Pementos Carmucha, 3 xeracións apostando polos pementos de Herbón de calidade

Esta empresa familiar leva 90 anos adicada ó cultivo e comercialización de pementos de Herbón. Nos últimos anos, ademais da venta en fresco, decidíronse a innovar e probar novas preparacións a base da hortaliza

Publicidade
Pementos Carmucha, 3 xeracións apostando polos pementos de Herbón de calidade

José Manuel Ferro é a terceira xeneración dedicada á producción e comercialización de pementos de Herbón.

A familia de José Manuel Ferro leva toda a vida adicada ó pemento de Herbón. Antes ca el, súa nai seguiu xa os pasos da matriarca, a avoa Carme Rivera, fundadora e unha pementeira incansable. “Con 90 anos seguía contando os pementos para encher as bolsas, xa que antes vendíanse por unidades no canto de por peso”, recordan.

Pasaron de vender os pementos en Vigo, como facía a avoa, á Praza de Pontevedra e a distintos mercados cando a súa filla Carmucha Lago tomou o relevo. Agora, coa terceira xeración de Pementos Carmucha, céntranse na venda á hostalería e en ampliar mercado cara a produtos elaborados a base dos pementos de Herbón. Con todo, seguen sendo un dos vendedores habituais os domingos na feira de Padrón (A Coruña) e os sábados no mercado de Bertamiráns (Ames, A Coruña), onde levan acudindo máis de 25 anos.

Unha produción familiar

Os pementos cultívanos en parcelas situadas no concello de Padrón (A Coruña), localizadas a maior parte delas na parroquia de Herbón. Teñen uns 8.000 metros cadrados dedicados ó cultivo do pemento, dos cales uns 2.800 metros cadrados están ocupados con invernadoiros, o que lles permite comezar a tempada máis cedo. “Antes de plantar nos invernadoiros, a tempada eran só 2 meses, porque ata xullo non lograbas pementos e daquela os invernos eran tamén máis duros e en setembro xa non che aguantaban”, explica José Manuel.

Pementos-Carmucha-Invernadoiros-

O cultivo nos invernadoiros permítelles prolongar a tempada varios meses.

As primeiras plantas de pemento transplántanas en xaneiro ós invernadoiros e, deste modo, a primeira tanda de produción chega a comezos de maio, cando se abre a tempada de comercialización baixo a Denominación de Orixe Pemento de Herbón. Mentres, os pementos que teñen no exterior plántanos en maio e producen nos meses de verán. “O pemento precisa dunha temperatura suave para que saia adiante”, explica o produtor.

Teñen parte da plantación en invernadoiro para poder comercializar os pementos xa a comezos da tempada, en maio

Ó longo destes anos, ademais da incorporación dos invernadoiros, a produción de pemento foi transformándose. “Cando miña avoa ou miña nai se dedicaban ó pemento traballaban todo o día, recollían todo o día, dáballes moito máis traballo plantalos e atendelos”, recorda. Na tempada de produción, os pementos recóllenos de mañá e pola tarde levan a cabo un proceso de selección, clasificación e embolsado para a súa comercialización. “Seguimos sendo 4 persoas as que traballamos no pemento, pero fomos mecanizando e profesionalizando a produción. Naqueles tempos daban moita sacha para ter bos pementos”, lembra.

A incorporación de sistemas de rega automatizada, así como o acolchado do solo para evitar que medren herbas que compitan directamente coa planta do pemento foron algúns dos cambios máis significativos. Porén, mantéñense fieis á tradición noutros aspectos como a selección da sementeira. Como boa parte dos produtores da DO Pementos de Herbón, encárganse de producir as súas propias plantas de pemento no canto de mercalas en viveiros, como acontece noutras producións de horta.

Encárganse da selección da sementeira e de cultivar a propia planta no canto de mercala en viveiros

“Cando as plantas comezan a producir pementos, escollemos aquelas que máis nos gustan, que teñen unha produción máis uniforme e uns bos pementos, e son as que deixamos para a sementeira”, explica José Manuel. Un lazo atado na planta identifica nas plantacións aqueles exemplares seleccionados e que darán pé ás novas colleitas. Unha vez seleccionadas, deixan madurar eses pementos na planta, seguindo o ciclo natural, para obter unha sementeira de calidade.

No coidado da plantación, José Manuel opta por tratamentos ecolóxicos e pola loita biolóxica no canto doutras solucións fitosanitarias. “Non temos o selo de ecolóxico na nosa plantación porque o tamaño reducido das nosas parcelas fai imposible que poidamos certificar o 100% da nosa produción, xa que unha parte delas está próxima ás parcelas colindantes, pero nós traballamos nesa liña de respecto ó medio”, detalla o produtor.

Pementos-de-Herbon-

Xunto con José Manuel outras 3 persoas encárganse da recollida e comercialización dos pementos.

Algunhas das problemáticas máis habituais no cultivo do pemento son a presencia de pulgón ou de virose. “Hai 2 anos tivemos unha praga de virose moi forte. Cando é así só che queda arrancar a planta e desinfectar, porque esa colleita xa está perdida”, lamenta o produtor.

Os invernos e as primaveras moi chuviosas tamén son un atranco para a produción de pemento. “Se o terreo está moi húmido cando transplantas o pemento, a planta remata por pudrir e non sair adiante”, indica o pementeiro, ó tempo que recorda que hai dúas tempadas no momento do transplante a terra estaba aínda moi húmida e algunhas das plantas resentíronse.

Venda á hostalaría

En Pementos Carmucha, pese a que agora están máis centrados na venta á hostalería e tendas gourmet ou pequenas froiterías, no canto dos mercados, seguen encargándose eles mesmos de boa parte das entregas. “Na zona de Santiago, Sanxenxo e Pontevedra facemos nós a entrega dos pementos”, concreta. Ó resto de Galicia e algúns puntos en Asturias envían a mercadoría por transporte, aínda que puntualmente, se algún dos seus clientes se queda sen provisións tamén se acercan a levarlle subministros.

“Queremos que os nosos clientes teñan sempre pemento fresco e de calidade”

“Queremos que os nosos clientes teñan sempre pemento fresco e de calidade. Así é que se un restaurante nos pide 300 quilos de pementos á semana, non llos distribuímos todos nunha entrega, aínda que puidéramos facelo, preferimos levarlle tres veces pementos para que os vaian tendo frescos e poidan servir Pemento de Herbón de calidade”, reivindica o pementeiro.

Pementos-Carmucha-Herbon-

Trala recollida diaria seleccionan, clasifican e embolsan os pementos para distribuir en restaurantes e pequenas tendas.

Ó ter boa parte da súa produción orientada á hostalería, este ano tamén están a sufrir tanto o parón de actividade no estado de alarma, como a baixa demanda destes meses polas restricións sanitarias da crise do coronavirus. “Este ano as vendas están sendo moito menores ó haber menos turistas”, explica. Ante a incertidume desta campaña xa optaron por reducir a superficie plantada. No canto de contar cos 8.000 metros cadrados doutros anos, teñen plantada unha superficie duns 6.500 metros cadrados.

Novos produtos

Co gaio de prolongar as vendas máis alá dos seis meses –do 1 de maio ó 31 de outubro- que están autorizados baixo a Denominación de Orixe Pementos de Herbón, José Manuel apostou nos últimos anos por outros produtos elaborados a base de pementos de Herbón. “Gústanos innovar e probar novas elaboracións cos nosos pementos”, indica o productor.

Confitura-pimenton-verde-Pementos-Carmucha-

Nos últimos anos comezaron a elaborar tanto confeituras como pementón verde a base das súas hortalizas.

Hai 5 anos sacaron ó mercado os seus pementos confeitados, unha preparación pensada como acompañamento de carnes e peixes ou como aperitivo. “En Galicia está costando abrir mercado, porque a xente asocia a confeitura ó almorzo, e a algo doce, mentres noutros países este tipo de elaboracións son moi demandadas”, recoñece. Porén, o produto está a gustar entre os cociñeiros profesionais, que conseguen deste xeito ter nos seus platos o sabor do pemento de Herbón fóra da tempada. Polo momento, teñen unha produción duns 4.500 botes de confeitura, en diferentes tamaños.

Comercializan pementos confeitados e pementón verde que eles mesmos elaboran

Outro dos produtos que elaboran é o pementón verde de Herbón, tanto doce como picante, que a diferenza do popular pementón doutras zonas de España, cunha característica cor vermella, este realízase cos pementos en verde, o que lle confire esa cor. “É moi laborioso, xa que para elaborar un 1 quilo de pementón precísanse 70 quilos de pemento e hai que facelo, ó igual que a confeitura o propio día no que se preparan os pementos, porque unha vez que se cortan oxídanse moi rapidamente”, concreta José Manuel. Ó elaborar o pementón co pemento en verde permite que o sabor e a textura do pemento de Herbón quede concentrada.

queixo con pemento de padron Casa Zolle2

A queixería Lácteos de Friol incorporou o pementón verde a un dos seus queixos.

Ademais de comercializar de forma directa o pementón verde dende hai 2 anos, tamén está presente noutras elaboracións como o queixo cremoso de Casa Zolle, de Lácteos de Friol. Nestes meses tamén están a piques de cerrar un acordo cun dos principais produtores de tortas de casar para elaborar unha que inclúa o seu pementón verde.

Galicia calidade, un recoñecemento ó seu esforzo

Este ano, Pementos Carmucha acaba de conseguir o selo Galicia Calidade tanto para os seus pementos como para as confeituras. “Como o pementón só hai dous anos que o comezamos a comercializar, aínda non podíamos optar ó selo, pero agardamos que axiña o poidamos tramitar”, explica o produtor. “Lograr o selo de Galicia Calidade para nós foi un premio a anos apostando pola calidade na nosa produción”, afirma o produtor.

“Lograr o selo de Galicia Calidade para nós foi un premio a anos apostando pola calidade na nosa produción”

Dispor deste selo é unha garantía máis para os consumidores de que están a mercar un produto procedente de Galicia o que, no caso dos pementos de Herbón, pese a levar anos reivindicándoo mediante a DO, segue a ser moi necesario. “Aínda nos fai moito dano todo ese pemento que se vende como de Padrón, que é semellante ó que producimos en Herbón, pero que non ten o sabor, a textura e a calidade do que conseguimos aquí”, explica.

Os pementos que compiten co pemento de Herbón proceden principalmente do campo murciano, de Marrocos ou de Póvoa de Varcím (Portugal) e comercialízanos como pementos de Padrón. Esta denominación fora rexistrada por un viveiro do sur de España para comercializar a planta, o que obrigou ós produtores galegos a buscar a diferenciación mediante a Denominación de Orixe Pementos de Herbón. “O problema é que estes pementos báixannos os prezos, xa que os producen todo o ano, cando nós só estamos 6 meses. Así é que cando os nosos primeiros pementos chegan ó mercado xa atopamos con que hai pementos que se vende a 1,5 euros o quilo”, detalla o produtor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información