As granxas ecolóxicas galegas aproban en biodiversidade

Un estudo encargado polo Craega reflicte o papel positivo que exerce o gando no territorio, apostando por incluír estes valores nas certificacións medioambientais das explotacións

José Luis Cabarcos, xunto a Paco López e os autores do estudo sobre e biodiversidade das granxas ecolóxicas

José Luis Cabarcos, xunto a Paco López e os autores do estudo sobre a biodiversidade das granxas ecolóxicas

O Estudo de cuantificación dos baremos cualificativos da biodiversidade nas explotacións de produción ecolóxica de bovinos de leite e carne, impulsado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e presentado este xoves en Lugo, defende que se debe poñer a biodiversidade que caracteriza a produción ecolóxica en Galicia como “eixo da diferenciación e valoración das producións gandeiras de bovinos”. “Non sería malo poder expresar estas características nas certificacións de valor medioambiental das explotacións”, conclúe.

“A cuantificación dos espazos xeradores de biodiversidade das granxas analizadas reflicte unha realidade biolóxica de alto valor”, aseguran José Luis Cortiñas e Juan A. Pérez, que foron os responsables de elaborar este estudo, que se centra nos conceptos de agricultura e gandería ecolóxicas e na biodiversidade que xeran estas explotacións.

Analizáronse e comparáronse catro granxas de produción ecolóxica de bovinos, dúas de carne e dúas de leite: A Cernada (Palas de Rei, Lugo), María Elvira Diéguez García (Montederramo, Ourense), Bernardino González Pena (Monfero, A Coruña) e Casa de Vázquez (O Corgo, Lugo).

Analizouse a biodiversidade en dúas ganderías ecolóxicas de produción de leite e dúas de carne

Os datos obtidos durante a fase de investigación para a realización do estudo permiten concluír que “estes espazos produtores de alimentos son ao mesmo tempo grandes reservorios de biodiversidade”. Expresada en hectáreas de biodiversidade por hectárea de cultivo, as 4 explotacións superan o umbral mínimo de 0,5 ha de biodiversidade por ha de SAU.

Ser positivos coa biodiversidade non nos fai máis ineficientes desde o punto de vista da sustentabilidade económica ou social

O peso da superficie de pradeira nas explotacións de ecolóxico axuda a acadar estes niveis positivos. Con todo, existe marxe de mellora nas sebes e peches vexetais das parcelas. “A dimensión das sebes é moi inferior a outras zonas gandeiras de Europa. O reparto da terra en Galicia non admite esas dimensións de sebes, pero favorece a conexión dos espazos de biodiversidade entre sí”, aseguran sen embargo os autores do traballo.

Sen competencia polos recursos entre o gando e o ser humano

O estudo incide en varios aspectos clave que constitúen os piares básicos nos que se sustenta a gandería ecolóxica (calidade ambiental e desenvolvemento sustentable, saúde e benestar animal, e calidade de produtos) e en varias das normativas que inflúen directamente neste tipo de explotacións.

Destaca que as catro explotacións analizadas “basean a alimentación do seu gando en fibras non asimilables polo ser humano”, polo que non se dá “competencia polos recursos entre gando e persoas”.

As explotacións analizadas reflicten o papel positivo que exerce o gando no territorio

“O gando, cun manexo correcto, mantén a durabilidade do chan axudando á calidade das augas. As explotacións analizadas reflicten o papel positivo que exerce o gando no territorio. A actividade gandeira xera e preserva os hábitats e os recursos alimentarios para a fauna, ademais de ser imprescindible para moita flora”, conclúe o estudo encargado polo Craega.

Pola súa banda, Francisco López Valladares, presidente do Craega, indicou que “a produción de gando ecolóxico representa unha alternativa á progresiva intensificación da produción animal convencional” e o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, clausurou o evento destacando na súa intervención a evolución positiva da agricultura ecolóxica en Galicia nos últimos anos (na última década a superficie ecolóxica medrou en Galicia un 198%, pasando de 15.242 ha no ano 2012 a 45.626 ha no ano 2022), así como a importancia da Lei da Calidade Alimentaria para o futuro do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información