que non necesita instalacións de formigón, senón que vén montada nun contedor de polietileno, o que abarata moito a montaxe. Unha planta de biogás desta potencia que requira de obras e instalacións en formigón sairía por 2,5 millóns de euros”, explica Claudio.

Para tratar de rendibilizar o investimento e completar a capacidade da planta, recibirán os xurros de varias granxas veciñas, ás que devolverán o material digestado para abonar con el as súas terras.

50 hectáreas de regadío nunha peza a carón da granxa

A terra agrícola arredor da granxa foi concentrada e o sistema de rego mellorado hai 20 anos

A terra agrícola arredor da granxa foi concentrada e o sistema de rego mellorado hai 20 anos

A granxa dos irmáns Cremonesi dispón dunha leira de regadío en propiedade de 50 hectáreas nunha soa peza rodeando o establo que destinan á produción de forraxe e cereal para a alimentación do gando.

“A auga é fundamental para a produtividade da terra”, recoñece Claudio, doutor en Zootecnia de formación e que se incorporou no ano 2000, ao acabar os seus estudos, á granxa familiar que rexentaba o seu pai.

Foi entón cando fixeron toda a transformación da superficie produtiva, cunha completa restructuración da terra para mellorar o regadío. “Xuntamos as terras nunha especie de concentración privada. Eran leiras moito máis pequenas pero xa eran da nosa propiedade, se fosen de distintos propietarios tería sido moito máis difícil porque habería distintas mentalidades”, recoñece.

Rotolone para regar e abonar

Hoxe en día xa non usan as canles de rega, senón un sistema mediante mangueira enrolada conectada ao tractor denominado rotolone. “Usámolo tanto para regar con auga como para abonar con xurro”, explica Claudio.

Dispoñen de 400 metros de mangueira cos que cobren toda a superficie ao redor do establo, permitindo facer pasadas de 120 metros de ancho. “É un sistema máis eficiente que a canle de rega, porque calculas mellor a auga”, asegura.

Nesta zona de Lombardía as precipitacións sitúanse entre os 1.200 e os 1.300 litros por metro cadrado ao ano pero as choivas concéntranse sobre todo nos meses de outubro e novembro e de febreiro-marzo e abril.

O sistema conéctase a distintas tomas procedentes do pozo de xurro que hai repartidas pola finca

“O resto do ano regamos cada 7 ou 8 días, porque son chans areosos que reteñen pouca auga”, aclara Claudio. O rotolone permite tamén conectar o sistema de rega a distintas tomas procedentes do pozo de xurro que hai repartidas pola finca para fertilizar os cultivos.

É un método que usan a maior parte de explotacións da zona. O custo é menor que o dunha cisterna de tubos colgantes ou inxectores. “Comprámolo hai 12 anos e custounos 50.000 euros”, detalla Claudio.

Produción de alfalfa e millo

FENIL PRESTINI (Brescia, Lombardia) herba seca

O millo e a alfalfa son dous dos cultivos principais de Fenil Prestini. A rotación inclúe tamén mestura de cereal de inverno con leguminosa nas fincas nas que non hai alfalfa, que ocupa máis ou menos unha cuarta parte da superficie total da explotación. 

“As ganderías nesta zona están a abandonar a alfalfa porque dá traballo e é difícil de lograr un bo secado, pero é un cultivo moi importante para nós por varios motivos: necesita pouca auga, fixa nitróxeno e mellora o terreo ao ter raíces moi profundas”, destaca Claudio.

A alfalfa é moi importante porque necesita pouca auga, fixa nitróxeno e mellora o chan

Cultivan 15 hectáreas cada ano de alfalfa. Seméntana cada 5 anos e vana rotando por toda a superficie agraria da explotación. Este ano fixeron 6 cortes, un cada 25-30 días. Os primeiros, en abril, ensilados en microsilos (rolos) e despois, a partir de maio, secada como feno.

No resto das terras cultivan millo en rotación intraanual con cereal de inverno. “O millo empezamos a labralo en abril e acabamos a finais de maio. Como regamos, obtemos producións superiores a 60.000 quilos por hectárea”, detalla.

Tras ensilar o millo, labran unha mestura de veza, trigo e cebada, que recollen na primavera, apostando por técnicas de mínimo laboreo das terras. “É imposible facer sementeira directa nesta zona porque a normativa obriga a enterrar inmediatamente o xurro”, explica Claudio. Fano mediante un sistema de inxectores conectado ao tractor e ao rotolone. Aproximadamente o 50% do traballo agrario fano eles directamente e o outro 50% contrátano a empresas de servizos.

 “Deseconomía” de escala

FENIL PRESTINI (Brescia, Lombardia) instalacions

Fenil Prestini é autosuficiente en produción forraxeira, pero compra soia, fariña de millo, palla e concentrado. Está situada no corazón da produción láctea italiana, unha zona onde abundan as ganderías de tamaño medio (250 vacas) e outras máis grandes, que apostaron por medrar nos últimos anos, aínda que Claudio considera que “non é economicamente rendible ter terras a 30 km da granxa”, que sería para eles a única forma de incrementar a superficie agraria e poder aumentar cabezas de gando.

“Nesta zona está a concentrarse a produción e transformación de leite, mentres no resto de rexións de Italia está a descender. As granxas grandes traballan con economía de escala pero non hai que pasarse, porque as granxas demasiado grandes producen deseconomía de escala”, afirma.

Non se pode chamar enerxía verde a producir electricidade con alimento

Por iso opina que “o futuro das granxas de leite será diversificar ingresos coa produción de enerxía”. Eles xa comezaron a facelo, coa instalación de 99 Kw de placas solares e dispoñen xa da autorización para a instalación dunha planta de biogás na que producirán enerxía só con xurro e outros restos orgánicos, como subproductos agrícolas, xa que para Claudio “non se lle pode chamar enerxía verde a producir electricidade con alimento”.

Recría propia

FENIL PRESTINI (Brescia, Lombardia) recria2

Outro exemplo insostible para Claudio é o que segue unha granxa próxima, con 2.000 vacas en muxido e que non fai recría. “Compran xovencas acabadas de parir a outras granxas, aprovéitanlle esa lactación ás vacas e envíanas ao matadoiro en canto deixan de dar leite, sen volver a inseminarlas”, describe.

Fenil Prestini, en cambio, cobre as súas necesidades de reemprazo con recría propia, que completa todo o proceso de crecemento na propia explotación. Os primeiros 15 días de vida as tenreiras están en boxes individuais non opacos, para que os animais poidan verse, tocarse e socializar. Ás dúas semanas de vida pasan a estar aloxadas de dúas en dúas ata o destete, que se produce entre os tres meses e os tres meses e medio.

Lotes por tamaño

Manuel Sieira, con una de las vacas de uno de los dos lotes de producción

Manuel Sieira, cunha das vacas dun dos dous lotes nos que están divididos os animais de producción

As 220 vacas en muxido están repartidas en dous lotes, pero non se distribúen segundo produción nin se dividen en primíparas e multíparas, senón por tamaño. “Nun lote temos ás vacas máis grandes e no outro ás que son máis pequenas. Desta forma os animais están moi tranquilos porque non hai dominancias e pelexas pola comida”, argumentan.

A ración é a mesma para os dous grupos. “As grandes comen máis cantidade e as pequenas menos, pero a composición é idéntica, así hai menos complicación”, asegura. Nestes momentos leva 21 kg de ensilaxe de cereal de inverno; 8,5 kg de fariña de millo; 4,5 kg de alfalfa; 2,8 kg de soia e 4,2 kg de concentrado, aínda que habitualmente contén 21 kg de silo de millo e 7 kg de ensilaxe de cereal de inverno. “Acabamos o silo de millo porque o ano pasado houbo moi mala produción, só chegamos ao 45.000 kg por hectárea”, explica.

Venda en conxunto do leite e prezo de 51 céntimos

FENIL PRESTINI (Brescia, Lombardia) boxes recría

Azienda Agricola Fenil Prestini produce unha media de 36 litros por vaca e día, logrando unha media por lactación de 10.000 litros por vaca e ano, ao 4% de graxa e 3,5% de proteína. Comercializa toda a súa produción a través de Agrilatte, unha cooperativa de venda de leite en conxunto formada por un cento de granxas.

A industria de transformación, fundamentalmente queixeira, permite lograr unha maior revalorización da materia prima. “Nestes momentos estamos a cobrar o litro a 51 céntimos, pero hai un ano cobrabamos a 42 e fai dous a 36”, quéixase Claudio.

O 55% do leite da cooperativa destínase a fornecer a queixerías da denominación de orixe Granna Padano, a que conta con maior tradición en Lombardía, e outro 10% para queixos da DOP Asiago, na rexión limítrofe de Venecia. O resto véndese como leite líquido.

Sala de muxido de orixe irlandesa

FENIL PRESTINI (Brescia, Lombardia) sala muxido

A familia Cremonesi muxe dúas veces ao día (de 2 a 5 da mañá e da tarde) nunha sala de 18 puntos pero con capacidade para 36 vacas. “É unha sala moi funcional que che permite colocar as pezoneiras aos dous lados. Desta forma con só 18 pezoneiras muxes a 36 vacas porque mentres nun lado estás muxindo, no outro metes vacas e preparas ás outras 18; así reduces tempos mortos e custos, debido a que se necesita unha menor potencia eléctrica, bomba de baleiro, etc. Cun só operario e 18 puntos somos capaces de muxir 100 vacas á hora”, destaca.

Claudio visitou distintas granxas en Irlanda tras facer a súa tese universitaria e decidiu importar este sistema de muxido, da marca Dairymaster, para a súa granxa. “Os gandeiros veciños dicíanme que estaba tolo. A sala montámola no ano 2001 e custounos 85.000€”, lembra.

É unha sala moi funcional que permite reducir tempos mortos; con 18 pezoneiras e un só operario muximos 100 vacas á hora

No canto de usar colares ou podómetros, este sistema irlandés utiliza microchips nos crotais, que proporcionan todos os datos de celos, rumia, produción etc. e a sala de muxido conta á súa saída cunha porta selectora que separa automaticamente a vacas que é necesario inseminar ou tratar.

O relevo xeracional nas granxas italianas

Claudio estudou 5 anos no Instituto Técnico Stanga, o centro de formación agraria con sede en Cremona, e tras incorporarse á explotación familiar decidiu seguir formándose compatibilizando o traballo na granxa co estudo na universidade e unha estancia posterior en Cork (Irlanda).

Reivindica a complementariedade entre a formación teórica e a práctica e destaca a capacidade de transferencia de coñecemento e innovación do sistema público irlandés, onde a propia universidade tiña unha granxa comercial de 200 vacas para as prácticas dos alumnos e a adopción de innovación.

Claudio ten unha filla de 16 anos, Stefania, que estuda en Stanga. Este ano fixo o primeiro curso e, tras completar a súa formación no centro (5 anos), ten pensado dar o salto á Universidade (outros 5 anos) para facer Veterinaria.

Dificultades de man de obra

FENIL PRESTINI (Brescia, Lombardia) empregado paquistani

Os traballadores de orixe india, paquistaní e exipcia son os que máis abundan nas granxas lombardas

Na granxa dos Cremonesi traballan dous empregados, un indio que se encarga do muxido e outro paquistaní que realiza tarefas de limpeza, alimentación e coidado do gando. “Estamos a buscar máis persoas para traballar pero é moi difícil atopar. Pagamos 2.200 euros máis vivenda ao empregado que se encarga de muxir e 1.600€ máis casa ao outro operario. Son soldos bos; non entendo como a xente non quere traballar nisto”, lamenta Claudio, que observa unha gran desconexión da sociedade actual co mundo agrario.

“En 1980, cando eu me inscribín no Instituto Técnico Stanga, todos eramos fillos de agricultores; hoxe só o 10% dos alumnos proceden dunha explotación agrícola ou gandeira”, compara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información