A Finca Mouriscade, centro de referencia en mellora xenética e dependente da Deputación de Pontevedra, está xa en disposición de transferir embrións de alta calidade de frisoa propios, é dicir, formados na propia granxa, situada en Lalín. O persoal do centro está implantando os últimos embrións adquiridos en decembro, procedentes do 1% dos mellores exemplares de raza frisoa a nivel mundial, á vez que xa está valorando novas ofertas para incorporar novos lotes ao rabaño de Mouriscade.
Este é un paso máis para que a Finca Mouriscade se sitúe como un centro de referencia internacional, tal e como sinalou a presidenta da Deputación Carmela Silva no encontro do comité informativo con alcaldes do Deza para informar sobre a evolución do plan de dinamización do centro que se está levando a cabo dende hai meses.
A granxa de Mouriscade logrou situarse xa no posto número 12 das mellores gandarías estatais por índice ICO. Ademais, as previsións apuntan a que a finca seguirá medrando co obxectivo de escalar outros 6 postos máis ata colocar a granxa entre as 6 mellores explotacións a nivel estatal. Este obxectivo está máis próximo xa que 13 xovencas de Mouriscade acaban de situarse entre as 1.000 mellores a nivel estatal segundo as avaliacións xenéticas de CONAFE (Confederación de Asociacións de Frisoa Española). De feito, unha das 13 xovencas está no posto 17 e outras sete situáronse entre os 500 primeiros postos da clasificación (52, 114, 154, 242, 429, 467 e 478).
A Deputación busca que os embrións producidos en Mouriscade cheguen a todas as ganderías da provincia. Para iso, terá un papel clave o novo sitio web, que se estreará a mediados de febreiro. O sitio disporá dunha plataforma para a venda dunha maneira transparente e áxil, para que todo o sector teña a mesma capacidade e accesibilidade á compra. Cando os gandeiros teñan mercado o material xenético, será o persoal técnico quen o implante nas súas ganderías, empregando para iso o laboratorio móbil da Finca Mouriscade, que estará operativo en arredor de dous meses.
A nova web de Mouriscade tamén contará con importantes novidades para o sector. Na sección de laboratorio, axilizarase o procedemento de consulta de resultados para que o sector poida consultalos en tempo real desde calquera dispositivo, tamén o smartphone. Ademais, no segundo semestre do ano lanzarase unha libraría de composición de alimentos para ofrecer unha base de datos estatísticos do laboratorio, con rexistros desde 2001, que recollerá os parámetros nutricionais analizados en Mouriscade.
Ademais, Mouriscade ampliará a súa oferta para o sector gandeiro coas últimas biotecnoloxías reprodutivas e estase a avaliar a ampliación dun sistema de aspiración transvaxinal de oocitos que permite a produción de embrións in vitro para obter descendentes das donantes a idades máis temperás.
O benestar animal segue a ser unha das prioridades de traballo, polo que en colaboración con CONAFE instalaranse novos colares para a monitorización e toma de datos de saúde e benestar nas reses mediante a actividade da rumia. Estarán conectados a un software que permitirá detectar con antelación se algún animal pode estar padecendo unha patoloxía.
Renovados os acordos cos laboratorios
Carmela Silva tamén informou da renovación de contratos cos laboratorios Evonik, Dairy One e SANOR (Seguridade Alimentaria del Noroeste). Por unha banda, a subscrición ás bases de datos NIT de Evonik e Dairy One permiten ofrecer ao sector gandeiro servizos de análise accesibles e de calidade de ensilados e forraxes para alimentación de ruminantes (Evonik) e pensos e materias primas (Dairy One).
Pola outra banda, os acordos con SANOR permiten colaborar co programa de seguridade alimentaria Galis, pioneiro a nivel estatal, para a toma de mostras de materias primas destinadas á alimentación animal. O persoal realiza a mostraxe durante a descarga de materias primas e almacéns nos principais portos galegos para poder asegurar a trazabilidade en todo o proceso de control de calidade das materias primas importadas.
Mellora das instalacións
En canto a melloras das instalacións, Carmela Silva informou das obras de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións da granxa, sobre a zona de estabulación de xovencas intermedias, vestiarios e laboratorio que darán comezo o vindeiro luns. Ademais, a Deputación adquirirá unha cuba de xurros con capacidade de 7000 litros cun sistema de triturado e aplicación a ras de solo.
Outras melloras repercutirán na extracción de gases dos laboratorios (con tubos e un motor de extracción no exterior para mellorar a extracción e evitar condensacións) e no acondicionamento da sala de moenda, para que a sala teña menos ruído e máis espazo.
Na procura dos maiores estándares de calidade, a Deputación comezará os trámites para obter a Certificación ISO-9001 e a ampliación de ensaios acreditados segundo o ISO-17025, o que permitirá ao centro ser recoñecido polos potenciais usuarios e usuarios pertencentes a países membros da Organización Internacional de Normalización (ISO).
Portas abertas para o sector
Outro obxectivo do plan de dinamización de Mouriscade é o de dar a coñecer as instalacións e o traballo do centro. Por iso, desde outubro abríronse as portas da finca á comunidade escolar e á cidadanía cun programa de visitas ás que xa asistiron centros de ensino de toda a provincia e mesmo da Coruña, o que evidencia o interese espertado. Xa se realizaron 12 visitas e hai outras 8 concertadas.
Carmela Silva anunciou que as visitas guiadas a Mouriscade ábrense ao sector para que poida ser un centro de referencia para as súas actividades. Neste sentido, a presidenta provincial avanzou o calendario de reunións sectoriais xa pechadas, como as da compañía Nanta (líder en fabricación e comercialización de pensos) ou AGAFAC (organización de fabricantes de alimentos compostos).
Transferencia de varias parcelas
A presidenta Carmela Silva tamén deu conta na reunión, da sinatura co alcalde de Lalín da acta de entrega e recepción da titularidade das parcelas resultantes do proceso de segregación da Finca Mouriscade. A Deputación transfire ao Concello máis de 115.000 metros cadrados para que Lalín execute o seu proxecto de posta en valor do futuro “Espazo Mouriscade”.
No marco da transmisión da propiedade, aprobada no pleno de outubro, acordouse tamén a cesión do antigo laboratorio, casona e edificacións auxiliares da finca. Os inmobles incorporaranse ao proxecto como un centro expositivo vinculado á realidade rural e ao sector agrogandeiro, e outro centro agroturístico.