Martino Cassandro é profesor da Universidade de Padova e director xeral de ANAFIBJ, a asociación frisoa italiana, que ampliou as súas siglas para acoller a outras razas leiteiras, como a parda alpina ou a xersei.
A procura de sólidos e un maior rendemento queixeiro, un dos destinos principais da produción láctea italiana, impulsou nas explotacións a introdución doutras razas e os cruzamentos entre elas.
Esta tendencia crecente nas ganderías do país provocou un cambio de mentalidade na propia Asociación, aberta a acoller no seu seo a animais cruzados e prestar servizos neste ámbito aos seus asociados.
A asociación frisoa italiana acolle tamén no seu seo vacas jersey, pardas alpinas e cruzadas
Desde a súa sede en Cremona, no val do Po, unha das principais zonas de produción láctea do país, ademais de frisoas atenden outras razas, entre elas 795 ganderías con 7.025 vacas xersei rexistradas.
A xeneralización no uso de seme sexado por parte das explotacións lácteas permitiu tamén ás granxas reducir as súas necesidades de seme frisón e apostar por cruces cárnicos para revalorizar os excedentes de recría. En España, os cruzamientos de vacas leiteiras con razas cárnicas representan xa o 23% das inseminacións, unha porcentaxe similar ao que se dá en Italia.
O uso de cruzamentos é unha tendencia crecente en Italia
Están a incrementarse tamén os cruces con outras razas leiteiras, aínda que a un ritmo menor. Supoñen neste momento o 1% das inseminacións realizadas, fronte ao 75% que levan a cabo con touros frisóns, pero é unha tendencia crecente como estratexia para incrementar a produción de sólidos e reducir os niveis de consanguinidade do rabaño.
– Cantas ganderías forman parte de ANAFIBJ?
– Temos neste momento 9.280 gandeiros holstein rexistrados en Italia. Somos a terceira asociación no mundo en canto a raza frisoa. Temos un total de 1.148.844 cabezas controladas. Logramos aumentar un 3% as vacas rexistradas e un 15% a produción de leite. As nosas granxas teñen 10.786 kg de produción media cun 3,85% de graxa e 3,35% de proteína na actualidade.
– Como evolucionou a mellora xenética en Italia?
– Houbo un avance xenético na vaca holstein moi importante, iso é indubidable. Lograr a produción actual e niveis do 4% de graxa e do 3,3% de proteína era un soño hai 30 anos. Pero ao mesmo tempo foron cambiando os distintos aspectos aos que se presta atención e fóronse ampliando os obxectivos para lograr.
A proteína é para nós un dos caracteres máis importantes nos touros
En 1970 os gandeiros querían máis leite, despois na década dos 80 calidade e máis adiante introducimos trazos como a lonxevidade ou a fertilidade. Viamos que empurrando unicamente sobre produción estabamos a perder outros trazos.
– Cales serán os aspectos de selección no futuro?
– Hoxe tamén se busca sustentabilidade e redución de emisións, que demanda o consumidor, igual que eficiencia e mellora da coagulación do leite para a produción de queixos, que aquí en Italia é moi importante. A proteína é un dos trazos máis importantes para nós nos touros.
Estamos a traballar en selección xenética para reducir emisións, que é algo que demanda o consumidor
No noso centro de selección xenética estamos a analizar a eficiencia alimenticia, non só na inxesta e transformación de materia seca, senón tamén no consumo de auga, e estamos a usar un novo índice económico GIES.
O benestar, a aptitude para o muxido robotizado, a resistencia ao estrés térmico e ás enfermidades, a mellora da fertilidade, a redución do impacto ambiental e a protección da biodiversidade xenética serán aspectos fundamentais no futuro.
– Que achega a xenómica á mellora xenética?
– Está a acelerar a tendencia xenética. O índice global PFT italiano mellorou nos últimos 20 anos, pero antes da xenómica mellorabamos 97 puntos de PFT ao ano, e a partir do ano 2009, coa xenómica, o crecemento é de máis de 300 puntos.
Nos últimos 10 anos aumentamos a produción media por vaca 1.500 kg, pasando de 9.293 kg/ano a 10.786
Temos un total de 508.924 animais xenotipados. Nos últimos 10 anos aumentamos a produción media por vaca 1.500 kg, pasando de 9.293 kg/ano a 10.786. Reducimos as células somáticas en 80.000 células, logrado 92 días máis de produción e 14 días menos abertos, pero mellorar a fertilidade é moi difícil pola vía da selección xenética, porque é un trazo contrario á produción.
– A procura de maior produción nas últimas décadas pola vía da selección xenética derivou en países como EEUU en niveis de consanguinidade elevados. En que situación se atopa a cabana holstein en Italia?
– Actualmente estamos en niveis de consanguinidade en Italia próximos ao 8%. Ese é un risco que nos obriga a estar preocupados e pensar na asociación en como resolvelo. Estamos a traballar para cambiar o índice PFT e engadir unha penalización pola consanguinidade na fórmula.
Temos que ver alternativas para manexar as taxas tan altas de consanguinidade, porque os gandeiros que se preocuparon máis intensamente pola mellora xenética teñen índices de consanguinidade preocupantes.
– Que estratexias están a seguirse para reverter esta tendencia?
– Por unha banda estamos a preservar a raza pura mediante un programa de acoplamentos, pero a segunda alternativa que estamos a usar son os cruzamientos.
Algúns técnicos pensan que a ganancia xenética supera á depreciación por consanguinidade. Nos próximos 5 anos teriamos unha ganancia de 70 quilos máis de leite por vaca e unha depreciación de consanguinidade que nos restaría 22 quilos a esa ganancia. Pero non é unha solución a longo prazo.
– Dentro da Asociación Frisoa Italiana acollestes tamén outras razas, como a parda alpina ou a xersei. Por que?
– No pasado a Asociación holstein de Italia non era moi proclive aos cruzamientos pero a situación cambiou. As cruzadas hoxe son parte das vacas leiteiras que hai no noso país e queremos achegar servizos tamén aos asociados que teñen vacas cruzadas.
Como che comentaba, unha das solucións para evitar os problemas de consanguinidade son os cruzamentos. De momento no libro xenealóxico estes animais aparecen como cruzados pero imos ser máis exhaustivos á hora de diferencialos.
A tendencia de monta natural reduciuse nos últimos 10 anos
En ANAFIBJ estamos abertos a novos escenarios presentes e futuros neste ámbito. Queremos prover servizos de selección para realizar cruzamientos, tanto de carne como de leite e xa realizamos certificados de pedigrí para animais cruzados.
Case o 20% das frisoas italianas están a cruzarse hoxe con outras razas, cando en 2012 era só o 7%. Cando o nivel de vacas cruzadas está a aumentar como o está facendo o director dunha asociación como a nosa ten que telo en conta. Ás veces é difícil aceptar algún resultado pero é necesario un cambio de mentalidade.
– Que representan os cruzamientos a día de hoxe na cabana leiteira italiana?
– Prodúcense 2 millóns de inseminacións ao ano en Italia, das que unhas 400.000 son con outras razas, moitas delas con carne. De feito, o 95% dos cruzamientos son con razas cárnicas e só o 5% con cruces para produción de leite, pero están a aumentar moito.
Os cruzamientos con outras razas leiteiras aumentan en Italia a un ritmo de 100.000 vacas cada ano
Cada ano 100.000 vacas que están no sistema de Control Leiteiro pásanse ao sistema de cruzamientos. Temos 1,1 millóns de frisoas puras, pero a segunda poboación son xa as vacas cruzadas, máis que a raza bruna.
– En canto aos cruzamentos cárnicos, cales son os máis habituais nas ganderías leiteiras italianas?
– Lévanse a cabo 250.000 inseminacións con carne cada ano, de maneira maioritaria azul belga e limusín. Para eses gandeiros que usan razas de carne temos un servizo específico para provelos desa necesidade. O seme sexado abriu esta oportunidade.
En Irlanda teñen un índice de cruzamientos con carne e nós estamos listos para aplicar tamén un índice dese tipo. En Irlanda os cruces con carne son o 43%. En Italia estamos na metade, movémonos en cifras similares ás de España.