Barbiselle Societá Agricola, unha granxa italiana con 1.300 cabezas que factura case 5 millóns de euros

Esta gandería, situada en Cremona, cultiva 230 hectáreas de regadío e vende toda a súa produción, 8 millóns de litros de leite ao ano, á cooperativa Soresina para a elaboración de queixo Grana Padano

Elisabetta y Giorgio junto a los alumnos de Fonteboa Mario y Cosme y a su director, Luis García

Elisabetta e Giorgio xunto aos alumnos da EFA Fonteboa Mario Noya e Cosme López e ao seu director, Luis García

Elisabetta Quaini é a cuarta xeración de gandeiros en Barbiselle, unha explotación gandeira situada a tan só 8 km do centro de Cremona, na rexión italiana de Lombardía. Comprouna o seu bisavó en 1880 e en 1920, trala Primeira Guerra Mundial, xa contaba con 40 hectáreas de terreo, 80 vacas leiteiras e 20 familias traballando na facenda.

Elisabetta estudou Económicas e especializouse en economía agrícola e márketing agroalimentario na Universidade de Guelph, en Canadá, e en 1995 incorporouse á granxa xunto ao seu pai Paolo. Trala súa morte en 2018, Elisabetta comprou a súa parte ás súas dúas irmás e hoxe integran tamén a sociedade o seu marido Giorgio Ortolani e as súas dúas fillas, Maddalena, de 21 anos, e Chiara, de 24, que xa traballa na granxa.

Temos que aproveitar as oportunidades que ofrece a nova PAC ás explotacións con presenza de mulleres mozas

O relevo xeracional é un dos obxectivos para garantir a continuidade da granxa e aproveitar os incentivos que a nova PAC inclúe ao respecto. “Temos que aproveitar as oportunidades que ofrece ás explotacións con presenza de mulleres novas. A nova Política Agraria Comunitaria favorece estas opcións ao conceder a estas granxas un aumento de ao redor do 30% das axudas”, explica.

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) sala muxido rotativa1

En canto a Giorgio, traballou durante 30 anos como publicista en Milán e en setembro incorporouse á explotación, pasando de vestir gravata a funda e katiuskas. A maiores contan con 10 empregados, a metade italianos e a outra metade da India, Exipto e Macedonia.

Como reforzo, esta primavera durante tres meses contaron coa axuda de Mario Noya, de Val do Dubra, e Cosme López, de Sarria, dous alumnos da EFA Fonteboa, que estudan o grao medio de Produción Agropecuaria. O centro de Coristanco empezou este ano a organizar estancias formativas en granxas de Lombardía, a principal rexión produtora de Italia, do mesmo xeito que leva anos facendo con Irlanda, a Bretaña francesa e Normandía.

Dous alumnos de Fonteboa acaban de voltar dunha estancia formativa de 3 meses nesta gandería

A pesar da súa mocidade (Cosme ten 16 anos e Mario 18), ambos teñen experiencia no sector, pois proceden de familias con explotación (Mario, da gandería Xan Blanco, e Cosme, de Vilar de Susao, alugada na actualidade á gandería Tío Andrés).

A súa formación teórica e o seu coñecemento práctico lévanos a enfrontar con éxito os novos retos laborais que require a produción láctea na actualidade nun sector carente de man de obra cualificada.

Elisabetta é a representante en Italia de EDF, unha rede europea de gandeiros da que forman parte algunhas granxas galegas

Elisabetta é a representante en Italia de EDF, unha rede europea de gandeiros da que forman parte tamén algunhas granxas galegas, e explica que o problema de atopar traballadores é común en todos os países.

Dificultade para atopar man de obra cualificada

Dos personas están dedicadas a los cultivos agrícolas y 8 al establo, junto a Giorgio

Dúas persoas están adicadas aos cultivos agrícolas e 8 ao establo, xunto a Giorgio

En Barbiselle buscan a estabilidade do persoal, con contratos fixos e vivenda gratis. Mansour, de Exipto, leva 15 anos na explotación e o seu irmán Mohamed 10. “Aos nosos empregados pagámoslles 2.000 euros. Traballan 6 días á semana en quendas de 8 horas e libran un día, con outros 26 días de vacacións ao ano. A maiores, dámoslles outras recompensas, por exemplo un plus de 1.000€ ao ano máis un tenreiro cebado por encalostrar. Son incentivos por facer as cousas ben nos temas que para nós son importantes. Tamén lles damos formación en técnicas de muxido ou inseminación”, detalla.

Traballar nunha granxa hoxe require saber manexar datos, non é só traballar coas mans

Pero a pesar das condicións, cun salario equivalente ao doutras profesións, non atopan traballadores. “A primeira xeración de inmigrantes que veu a Italia traballaba en calquera cousa pero os seus fillos xa non e existe unha imaxe errónea do traballo na agricultura. Creo que hai que facer un esforzo por explicar que hoxe en día non consiste só en traballar coas mans, senón con datos, e que non é un traballo mecánico, senón que é necesario pensar moito”, razoa.

600 vacas en muxidura

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) sala muxido rotativa3

A explotación muxe na actualidade entre 590 e 600 vacas e produce uns 23.000 litros de leite ao día, que venden á cooperativa Soresina, da que forman parte desde o ano 1993.

Trátase dunha das maiores industrias de transformación láctea italiana, que elabora distintos tipos de queixo (Grana Padano, Parmesano e Provolone), manteiga e envasa leite fresco e UHT.

“Por fortuna, nós tiñamos cooperativas fortes. Iso evita o monopolio de Lactalis. Sen elas sería un problema”, asegura Elisabetta. A multinacional francesa é a industria que máis leite recolle en Italia, seguida das cooperativas Granarolo e Soresina.

En Italia tiñamos cooperativas fortes que evitan o monopolio de Lactalis, algo que sería un problema para os gandeiros

Toda a produción de Barbiselle, uns 8 millóns de litros anuais, destínase á elaboración de queixo Grana Padano, a denominación de orixe da zona, que fixa os protocolos de muxido e alimentación do gando.

A diferenza do parmensano, producido ao sur do río Po, na veciña Reggio Emilia, o Grana Padano permite as ensilaxes, aínda que comparten por exemplo a limitación de dous muxidos diarios.

Nesta granxa muxen ás dúas da madrugada e ás dúas da tarde. Contan cunha sala rotativa de 30 puntos e lévalles unhas 5 horas realizar cada muxido. Cada día, ás 8 da mañá, o camión recolle o leite na explotación e trasládao á queixería para empezar o proceso de elaboración.

39 litros de media

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) sala muxido rotativa

A produción media da granxa oscila entre 39 e 40 litros, cun 4% de materia graxa e un 3,7% de proteína. Os animais en muxido están divididos en 5 lotes: alta produción, primíparas, vacas adultas, postparto e final de lactación.

Aínda que non permite os tres muxidos en sala, a denominación de orixe Grana Padano si que autoriza o uso de robots de muxido, unha opción que están a valorar para o grupo de alta produción, cunha produción media diaria de 52 litros e problemas frecuentes de mamites, debidos ás condicións de calor e humidade habituais na zona e ao tipo de cama utilizada.

Estamos a valorar poñer robots no lote de alta produción para que as vacas estean máis cómodas

Enchen os cubículos cunha mestura de palla, cal e auga. “O carbonato botámolo para evitar mamites e agora encamamos todas as semanas para mellorar iso, antes faciámolo cada dúas”, explica Elisabetta. “Estamos a valorar poñer robots para que as vacas de máis produción non tiren tanto leite e estean máis cómodas”, engade.

Reducción drástica no uso de antibióticos

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) ventiladores

O benestar animal e a prevención das enfermidades do gando é un dos obxectivos que se marcan. O nivel medio de células somáticas da granxa sitúase en 160.000 e realizan secado selectivo sen antibióticos. Para facilitar a selaxe da ubre estimulan a redución na produción de leite separando ás vacas para secar unha semana antes para alimentalas con ración de secas.

A granxa ten unha media de 70 vacas secas

Teñen un empregado só para elaborar as distintas racións de alimentación do gando e dispoñen dun carro mesturador de 32 metros cúbicos de capacidade co que elaboran a ración de produción dúas veces ao día.

Máximos coidados para a recría

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) taximilk becerras recria

Ademais de levar a xestión económica da granxa, Elisabetta ocúpase tamén de supervisar a aplicación dos protocolos de coidado das becerras pequenas, un dos aspectos nos que poñen maior atención.

Barbiselle acaba de iniciar un proxecto de investigación, de dous anos de duración, en colaboración coa Universidade de Milán, denominado Tenreiros libres de gaiola, que consiste en probar distintas opcións para o aloxamento dos animais nas primeiras 8 semanas de vida.

Están a estudar distintas opcións para o aloxamento dos animais nas primeiras 8 semanas de vida dentro dun proxecto de investigación da Universidade de Milán

O habitual a día de hoxe en Italia é que ao nacer se leven a boxes individuais, pero a sensibilización social cara aos temas de benestar animal levou á Comisión Europea a decretar a súa eliminación progresiva en 2027.

“Espérase que este sexa un dos aspectos clave da nova lexislación comunitaria sobre benestar animal que se aprobará neste ano 2023, por tanto, as ganderías verémonos obrigadas a introducir cambios no manexo. Por iso estamos a probar a viabilidade técnico-económica das distintas alternativas (aloxamento en boxes en parellas, permanencia coa nai, lotes colectivos en amamantadora) e o seu resultado en canto ao crecemento das tenreiras”, explica Elisabetta.

Recogen los tallos del maíz destinado a pastone para utilizarlos en la cama de la recría

Recollen os cañotos do millo destinado a facer pastone para utilizalos na cama da recría

Dispoñen de taxi-milk pasteurizador para a etapa de boxes individuais e de dúas amamantadoras para as fases posteriores. Destetan ás tenreiras aos dous meses e medio de idade e insemínanas entre os 14 e os 15 meses.

En canto á cama, os boxes son de palla e a continuación nos lotes da recría máis pequena utilizan cama fría de compost, con serrín como base. Realizan pastone de millo para alimentación de vacas en produción e a parte non utilizada da planta recóllena en bólas para usar na cama da recría máis grande, que encaman unha vez ao mes.

Incrementar a lonxevidade

Paridera de la explotación

Parideira da explotación, onde os partos se suceden de forman continua

O custo dunha xovenca posta a parto é de 1.900€ nesta granxa, onde o 38% dos animais en produción son vacas de primeiro parto. “Cústanos moito diñeiro criar unha tenreira, fai falta unha lactación para pagala”, razoa Elisabetta. A lonxevidade media das vacas de Barbiselle é de 2,8 lactaciones, unha cifra que están a tentar incrementar.

Teñen problemas de espazo, tanto na zona de vacas en produción como nos lotes de recría e renovaron o sistema de ventilación para reducir o estrés térmico dos animais. “Os ventiladores e aspersores funcionan 8 meses ao ano, tan só os 4 meses de inverno están parados”, explica. A temperatura pode chegar a 39 grados no verán e roldar os 0 graos no inverno nesta zona.

Máis de 10 céntimos de marxe

Ensilado de trigo, realizado en la primavera, para incorporar a la racción de lactación

Ensilado de trigo, realizado na primavera, para incorporar á ración de lactación

Desde o final das cotas lácteas no ano 2015 esta gandería pasou dunha produción anual de 5,4 millóns de litros aos 7,7 producidos en 2022, no que lograron unha facturación récord de 4,6 millóns de euros.

O prezo de venda do leite, que oscilara entre os 41 e os 44 céntimos os anos anteriores, disparouse ata os 60 céntimos, aínda que Elisabetta matiza que este é o prezo cobrado polos socios de Soresina, mentres Lactalis está a pagar na zona 6 cénimos menos, a 54.

Barbiselle facturou o ano pasado 4,6 millóns de euros e logrou un beneficio de 1,3 millóns

“Nestes momentos temos un bo prezo e unha marxe de máis de 10 céntimos en litro. O custo total de produción en 2022 foi de 50 céntimos, pero este ano baixou a 48 porque está a baixar o custo de alimentación. O custo da man de obra no noso caso sitúase por baixo de 10 céntimos en litro”, explica Elisabetta.

“Unha coidadosa xestión do persoal, baseada na transparencia das relacións laborais, a estabilidade dos contratos e o uso de incentivos e primas de produtividade permitiunos aumentar a produtividade e reducir o custo de man de obra por litro de leite producido”, asegura.

Venda de carne e enerxía

Las vacas cojas y las que están a tratamiento las usan para amamantar a los terneros azul belga

As vacas coxas e as que están a tratamento úsanas de nodrizas para amamantar aos tenreiros azul belga

Barbiselle facturou o ano pasado 4,6 millóns de euros, cun beneficio de 1,3 millóns. Aos ingresos pola venda do leite hai que sumar a venda de tenreiros e de enerxía eléctrica, que supoñen outras dúas fontes de ingresos importantes para a granxa. “Facturamos 20.000 euros ao mes pola venda de tenreiros azul belga”, indica.

Son criados ata os 40 días e vendidos despois a unha cooperativa de carne, que realiza o cebado. “Antes vendiamos unhas 200 xovencas de recría ao ano, pero agora inseminamos unha parte do rabaño con cruces cárnicos”, explica.

O 65% das vacas adultas son inseminadas con azul belga

As inseminacións con azul belga representan máis da metade das doses totais utilizadas nesta explotación, que usa un 17% de seme sexado en xovencas e algunhas primíparas e un 23% de seme convencional no resto de vacas adultas. “Sincronizamos celos e o veterinario vén todos os martes e venres”, explican.

Zona de novillas de recría, con placas solares sobre el techo de las naves

Zona de xovencas de recría, con placas solares sobre o teito, que prevén ampliar tamén á nave de produción

Outra das fontes de ingreso importantes é a venda de electricidade. Nos teitos das naves de recría teñen instaladas placas solares desde o ano 2010, cun total de 630 kwh de potencia, dos que 96 kw son para autoconsumo e 534 para venda de enerxía fotovoltaica. Os ingresos pola súa comercialización foron de 183.000 euros en 2022, aos que habería que sumar outros 36.000 euros de aforro na factura da luz na parte de autoconsumo.

En 2010 instalaron 630 Kw de placas solares e este ano instalarán outros 265 Kw

Dentro do plan de investimentos da empresa para os próximos 5 anos contémplase seguir apostando polas enerxías renovables. “Dispoñemos de teito adicional para instalar outros 265 Kw para autoconsumo. Obtivemos unha axuda do 40% con fondos europeos e faremos a instalación este mesmo ano”, explica Elisabetta.

Do mesmo xeito, indica, “aínda temos potencial por explotar, como a posibilidade de construír unha planta de biogás de xurros. Con este fin, encargouse un estudo ao Centro de Investigación da Produción Agrícola de Reggio Emilia para definir o tamaño óptimo”, detalla.

“Facemos un uso moi intensivo da terra”

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) vista aerea instalacions3

Barbiselle traballa un total de 230 hectáreas, 180 en propiedade nunha soa peza ao redor da granxa e 50 alugadas. Toda a superficie é de regadío e dispoñen dun pozo de rega e unha liña subterránea para fertirrigación con xurro.

A explotación está situada nunha zona non vulnerable á contaminación por nitratos, o que lles facilita a xestión de abonos. “Non temos problemas para a fertilización das parcelas, coa rotación de cultivos inxectamos todo o xurro da granxa”, explica.

O 70% das hectáreas son en propiedade e o 30% alugadas

Os principais cultivos son o millo, o trigo, o raigrás, o sorgo e a alfalfa. O regadío asegúralles dúas colleitas ao ano e a rotación de cultivos inclúe raigrás no inverno e millo no verán en 21 hectáreas e trigo para ensilaxe no inverno e millo no verán noutras 50 hectáreas, ademais de 80 hectáreas a alfalfa, con entre 5 e 6 cortes anuais, e outras 17 a sorgo forraxeiro.

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) millo

Logran altas producións, que no caso do millo acada os 60.000 quilos por hectárea de media nun ano normal, aínda que 2022 foi moi seco na zona norte de Italia, con pouca choiva e altas temperaturas, e houbo menor produción.

Este ano choveu de forma torrencial a principios de maio, pero levabamos 6 meses sen chover

“As producións obtidas aseguran a autosuficiencia alimentaria dos animais. Só compramos fariña de soia e outros subproductos proteicos, segundo estea o mercado, con contratos anuais para protexerse contra o risco de aumento de prezos”, indica Elisabetta.

Máis de 60.000€ por hectárea

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) abonado purin inxectores sen cisterna

Sistema de inxección de purín a través de una mangueira enganchada directamente ás balsas da explotación para abonar as fincas máis próximas á granxa

A superficie agraria ten un importante valor nesta zona. Comprar unha hectárea de terreo pode custar entre 65.000 e 70.000€ e os alugueiros roldan os 1.000€ anuais. “O alto custo da terra é un dos obstáculos para o acceso de mozos ao sector agrario en Italia”, recoñece.

O seu pai, Paolo Quaini, faleceu en 2018 e o pasado mes de decembro Elisabetta comprou a súa parte ás súas dúas irmás

Dous dos 10 empregados de Barbiselle están centrados no traballo agrario. “O único que non facemos nós é a ensilaxe e botar o xurro nas fincas máis afastadas, para o que contratamos empresas de servizos”, explica.

Mellora xenética

Vaca subcampeona en el certamen celebrado en Cremona en 2021

Vaca subcampioa no certame celebrado en Cremona en 2021

Desde fai anos Barbiselle participa en concursos de gando, logrando importantes premios e recoñecementos polas características produtivas e morfolóxicas dos seus animais. En 2021, por exemplo, quedaron subcampións no certame organizado en Cremona.

A aposta pola xenética é un dos sinais de identidade desta gandería. O pai de Elisabetta, Paolo, era xinecólogo en Turín pero mantivo a granxa que fundara o seu pai, Ludovico, en 1910. Na década de 1970, grazas aos seus ingresos como médico, Paolo inicia o período de expansión da explotación, fusionando tres facendas veciñas e comprando en Roma unha das granxas de referencia en xenética en Italia, Salone, con animais procedentes da granxa americana Paclamar. Algúns dos sementais da gandería romana da familia fixeron historia dentro da raza frisoa italiana, como o touro Talent King of Salone.

Durante anos a gandería repartiu animais de alta selección xenética, vendidos en poxas, por toda Italia

A herdanza xenética de Paclamar e Salone vive hoxe en Barbiselle, onde durante anos utilizáronse embrións de Estados Unidos e Canadá. Hoxe, a selección xenómica é unha ferramenta habitual nesta granxa.

Criadeiro de cabalos

BARBISELLE SOCIETÁ AGRICOLA (Cremona, Italia) cabalos

O pai de Elisabetta era tamén un namorado dos cabalos, unha paixón que o levou a dedicarse ás carreiras e á cría de sementais. Nas instalacións de Barbiselle existía un afamado criadeiro de cabalos de trote con cuadras con 180 boxes, paddock e estación de inseminación, así como un laboratorio para a conxelación do seme equino. “Actualmente, dada a situación do sector, a actividade reduciuse con só dúas eguas en produción pero non descartamos volver potenciar este sector no futuro”, afirma.

Vendemos a granxa de Roma para centrarnos en Cremona, trasladando o gando e modernizando as instalacións

Pero na actualidade todos os esforzos están postos na explotación láctea. “Decidimos especializarnos na produción de leite, aumentando o número de vacas e elevando a produtividade por cabeza. En 2007 ampliamos o establo de Cremona e instalamos a sala de muxido rotativa de 30 puntos, con capacidade para muxir entre 130 e 150 vacas á hora, e vendemos a granxa de Roma, debido ás dificultades para a xestión da actividade gandeira nas inmediacións da capital”, indica Elisabetta. 

Aposta pola tecnoloxía

El uso de pruebas genómicas está generalizado en la granja

O uso de probas xenómicas está xeralizado na granxa

“Estamos a preparar un plan de desenvolvemento para os próximos 5 anos que prevé automatizar o muxido mediante a instalación de robots e tamén completar o sistema de ventilación de todas as naves para garantir o máximo benestar mesmo na estación máis calorosa”, avanza sobre os plans de futuro.

Neste ano 2023 incorporaron o sistema Alta Cow Watch de Alta Genetics para monitorear rabaños. “Queremos mellorar desta forma o coidado das tenreiras para maximizar o seu crecemento, ter un rexistro de parámetros de eficiencia alimenticia e administración de forraxe nas vacas e dispoñer dunha análise do comportamento produtivo e reprodutivo dos animais, con especial atención á prevención de enfermidades”, explica.

A utilización de aditivos que melloran a fixación de nitróxeno do xurro permitiunos reducir nun 50% o uso de fertilizantes químicos no cultivo de millo

Prestan tamén a máxima atención aos custos de produción de forraxes mediante software específicos: ISAGRI para a xestión de campo, Dairy Comp para a xestión do establo e PMT para a ración de alimentación.

En canto aos cultivos agrícolas, Barbiselle utiliza sistemas satelitais para a sementeira e a distribución de produtos fitosanitarios. Á hora de aplicar o xurro, engádenlle aditivos para mellorar a fixación do nitróxeno. “Esta técnica nos últimos 3 anos permitiunos reducir nun 50% o uso de fertilizantes químicos no cultivo de millo”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información