Ao pé mesmo do Camiño de Santiago, no lugar do Coto, no límite entre as provincias da Coruña e de Lugo, atópase un edén de prantas mediciñais que na primavera loce en todo o seu explendor. Dentro, nunhas instalacións que antes eran unha vella corte de vacas e que agora acollen o almacén, o secadeiro, o laboratorio e a oficina, Chusa e Carmela preparan con esmero os distintos pedidos. Xunto a Anxos constitúen hoxe Milhulloa, unha cooperativa pioneira no cultivo de herbas mediciñais galegas que cumpre dúas décadas innovando e diversificando.
“Empezamos no 2001 coa idea de afincarnos no rural e recuperar as plantas mediciñais, xuntámonos buscando unha alternativa laboral no medio rural vinculada á nosa formación”, explican Chusa e Carmela, que estudaron Farmacia e Bioloxía. Non había naquel momento en Galicia ningunha iniciativa producindo herbas mediciñais. De feito, contan, “non había nin lexislación adaptada en Galicia ao que nós iamos facer”. Pretendían recuperar a produción en ecolóxico e homoxeneizala dando unha conservación adecuada a esa produción.
Milhulloa foi pioneira na produción de plantas mediciñais en Galicia, tanto que a lexislación existente non se adaptaba ao que pretendían, pois non había ningunha iniciativa nese ámbito
Con ese obxectivo construíron un secadeiro industrial e comezaron a cultivar as 10 hectáreas de terreo das que dispoñía a familia de Chusa. “O primeiro que fixeramos foi un estudo a pé de campo para ver que especies predominaban aquí e cales se daban por si soas nesta zona. O pai de Chusa, Emilio, tiña coñecementos de traballar a terra e dábanos consellos, ao igual que outros veciños maiores do pobo, como Mercedes. Aquilo foi reencontrarnos cun pasado e cuns coñecementos que nos axudaron moito e actualizalos cos coñecementos da formación universitaria que nós tiñamos”, lembra Carmela.
Pero aquela ilusión coa que arrincaron logo se viu enfriada. “Empezamos botando 5 hectáreas de plantas mediciñais, pero aquilo non era rendible porque ás empresas ás que vendiamos a produción pagábana moi pouco”, conta Chusa. Por iso, no 2003 decidiron pechar o ciclo, cultivando, deshidrantando e chegando ao consumidor final.
Grelos e especias
As plantas mediciñais seguen a ser aínda hoxe a esencia de Milhulloa. Cultivan até 15 variedades diferentes, coa milhenrama como estrela. Emprégana para cosmética e en infusións polo seu alto poder dixestivo. Pero co paso dos anos, a maiores das plantas mediciñais, foron diversificando tamén cara a outros produtos na procura da viabilidade e sustentabilidade do proxecto. “Empezamos coas infusións e logo evolucionamos coas especias e as hortalizas deshidratadas”, explican.
As empresas farmacéuticas e cosméticas para as que producían pagábanlles moi pouco a produción, polo que no 2003 decidiron pechar o ciclo, cultivando, deshidrantando e chegando ao consumidor final
De inicio non pensaran niso das hortalizas, sen embargo, acabou sendo o sostén de Milhulloa durante moitos anos. “Un amigo noso tiña un invernadoiro cheo de espinacas e aquel ano os comercializadores tiráranlle o prezo, así que fixemos unha proba a deshidratalas. Daí pasamos ao grelo no ano 2005 e foi todo un exitazo”, lembra Chusa.
Hoxe os seus grelos deshidratados viaxan a distintas partes do mundo, alí onde hai galegos. O feito de que unha vez secados pesen moi pouco é unha vantaxe fronte ás conservas en lata. “Témolos mandado a Puerto Rico por Correos e chegounos de volta unha mensaxe super emotiva de agradecemento”, contan. É un produto para o que hai máis demanda que oferta. “Non damos atendido, temos lista de espera”, asegura Chusa.
Para o grelo temos máis demanda ca produción somos capaces de procesar, non damos atendido, mesmo temos lista de espera
“Materia prima temos de máis, pero estamos moi limitadas polo proceso artesán de lavado e deshidratado. O grelo tarda dous días en secar e caben 250 quilos de cada vez. É todo moi manual, para poder producir máis precisariamos máis maquinaria”, aclara.
Traballar en rede
“Antes os grelos botabámolos nós, pero agora mercámosllos a produtores da zona. Eles cultívannos e nós imos recollelos para traer xa escollido o produto, porque non nos serve de calquera xeito. Empregamos as follas, o que é a nabiza, que é o que a xente demanda e o que é tamén máis doado de deshidratar”, explica Chusa.
Unha vez lavadas as nabizas distribúense nas bandexas do secadeiro, que están feitas con rede do cerco. “Viñeran a ensinarnos a coselas redeiras de Malpica. As bandexas feitas con rede é un método moi sinxelo pero que funciona moi ben porque non pesan e son doadas de limpar”, indican.
O da rede é tamén unha metáfora que se pode aplicar á propia empresa e á súa forma de traballar. “Sempre nos gustou traballar en rede, temos colaboracións con moita xente”, di Carmela. Milhulloa como tal xurdiu da suma de vontades e ese xeito de traballar colaborativo ségueno a aplicar a todo canto fan. Do secadeiro de Milhulloa saen tamén as algas deshidratadas de A Patrona e sécanse os pementos de Herbón cos que Pementos Carmucha fai o seu pementón. Ademais de axudar deste xeito a outros proxectos, esta actividade permítelles optimizar as instalacións.
Do secadeiro de Milhulloa saen os pementos de Herbón deshidratados cos que Pementos Carmucha elabora o seu pementón
Fai uns anos tamén xunto a Marta e María, de Granxa Maruxa de Monterroso, montaron Muuhlloa, adicada a facer produtos de cosmética co leite das vacas de Marta e as súas herbas aromáticas e aceites esenciais, e seguen a investigar novas aplicacións e utilidades para o que cultivan. “Nos nosos inicios recibimos asesoramento e axuda de Rosa Romero, da Politécnica de Lugo, porque nós do que era o cultivo de plantas mediciñais non tiñamos nin idea, e seguimos moi vinculadas aínda á Universidade porque nos gusta moito probar e investigar”, recoñece Chusa. Tamén colaboran con organismos como o CIAM de Mabegondo ou o CIF de Lourizán e dan cursos sobre cultivo, transformación e utilidades das plantas mediciñais.
Plantas autóctonas
No catálogo de produtos de Milhulloa hai infusións relaxantes, dixestivas, para problemas respiratorios e catarros, para infeccións urinarias e mesmo para a resaca. Tamén especias que lle dan valor á cociña e serven para reducir o uso de condimentos químicos. “Serven para resaltar o sabor e non ter que usar tanto sal”, exemplifica Chusa.
Cultivan 15 variedades distintas de prantas, coa milhenrama como estrela
O pirixel, o romero ou o ourego cultívano nas súas fincas, pero outras especies impórtanas a través doutra cooperativa. “A nosa filosofía é tender sempre a produtos autóctonos, porque para que un cultivo sexa ecolóxico e sustentable non pode ser doutros hábitats. O que se dá aquí producímolo nós e o que non se dá aquí mercámolo directamente no lugar onde se produce. A canela, por exemplo, aquí non se pode producir, así que a traemos de Sri Lanka e Indonesia”, explican.
O que se dá aquí producímolo nós e o que non se dá aquí mercámolo directamente no lugar onde se produce
A etiquetaxe dos seus artigos, sempre en galego, emprega nomes orixinais que evocan lugares, distintas situacións ou estados de ánimo. As Herbas da Ulloa son unha mestura de especias como pirixel, albahaca, ourego e eneldo; a infusión a base de romeu, hibisco, chantaxe e canela indicada para os problemas urinarios masculinos leva por nome Tenor; e a que leva menta, melisa, caléndula e laranxa e xera relax chámase Mamá Dosinda e Avoa Manuela, o nome ás avoas de Chusa e Carmela. “Por deformación profesional, poñiamos o nome científico ás prantas nas etiquetas pero iso era frío e distante. Agora personalizamos os pedidos e con esta infusión, que produce tranquilidade e coidados, quixemos facer unha homenaxe ás nosas nais e avoas, que sempre nos animaron a seguir adiante e ser independentes”, valora Chusa.
“A única maneira de que o rural siga vivo é mantendo as tendas nas aldeas”
Nestas dúas décadas de andadura de Milhulloa as súas integrantes tiveron que ir superando atrancos e dificultades para que o proxecto puidese seguir a flote. Chusa e Carmela lembran agradecidas o apoio e axuda desinteresada de moitas persoas do seu entorno e tamén o balón de osíxeno económico que lles supuxo cambiar de entidade financieira. “Estabamos afogadas polo crédito bancario e multiplicábanse os intereses cada vez que nos retrasabamos nunha letra. No ano 2009 fomos as primeiras de Coop57 Galiza, o primeiro crédito da cooperativa de servizos financieiros foi o noso e aquilo a nós deunos flexibilidade”, indican.
Neses momentos de afogo económico Milhulloa botou man de solucións imaxinativas e soubo aproveitar a súa ubicación ao carón do Camiño de Santiago. “Aproveitamos que pasa o Camiño Francés por diante da porta e vendiamos refrescos revitalizantes para os peregrinos feitos con milhenrama e menta. Faciamos unha marmita coma a de Asterix e Obelix e chegamos a vender 50 litros de beberaxe ao día”, lembran cun sorriso que deixa entrever a máscara á que obriga o coronavirus.
A raíz do confinamento confeccionaron un kit que permite elaborar na casa produtos como unha crema, un protector labial ou un dentífrico
Tamén este ano botaron man da imaxinación para solventar os atrancos que o coronavirus impuxo ás actividades de formación que habitualmente impartían as integrantes de Milhulloa. Prepararon un kit específico que permite elaborar na casa produtos como unha crema calorífica, un protector labial ou un dentífrico e un colutorio. “A caixa inclúe todos os ingredientes e utensilios necesarios e nós titorizamos a aprendizaxe vía online”, explican.
O comercio electrónico e os envíos a domicilio complementan na actualidade as canles de venda tradicionais da cooperativa. “Nunca nos quixemos meter en grandes superficies, só estamos nas tendas pequenas de toda a vida. Nós coñecemos polo nome ás persoas que venden os nosos produtos. Ese trato fai que tamén os defendan mellor. A nós interésanos o Km0 e que se manteñan as tendas das aldeas e o comercio de proximidade, que está en perigo de extinción. É a única maneira de que o rural siga vivo”, opina Chusa.